Ler Sicixia á vista das Cantigas de Amigo

Ler Sicixia á vista das Cantigas de Amigo
Cartaz anunciador de Sicixia
Cartaz anunciador de Sicixia  

Sicixia preséntanos unha historia que ten todos os ingredientes das Cantigas de Amigo. Unha historia asentada na memoria colectiva coa lenda da Buserana e na individual coa evocación de sons e imaxes da natureza.


Pasou unha semana desde que Sicixia chegou ás salas de cinema comercial e, neste tempo, moito se ten escrito sobre o filme. 

Desde as reflexións de sorpresa que mostra algún medio por o filme ter alcanzado tanta audiencia a outras que aseguran que Sicixia emula, no argumental, As pontes de Madinson e, na técnica narrativa e combinación de documental con ficción, Tabú, o derradeiro filme de Murnau (1931); desde quen confunde percebes con mexillóns ("Se asan los percebes en una parrilla sobre la arena", leo nunha crónica) a quen simplemente viu un documental sobre a rapa das bestas complementado cunha historia amorosa en praias bonitas. 

Creo que se pode ver Sicixia sen necesidade de procurar referencias externas e ollando máis para nós

Tamén lin que é unha película que reivindica a cultura popular. Talvez o título e subtítulo "un paseo polo amor e a costa da morte" permita escribir iso e moito máis. Loxicamente cada quen ve o filme á luz das súas propias experiencias e, nese sentido, todas as interpretacións son aceptábeis, mesmo a que ve percebes onde hai mexillóns.

Sobre o título e outras cousas

Tamén sobre o significado do título se ten escrito bastante. Hai quen o interpreta como unha metáfora, na Sicixia, “sol, terra e lúa casan e emparellan”, leo nun comentario. Tamén quen ve en SICIXIA unha eclipse, permitíndolle relacionar o filme de Vilar co filme Eclipse de Antonioni.

Debo recoñecer que, lonxe dos ámbitos astronómicos, o uso da palabra sicixia é bastante restrito entre nós. Na imprensa europea apenas se documenta, a diferenza do que acontece na América onde podemos topar con titulares como “Mareas de Sicigia tienen inundada a Cartagena (en Colombia) ou “Marés de sizígia e agitação marítima provocam correntezas no Sudeste” (lido no R7 brasileiro)

As mareas de sicixia, ou mareas vivas (curiosamente o protagonista de Sicixia participou na serie de TVG titulada Mareas Vivas), prodúcense cando a Lúa e o Sol están en conxunción (Lua Nova, a Lúa entre a Terra e o Sol) ou en oposición (Lúa Chea, a Terra entre o Sol e a Lúa). Neste caso os efectos de ambos astros súmanse e de aí a preamar de sicixia ser máis alta do que a preamar promedio e o mesmo a baixamar.

A Sicixia de Vilar é unha sicixia de conxunción, partimos de Lúa Chea que mostra o primeiro punto sobre o i para chegarmos á Lúa Nova no derradeiro i

Para além de todas as referencias cinematográficas mencionadas, e aínda no que di respecto ao título, cabe referir a existencia de un outro título Sizígia, neste caso unha curtametraxe da autoría do arquitecto portugués Luís Urbano premiada en varios festivais internacionais de curtametraxes desde 2012. 

Desénvolvese na Piscina das Marés, un edificio deseñado por Álvaro de Siza e as imaxes en movemento son utilizadas non tanto como un mero retrato arquitectónico mais como un proceso de investigación do espazo, un espazo en que existe unha curta ligazón entre a imaxe e o son. A narración, 17 minutos,  está conducida por unha única personaxe, o responsábel das piscinas cando estas están fechadas e que, mentres realiza as súas tarefas mostra ao espectador as instalacións do edificio dunha forma diferente e contando sempre unha historia.

Na Sizígia de Luís Urbano os sons da ducha, dun martelo a cravar, das crianzas a xogar fóra ou do cepillo de fregar o chan van acompañando a nosa visita á Piscina das Marés

SicixiaFago esta referencia porque Ignacio Vilar tamén está interesado en investigar na paisaxe e mostrar a acción humana  sobre ela, a través da arquitectura, especialmente nos aspectos máis intervencionistas, como o cemiterio de Fisterra, onde a morte está presente embora non haber enterramentos, e a referencia recorrente á casa comesta xa polas hedras que abrazan as columnas e coas que Xiao confidencialmente comparte o seu silencio.

En contraste con esas paisaxes humanizadas, intervidas pala acción humana, achamos en Sicixia unha outra paisaxe da que o ser humano é só espectador e na que sitúa unha liña argumental que nos remete para un período en que Galiza era monolingüe, cun peso social, político e cultural que excedía as nosas fronteiras. Referímonos a ese período coñecido na literatura como trobadoresco que desenvolveu unha literatura culta, con raíces na terra e sen mimetismos, coñecendo e interpretando as correntes que existían fóra.

