UNHA ESCOLMA DO PAPEL: LUGO É LETRAS

Lugo é Marica Campo

Lugo é Marica Campo
[FOTO: Marica Campo]
[FOTO: Marica Campo]  

María Pilar Campo Domínguez, a escritora Marica Campo, naceu no Val do Mao (O Incio, Lugo) no ano 1948, cando con moita probabilidade Ánxel Fole preparaba os magníficos relatos do seu libro Á lus do candil localizados nas veciñas terras courelás, acrecentados poucos anos despois, en 1955, coa publicación das engaiolantes historias de Terra Brava, ambientadas xeográfica e lingüisticamente nestas terras do Incio, aínda coa nosa autora a gozar da liberdade da vida infantil polos mesmos espazos rurais narrados por aquel e enxalzados nunha cántiga popular que reproduce o propio Fole na súa obra: Viva o Incio, viva o Incio, / terra de lobos e xestas... Terra brava, en fin, onde Marica Campo vai dar os primeiros pasos na descuberta do mundo e na conformación da súa personalidade.


Mais pouco lle duraría ese reino feliz da infancia, pois seus pais, na procura de mellores oportunidades para a formación da numerosa prole, trasladaron a súa morada para Lugo. Nesta cidade realizará os estudos, mais sempre coa ilusión de tornar nos veráns ao seu locus amoenus onde paseniñamente se irá impregnando da lingua e dos modos de contar historias que engaiolaron Fole e que acabarán tamén por apreixar a nosa autora, sempre coa axuda do seu grande amor pola lectura.

 

Toda a súa produción literaria finca as súas raigañas na terra onde naceu

 

Porén, a práctica monolingüe na oralidade e na escrita virá despois como consecuencia do desempeño do labor docente en diversas escolas da provincia de Lugo e logo dun proceso de reflexión persoal, pois infelizmente aínda hoxe o amor á nación e ao idioma non fan parte do noso ser colectivo e precisan ser aprendidos. Marica tamén os aprendeu após esa viaxe interior arredor de si, como Otero Pedraio, coa axuda das moitas lecturas que abren camiño ás persoas intelixentes e coa lembranza constante das vivencias, dos sabores e dos recendos do Val do Mao soñado, amado e sempre anseiado. Toda a súa produción literaria finca as súas raigañas na terra onde naceu, de modo que o seu mundo tamén se chama Val do Mao. Este, O Incio e toda a provincia de Lugo por extensión vense reflectidos na obra dunha das súas escritoras máis sobranceiras.

 

Unha voz singular e única, difícil de encaixar en grupos xeracionais, non estivo, nin está, obsesionada polas modas literarias

 

Comezou Marica Campo a escribir desde nova, mais nunca tivo présa por publicar. Na realidade, é unha autora serodia canto á data de publicación dos seus libros, embora algúns dos seus poemas xa levasen anos circulando polo país, ás veces en forma musicada, a facer parte ela propia, en certo modo, dun espectáculo artístico-literario de grande aceptación popular que a vincula dalgunha maneira coa soldadeira María Balteira, de especial relevancia na súa obra como símbolo da muller insubmisa.

maricacampo2

 

Deste modo, cando no ano 1992 sae do prelo Tras as portas do rostro xa batemos cunha voz poética "maior" dentro da literatura galega, como dixera Manuel María, unha voz circia e madura que soborda beleza artística, tremor emotivo e paixón vital. Unha voz que viña "derramando en silencio cuncas de beleza na brancura do papel" e que non era "efémera flor de Primavera", mais "froito maduro de Outono, froito en sazón, prodixio e maravilla", como tan ben escribira Manuel López Foxo. Unha voz singular e única, distanciada por veces dos modos literarios de grande parte dos autores e autoras coevos, difícil de encaixar en grupos xeracionais ou escolas porque tamén non estivo, nin está, obsesionada polas modas literarias, unhas veces efémeras, outras en exceso dependentes de capelas canonizadoras con capacidade de condenaren ao esquecemento. Tivo Marica Campo outras obsesións diferentes: a preocupación constante polo cultivo artístico dun galego auténtico e de calidade, a igualdade de xénero e a visibilidade da problemática das mulleres, nomeadamente daquelas que optan por seren independentes e rebeldes, a recuperación da memoria de moitas destas mulleres inxustamentes tratadas e/ou esquecidas, a defensa dos dereitos nacionais da Galiza, a xustiza social etc. Eis, pois, unha escritora comprometida co seu pobo e co seu tempo: nacionalista, feminista, solidaria. Todos tres, adxectivos que definen a súa actuación cívica e que dunha forma ou doutra abrollan ao longo e largo dunha obra desbordante de sentimento, de paixón vitalista e de expresividade.

