CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

"It" si mete medo

"It" si mete medo
Un fotograma do filme
Un fotograma do filme  

IT

(EUA 2017, 135 min.) 

Dirección: Andrés Muschietti

Guión: Gary Dauberman, Cary Fukunaga e Chase Palmer

Fotografía: Chung Chung-hoon

Música: Benjamin Wallfisch

Elenco: Bill Skarsgard, Jaeden Lieberher, Jeremy Ray Taylor, Sophia Lillis, Finn Wolfhard, Chosen Jacobs, Wyatt Oleff, Nicholas Hamilton, Jack Dylan Grazer

 

SINOPSE

As crianzas comezan a desaparecer en Derry, unha vila do condado de Maine. Un grupo de rapaces marxinados descobre que as desaparicións están relacionadas cun terrorífico pallaso chamado Pennywise.

 

CRÍTICA

Remake da famosa novela de Stephen King, 27 anos despois da adaptación televisiva dirixida por Tommy Lee Wallace e protagonizada por Tim Curry. Inicialmente o proxecto pasou polas mans de Cary Fukunaga (Beasts of No Nation), mais o seu guión, escuro e sexualmente explícito, provocou discrepancias “artísticas” coa produtora e precipitou o seu abandono. O elixido para substituílo foi o arxentino Andrés Muschietti, que viña de obter o aval do gran Guillermo del Toro na súa ópera prima de terror Mamá (2013). O novo texto de It mantiña a estrutura de guión de Fukunawa mais suprimía as partes máis controvertidas (sexuais), a cambio recuperaba pasaxes da novela eliminadas e modificaba, o xusto, as subtramas para tratar de manter intacta toda a esencia da novela de Stephen King. 

 

Pero imos ao que importa: este lavado de cara de It... mete medo? A resposta é un rotundo si... cando menos na primeira metade do filme. Un medo que ten base en tres puntos fortes: a atmosfera, o pallaso e a música. Atmosfera de corte realista habilmente creada por uns efectos especiais artesanais, con CGI só para as escenas imprescindíbeis, e unha dirección de fotografía firme e luminosa do coreano Chung-hoon Chung (Oldboy, Stoker), para así “gozar” do sorriso do pallaso Pennywise en todo o seu esplendor. A inquietante caracterización de Bill Skarsgard, coma o pallaso Pennywise, camiña continuamente pola senda do calafrío cunha interpretación á altura do seu predecesor Tim Curry, por non dicir que a supera. O terceiro punto forte recae nos continuos sustos remarcados pola fanfarra musical de Benjamin Wallfisch (Blade Runner 2049). Avisa, vénse vir, e... TA!! Susto que che criou...

 

Un non parar de sustos, un tras outro, case sen descanso. Hai un momento do filme que, se non es moi masoquista, seguro que pensas se de verdade paga a pena ir ao cinema a pasalo mal. Mais Muschietti é consciente disto e semella ter ben medidos os tempos así que, pouco antes de que pidamos papas, concede un respiro ao respectábel derivando a historia nunha sorte de Stranger Things. Un alivio. De feito, como sabían que as comparacións coa famosa serie ían ser inevitábeis, de perdidos ao río e non se cortan en meter un dos protagonistas da serie (Finn Wolfhard) coma un dos membros do Clube de Perdedores. Pero claro, se nos poñemos estritos... que foi antes? o ovo ou a galiña? Porque todo o mundo sabe que Stranger Things bebe dunha multitude de referencias, e do imaxinario de Stephen King do que máis. 

 

O Clube de Perdedores son iso, uns perdedores pre adolescentes que se unen para acabar co pallaso-monstro que aterroriza a vila de Derry e que se alimenta de medo... e carne humana. O clube está formado por sete membros: Bill “o tartamudo” (Jaeden Lieberher), o gordiño Ben (Jeremy Ray Taylor), Ritchie “o chistoso” (Finn Wolfhard), o hipocondríaco Eddie (Jack Dylan Grazer), o xudeu Stan (Wyatt Oleff), o negro Mike (Chosen Jacobs) e Beverly (Sophia Lillis), a única moza do grupo. Cada un/unha coa súa respectiva tara, xa sexa social, afectiva ou física. Curiosamente o pallaso Pennywise (Bill Skarsgard) non é o único que dá arrepíos na historia. O mundo adulto, sobre todo os pais dos protagonistas, e mailo abusón do colexio Henry Bowers (Nicholas Hamilton) que non os deixa en paz, pugnarán todo o tempo por ver quen leva o título de personaxe máis inquietante. 

 

Desde a miña adolescencia son un grande afeccionado á obra de Stephen King pero tras o baixón de A Torre Escura o meu habitual escepticismo sobre este tipo de adaptacións viuse acrecentado de forma notábel. Así que fun ver It en modo respecto, pero con moita prudencia e pouca fe. Hei de dicir que saín da sala moi, pero que moi satisfeito. Fai pasar un mal rato, consegue facer rir e logra emocionar, ademais capta á perfección toda a esencia da novela de Stephen King. Que máis se pode pedir?... Haberá segunda parte a finais de 2018, até entón tentaremos non flotar... 



x