Amigo, sen necessidade de refrám nem paralelismo

"Amigo, sen necessidade

de refrám nem paralelismo,

direi a minha angústia e menos o meu gozo", escrebeu Carvalho Calero abrindo o libro Cantigas de amigo e outros poemas.

En Sicixia non se utiliza paralelismo nin refrán, ou si, mais o resultado final non é alleo a certas formas de contar propias da lírica medieval, e tamén da literatura posterior.

En Sicixia o resultado final non é alleo a certas formas de contar propias da lírica medieval

 

En calquera libro de texto se nos di que as cantigas, especialmente as de amigo, se caracterizan pola estilización de temas folclóricos, a localización nunha escenografía natural (praia, mar, fonte, lago, casa) e a utilización simbólica de elementos da natureza, asociados coa masculinidade (vento, mar), a feminidade (cabelos, aves, auga, fonte, roupas) ou a experiencia amorosa

É obvio que a liña argumental xira en torno á lenda e que por volta dela se constrúe a historia de amor, e desamor, entre Olalla e Xiao.

Estamos en presenza dunha cantiga de amigo na medida en que a voz narradora é unha muller, que vemos no comezo do filme saír do mar e retornar a el no final

Repasemos este protagonismo en función dos modelos de análise que se atribíuen ás Cantigas.

1. O ambiente social. Como calquera cantiga de amigo Sicixia desenvólvese nun ambiente rural e burgués, en ambientes familiares e de intimidades domésticas.

2. A amiga vai mostrando ao longo da historia toda unha variación de estados de ánimo e de actitudes sentimentais.

3.- A nai. No filme no existe o papel da nai. É asumido polo tío no que di respecto á desaprobación do encontro dos amantes e pola voz coral das palilleiras e as mulleres que traballan na ribeira en todo o que ten a ver coa transmisión da experiencia, da xustificación de por que certos traballos son de mulleres e saír de aí ten consecuencias. E tamén da expresión da ausencia do marido de que falan as mulleres da ribeira fronte á presenza, non desexada, do marido da protagonista que polo seu traballo non ten que abandonar a casa. As dores de ausencia que sofre Olalla son pois de outro tipo.

4. As confidentes. Olalla non ten amigas. Está soa. Só coa natureza pode compartir os seus pensamentos. E é o que fai, cando sobe ao faro ou cando baixa, a pé e dubida se subir de novo ao coche.

Desde o punto de vista simbólico hai moito en Sicixia que nos remete para as Cantigas

Mais tamén desde o punto de vista simbólico hai moito en Sicixia que nos lembra as cantigas. Desde a ducha da protagonista recén chegada do mar, e onde vemos con especial insistencia a preparación do pelo xusto antes da primeira “cita” para tomar un viño e onde ainda a distancia entre eles é evidente (“Mandáronche vir comigo” di, mais ou menos, Xiao. Ao que responde Olalla “Pedíronmo”)

Tamén o acto de “purificación” a que se somete Xiao no spa do hotel e a posterior relación entre os dous lembra moito as cantigas de Pero Meogo e os seus cervos que “volven” á auga.

Moita outra simboloxía poderíamos avaliar. A lección final sobre o comportamento sexual das aves, por exemplo

Quizais o menos simbólico sexa esa relación sexual explicita (e bastante silenciosa nun contexto en que o argumento é captar ruídos) que se produce xusto á volta da romaría, que non outra cousa é aquel encontro no bar. Podería ficar fóra da nosa idea de comportamento dunha moza na idade media. Quizais porque pensamos que a literatura medieval era pacata. Mais se lermos unha cantiga como esta de Joan Zorro, esa idea desaparece.

"Pela ribeira do rio salido

trebelhei, madre, con meu amigo:

amor ei migo, que non ouvesse;

fiz por amigo que non fezesse!

Pela ribeira do rio levado

trebelhei, madre, con meu amado:

amor ei migo que non ouvesse,

fiz por amigo que non fezesse." 

A amiga pon á vista da nai que ela é a dona das súas decisións, ainda que poida mostrar certas dúbidas do resultado. Tamén Olalla trebella co seu amigo, sabendo que non é preciso contarllo a ninguén, a ningunha confidente,  pois naquela vila a xente sabe todo e por iso a preocupación do seu tío: “Olalla, a xente fala”. Mais Olalla, como a moza de Joan Zorro, tamén ten claro que quere ser dona das súas decisións.

Sicixia recolle e traslada para hoxe unha etapa de esplendor da Galiza e da súa cultura e, en vez de a utilizar como pano de fondo, colócaa como estandarte co que ollar para nós mesmos aínda que sexa envoltos nun mar de algas, abertos á posibilidade de escoitarmos de novo a música.



x