Ignacio Vilar: “O idioma é fundamental para transmitir a grandeza de "A Esmorga" no cine”

Ignacio Vilar: “O idioma é fundamental para transmitir a grandeza de "A Esmorga" no cine”
Ignacio Vilar
Ignacio Vilar  

A semana que vén comezará a rodaxe de A Esmorga, a nova película de Ignacio Vilar. Despois de Pradolongo e Vilamor, Vilar enfróntase ao reto de levar ao cine a novela de Blanco Amor na que experimentará unha “nova maneira de contar”. Rodará na nosa lingua, como as anteriores películas, a única posibilidade que el entende para transmitir a grandeza da novela e para seguir a construír cinema galego. 


-O anuncio do inicio da rodaxe dunha longametraxe galega é unha noticia extraordinaria neste tempos. Está o financiamento pechado?

Case ao cen por cen e iso si que é noticia. É a primeira vez que a TVE merca os dereitos dunha película en galego. Temos ademais axudas de AGADIC, a TVG, o Concello de Ourense, a Deputación de Ourense e o Instituto de Artes do Ministerio de Educación e Cultura. Agora estamos negociando con empresas privadas que xa entraron nas anteriores películas miñas. 

-Por que esa implicación con A Esmorga?

Contan varios factores. É unha grande novela da literatura universal e os precedentes de Pradolongo e Vilamor tamén axudan. Pradolongo leva xa máis de 450.000 espectadores e iso tamén contribúe. Dicir que é unha novela clásica significa que está fora do tempo mais tamén que está vixente no presente. O que trata A Esmorga sigue sendo actual. Son tres personaxes que non logran realizarse como persoas porque as condicións políticas, sociais e ambientais non os axudan. Tamén acontece na sociedade actual. 

-A rodaxe comeza xa, están os nomes dos protagonistas?

Comezamos a rodar agora sen actores, con secuencias de paisaxes. Levamos xa semanas escollendo os protagonistas e nestes momentos temos seis nomes. Para a semana que vén xa saberemos quen son os tres actores dos personaxes principais. 

-Até cando se prolongará a rodaxe?

Queremos captar a atmosfera que transmite a novela que é fundamental para contar a historia e por esta razón imos alongar a rodaxe até o 30 de marzo, o que non é habitual. Para nós é moi importante captar a luz de A Esmorga. A película vai ser moi respectuosa coa novela. Temos a sorte de que se desenvolve na zona antiga de Ourense que aínda se conserva como no tempo en que Blanco Amor escribe a obra. 

-A novela fora levada xa ao cine naquela película española La Parranda. 

En 1967 por Gonzalo Suárez que rodou na conca mineira. Defendo que A Esmorga hai que collela desde dentro e o idioma é fundamental para transmitir a súa grandeza. A Esmorga é Ourense. É o noso idioma. Se non é así, é difícil chegar ao que significa. 

-Onde tivo moita fortuna foi no teatro, coas dúas propostas de Sarabela. 

Vin a segunda e quedei tan impresionado que foi cando pensei que era o momento de lanzar a historia. A obra de Sarabela conseguía transmitir todo o que a novela ten. 

-Con Pradolongo e Vilamor, desenvolveu unha liña creativa que vai ter continuidade neste novo filme?

En canto traballo creativo, A Esmorga vai significar unha nova forma de contar historias no cine. A Esmorga, aínda que non pareza, ten moito de aldea galega, a que quere chegar ao centro da cidade porque é onde están as forzas vivas. Como director estou nun momento no que quero experimentar outra forma de contar e quero facelo nesta película. 

-Definiu o seu como “cinema galego” por estar rodado na nosa lingua. 

Esta nova película será tamén cinema galego, puro e duro. O que define o cine galego é, fundamentalmente, a lingua. 

-Nas anteriores películas experimentou unha nova maneira de distribución, percorrendo o país cunha caravana. Seguirá nesa liña con A Esmorga?

Seguirei. Os cines están en mans das multinacionais e para o cine galego a distribución é moi complexa, é moi difícil que chegue ás salas comerciais. Se non optas por unha distribución deste tipo a película non chegará aos espectadores. A fórmula que realizamos con Pradolongo e Vilamor foi un éxito porque a xente respondeu e conseguimos difundir a nosa cultura e a nosa lingua. 



x