MANUEL LOURENZO AO FRONTE DE GRUPODRAMATURXA

Criación teatral arredor do país

Criación teatral arredor do país
O dramaturgo Manuel Lourenzo. Foto: AELG.
O dramaturgo Manuel Lourenzo. Foto: AELG.  

Reflexionar sobre a identidade galega en chave teatral. Ese é o obxectivo do primeiro Grupo DramaturXa, unha experiencia en que dez autoras e autores desenvolverán cadansúa peza teatral a partir do traballo individual e colectivo. Das obras resultantes, tres han de ser escollidas para levar a escena en produción propia do Centro Dramático Galego, impulsor da iniciativa xunto coa Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGA.


A listaxe coas integrantes do grupo de escrita, coordinado polo escritor e director escénico valadourés Manuel Lourenzo, publicarase o vindeiro 9 de febreiro. Este xuntarase durante seis meses no Salón Teatro de Santiago de Compostela, en horario de 10 a 15 horas, duás veces ao mes. As persoas interesadas en entrar no proceso de selección, responsabilidade dunha comisión constituída por profesionais do sector, poden enviar as súas solicitudes até o 22 de xaneiro, seguindo as instrucións que se indican no web www.centrodramatico.gal.

 

“Un teatro forte para un país forte”

 

O célebre dramaturgo Manuel Lourenzo será o encargado de asesorar os dez creadores. O valadourés explica que tentará abordar o tema central da identidade nacional abrindo unha serie de posibilidades para que cada persoa tome unha ramificación. “Repasaremos elementos fundamentais da identidade, como a lingua, a historia, a expresión política e a relación do teatro con esta”, engade.

 

O director teatral, cuxa carreira estivo sempre enfocada cara a un teatro galego e contemporáneo que non ignorase as súas raíces históricas e estéticas, gaba a profesionalización do sector nos últimos tempos. Lourenzo, que fundou e impulsou compañías como Casahamlet ou a Escola Dramática Galega, incide tamén na necesidade de que este novo teatro sexa unha expresión artística “de contestación, que integre todas as voces”.

 

Cun panorama actual de avellentamento, decadencia rural e a crise económica, o dramaturgo pon en valor o papel do teatro como actor social. “O diñeiro non fai todo, porque se queremos un país forte, necesitamos un teatro forte que dialogue de ti a ti, que fale polo país”, conclúe.

 

Mais iniciativas

 

A iniciativa do Grupo DramaturXa está enmarcada dentro do programa Dramaturxente de apoio, fomento e promoción da autoría teatral galega contemporánea que o CDG mantén coa Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGa. Dentro do mesmo, o CDG porá tamén en marcha este ano outras tres novas iniciativas.

 

Así, Teatrhoxe será a denominación dun apartado específico na nova web do Centro Dramático Galego, onde cada tres meses se publicará unha reflexión escénica ou pequena peza teatral de autoría galega, mentres que Lanzadeira porase a disposición dos creadores, a través dunha convocatoria pública, para presentar ou facer unha lectura dun fragmento das súas obras inéditas. Ademais, un dos talleres formativos desta temporada estará orientado especificamente á escrita teatral.

 



x