Indignación nas redes polo uso de Rosa Díez como modelo de Sargadelos

Indignación nas redes polo uso de Rosa Díez como modelo de Sargadelos
Fábrica de Sargadelos en Cervo. Foto: cedida.
Fábrica de Sargadelos en Cervo. Foto: cedida.  

Intelectuais, artistas, escritoras, activistas, e todo tipo de usuario das redes sociais amosan a súa indignación polo uso da ex líder de UPyD Rosa Díez como modelo da histórica empresa de cerámica Sargadelos. O escritor e editor Fran Alonso resumiu o sentir nun chío: “Abraiante! Como afundir a identidade histórica de Sargadelos nun día!”.
 


Non foi, nin moito menos, o único en reaccionar á promoción nas redes sociais do “icónico Bolso Voluta de Sargadelos” cunha foto de Díez en Castro Urdiales, Cantabria. A ex deputada caracterízase polo seu extremo españolismo e a súa belixerancia contra toda identidade que non sexa a española. É por iso que a súa escolla por parte de Sargadelos -compañía de fonda bagaxe galeguista, vencellada ao exilio e refundada por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane- causa abraio, enfado, estupefacción.

 

O debuxante e ilustrador Kiko Da Silva expuña na súa conta de Twitter a súa sorpresa anoxada: “Que despropósito e que pouco respecto ao traballo feito pola galeguidade de Díaz Pardo e Seoane. Que triste o que están a facer con Sargadelos”. Logo dun agre conflito de accionistas en 2007 e 2008, Díaz Pardo e os seus fillos foron apartados da dirección da compañía, que adoptou novos, e polémicos, rumbos. “Que triste”, expresaba sen máis o escritor David Otero.

 

Para a Asociación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña, o proxecto Sargadelos é agora “unha mágoa. Non merecedes levar ese nome vinculado á cultura galega”. “Triste deriva esta que se apoia en referentes antigalegos...”, afirmaba a escritora e secretaria da Asociación de Escritores en Lingua Galega Mercedes Queixas.

 

Rosa Díez, durante moitos anos militante do PSOE pero reciclada en centralista e centrista de nova cuíña en UPyD, empregara o termo “gallego” como insulto en varias ocasións. A de máis sona fora cando, para definir ao ex presidente do Goberno José Luis Rodríguez Zapatero, afirmara que este era “gallego, en el sentido más peyorativo del término”. “Con xente que di isto queredes promocionar Sargadelos, en serio? Menuda vergoña!!!”, lembraba en Twitter Kiko Da Silva. Foi un dos moitos que recuperou aquelas declaracións de Díez.

 

E houbo mesmo quen reflexionou sobre que os chíos de Sargadelos coa política vasca se emitisen xusto o día antes do sexto cabodano de Díaz Pardo. Este intelectual galeguista e republicano, pintor e enorme debuxante, imaxinou e materializou, canda Seoane, esa estraña versión galega da Bauhaus, acubillo e promotora de demócratas e antifranquistas, xermolo dun deseño galego avanzado, transmisora da identidade cultural e política dunha nación adoito negada.



x