MERYL STREP ATACA TRUMP E ESTE RESPONDE: "É UNHA FAN DE HILLARY"

"La La Land" supera o récord histórico de "Alguén voou sobre o niño de cuco" nos globos de ouro

"La La Land" supera o récord histórico de "Alguén voou sobre o niño de cuco" nos globos de ouro
Un fotograma de La La Land
Un fotograma de La La Land  

Un musical de 2016 conseguiu desbancar o mítico filme Alguén voou sobre o niño do cuco (1975) como fita con máis premios nos globos de ouro, os galardóns que concede a Asociación da Imprensa Estranxeira.


Voltan os musicais? Talvez si, despois do suceso de Whiplash (2014), o mesmo director, Damien Chazelle, volta a atacar este ano con La La Land, un glamouroso intento de resgatar a mellor tradición dos musicais de Hollywood con Emma Stone e Ryan Gosling a encabezaren o elenco. Pois ben, La La Land acaba de arrasar nos Globos de Ouro ao marcar o récord histórico de premios, sete, un rexisto que lle permite superar o teito fixado nos 70 pola lendaria One flew over the cukoo's nest, de Milos Forman.

La La Land fíxose cos premios ao mellor filme no apartado de comedia e/ou musical, á mellor actriz e actor nese mesmo apartado -Emma Stone e Ryan Gosling, respectivamente-, ao mellor realizador, ao mellor guión, á mellor banda sonora e á mellor canción orixinal. Total, 7 pezas, face as 6 da fita de Forman.

Naturalmente, esta exhibición fai que La La Land compareza como principal favorita ante a gala dos Óscars, o grande combate do planeta Hollywood axendado para o vindeiro 26 de Febreiro.

O triunfo da proposta musical de Damien Chazelle (1985) viuse eclipsado polo momentazo da gala, o discurso de Meryl Streep contra Donald Trump, unha soberbia posta en escena da monumental actriz -talvez a mellor da súa xeración- e un alegato contra a xenofobia e o desprezo aos débiles.

Streep, que en ningún momento citou Trump, dixo con elegante ironía que na gala dos Globos de Ouro estaban representados os estamentos máis "vilipendiados" por certa sociedade norteamericana, en alusión ás persoas estranxeiras, á imprensa e a Hollywood (lembremos que estes premios os dan os críticos de cinema foráneos radicados nos EUA).

"O desrespeito convida ao desrespeito. A violencia, á violencia", dixo Streep, quen se referiu con estas palabras ao ataque de Trump contra o xornalista de The New York Times Serge Kovalevski, de quen se burlou por ter unha discapacidade física.

O presidente eleito non demorou en responder as críticas de Streep, de quen dixo que é unha "grande fan de Hillary".



x