 

As obras de Maria Campo, á marxe do xénero, son breves e intensas, cal pequenas doses de arte literaria concentrada

 

Talvez para mellor controlar tal fervenza expresiva quixo a autora someterse ao ríxido molde do soneto nas 33 xoias que compoñen Pedinche luz prestada (2001), a se converter así nunha das máis destacadas cultivadoras desta clásica composición: "sílabas computadas e ritmos prefixados para conter a desmesura e convertela na palabra xusta", no dicir de Pilar Pallarés. Mais, non conforme con isto, tivo a ousadía de practicar unha forma compositiva, a sextina, nunca antes cultivada na literatura galega e practicamente resgatada da poesía medieval occitana de Arnaut Daniel. Incorpora así á literatura galega unha fórmula métrica moi fechada e exixente con máis de oitocentos anos de antigüidade, unha fórmula que, na procura do tempo perdido, vén inxectar na nosa lingua e na nosa literatura unhas tan necesarias doses de prestixio coa ollada posta no futuro. Lonxe de ser puro artificio formal do pasado, o Sextinario (2007) reborda actualidade e compromiso (velaí títulos como "Sextina solidaria", "Lingua", "A razón da vítima", "Pola liberdade", "Mulleres de Ciudad Juárez" etc.). A se servir dun instrumento formal dun pasado lonxincuo, Marica denuncia as inxustizas do presente e proxecta un porvir de dignidade para a Galiza, para o idioma, para as mulleres e para o ser humano.

 

Eis a ambición artística, a vontade de estilo e o compromiso cívico de Marica Campo, que non se circunscriben ao ámbito poético, pois tamén na narrativa nos deixou froitos importantes, igual que no teatro e na literatura infantil e xuvenil, sen menosprezarmos a mestría que nos vén demostrando constantemente nos seus artigos de opinión –e de intervención– en diferentes medios. O conxunto de relatos reunidos en Confusión e morte de María Balteira (1996) recrea o mundo máxico das lendas galegas, a resaltar un universo feminino por veces oculto ou incomprendido e a pór en evidencia vellas personaxes do imaxinario popular que fusionan historia e fantasía con plena naturalidade. En Memoria para Xoana (2002) mestura pasado e futuro, coa memoria como valor que ha garantir o ser e o estar no mundo, en canto en Onde houbo lume (2010) recupera historias de mulleres emparentadas coa memoria persoal para as salvar do esquecemento. E sempre a muller a ocupar a centralidade duns relatos intelixentemente deseñados, executados con brillante estilo e desbordantes de tenrura e emotividade. En todos estes libros hai recendos da prosa realista e máxica de Fole, como tamén de Cunqueiro e doutros autores e autoras dese realismo máxico á galega que bebe das máis profundas e fermosas historias que conforman as raigañas do pobo, historias, pois, que non representan tanto un sentir individualizado canto colectivo e que fan parte da nosa memoria íntima.

maricacampo

As obras de Marica Campo, á marxe do xénero, son breves e intensas, cal pequenas doses de arte literaria concentrada; algo similar acontece nos artigos xornalísticos. Neles e en toda a súa produción escrita transparece o firme compromiso coa Galiza, patria asumida e sempre reivindicada, e coa causa da xustiza e da solidariedade humana. Tamén se compromete en cada texto coa calidade e dignificación artística da lingua galega, que tan primorosamente coida na procura de lle tirar todo o seu potencial de expresividade. Máis outra forma, en fin, de fidelidade e de amor á Terra.

 

 

Esta reportaxe apareceu no Sermos Galiza nº 167, publicado a 15 de outubro de 2015.

 



x