O Kiosco Alfonso inaugura expo ampliada de Xurxo Lobato sobre Rosalía

O Kiosco Alfonso inaugura expo ampliada de Xurxo Lobato sobre Rosalía
Xurxo Lobato diante de imaxes na exposición
Xurxo Lobato diante de imaxes na exposición  

A mostra 'Airiños Aires, Rosalía' do fotógrafo Xurxo Lobato continúa a súa itinerancia por todo o país, pero hoxe inaugúrase no Kiosco Alfonso da Coruña con máis imaxes, así como con retratos históricos da poeta, edicións singulares e manuscritos orixinais. 


A través das cincuenta e sete imaxes de gran formato que ocuparán ata mediados do mes de marzo o Kiosco Alfonso, nos Xardíns de Méndez Núñez, a exposición traza a xeografía física, pero tamén emocional dunha autora que protagonizou un complexo peregrinar durante os seus corenta oito anos de existencia, ao mudar constantemente de residencia e de localidade. 

“Airiños Aires, Rosalía”, exposición impulsada pola Fundación Rosalía de Castro e a Obra Social “la Caixa”, que conta en A Coruña coa colaboración do Concello e da Real Academia Galega, emprende unha viaxe singular a partir das primeiras constancias da vida da escritora, como a pía de Santiago de Compostela onde recibiu o bautismo, localizada no Hostal dos Reis Católicos, para avanzar cara os seus referentes clásicos, o terreo rosaliano por excelencia: Compostela, Lestrobe, Padrón…

O autor da obra, Xurxo Lobato explica que esta exposición é “a miña humilde homenaxe a Rosalía de Castro, a quen considero escritora de referencia tanto na literatura galega como na española. Foi unha muller que non quixo restrinxirse ao ámbito doméstico. Escapou do rol tradicionalmente atribuído á muller e asumiu  protagonismo como escritora nun tempo no que iso era navegar contra o vento e a marea. Relendo agora a Rosalía ollei unha intelectual, una feminista, unha galeguista, unha muller con gran conciencia social e política. Unha muller que sente o seu País, e que o sente con dor: a emigración, a inxustiza, a incomprensión de Castela... E unha muller que tamén ama a natureza”.

O fotógrafo manifesta que “nestes tempos cómpre reivindicar a Rosalía como poeta e escritora, como pioneira na defensa das mulleres e como símbolo de galeguidade”. E sinala que estas fotos “queren ser unha mirada nostálxica, evocadora da vida de Rosalía e da súa obra”.

“Airiños Aires, Rosalía” é unha iniciativa da Obra Social “la Caixa” e a Fundación Rosalía de Castro co obxectivo de expor nas sete grandes cidades de Galicia o proxecto que ocupou durante tres anos ao fotógrafo Xurxo Lobato. Nesta parada na Coruña cóntase coa participación do Concello e da Real Academia, grazas a quen se exhibirán na mostra edicións singulares de obras de Rosalía procedentes da Biblioteca Municipal, así como manuscritos orixinais dos seus poemas que se conservan no Arquivo Municipal. A RAG colabora co retratos fotográficos de Rosalía, que se acompañan das notas biográficas dos fotógrafos que a retrataron, feitas polo fotohistoriador Carlos Castelao.
 



x