CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Marabillosa familia de Tokio

Marabillosa familia de Tokio
Un fotograma do filme
Un fotograma do filme  

MARABILLOSA FAMILIA DE TOKIO

Kazoku wa tsuraiyo 

(Xapón 2016, 108 min.) 

Dirección: Yôji Yamada

Guión: Yôji Yamada e Emiko Hiramatsu

Fotografía: Shinji Chikamori

Música: Joe Hisaishi

Elenco: Isao Hashizume, Kazuko Yoshiyuki, Masahiko Nishimura, Tomoko Nakajima, Yui Natsukawa, Yû Aoi, Satoshi Tsumabuki

 

SINOPSE

A piques de facer as vodas de ouro, Tomiko pide o divorcio de Shuzo. Os tres fillos tratarán de pescudar os motivos de tan repentina decisión.

 

CRÍTICA

En 2013, Yôji Yamada homenaxeaba Yasujiro Ozu cun remake de Contos de Tokio titulado Unha familia de Tokio (ver Sermos Galiza nº158). Tratábase dun drama costumista de corte clásico sobre a vellez e a familia. Agora, en Marabillosa familia de Tokio, pasa á comedia mantendo a mesma temática, pero o máis curioso é que repite cos mesmos actores facendo unha sorte de spin-off cómico-teatral daquela. Mantense practicamente a mesma estrutura narrativa, pero muda as formas, o fondo e a historia. Se Unha familia de Tokio trataba sobre a visita dos pais a tres fillos desconsiderados que non tiñan tempo para eles, en Marabillosa familia de Tokio a cousa vai da avoa que pide o divorcio do avó poñendo en seria crise o xa de por si complicado equilibrio familiar. Os tres fillos, xunto coas súas respectivas parellas, tratarán de discernir os motivos de tan repentina decisión namentres van saíndo á luz as miserias dos seus respectivos matrimonios. De feito o divorcio é un tema recorrente en todo o filme. Hai tamén unha velada crítica subxacente á precaria situación das esposas xaponesas, pouco menos que escravas dos seus maridos, nunha sociedade na que o home traballa, chega borracho a casa e vai durmir mentres a muller dedícase a limpar, lavar a roupa, cociñar e coidar dos fillos. O tradicional patriarcado xaponés no seu máximo esplendor. Loxicamente, ao ser unha comedia de entretemento, puro e duro, pasa un pouco de puntiñas polo tema, pero faino o suficiente como para que non pase desapercibido entre o respectábel.

Yamada segue sen agochar a súa predilección polo seu benquerido e admirado Ozu, mesmo resulta fachendoso, e nada sutil, cando usa parte de metraxe de Contos de Tokio a modo de paralelismo narrativo, ou un cartaz do propio remake da mesma firmado por el. Filme algo irregular por tramos no que destaca a xenial banda sonora composta por Joe Hisaishi (A viaxe de Chihiro, O conto da princesa Kaguya), así como os títulos de crédito deseñados polo carismático artista gráfico Tadanori Yokoo. É para moi frikis do deseño e da arte urbana, pero paga a pena quedar até os títulos de crédito finais para presenciar un xenial broche de ouro en forma de obra de arte en movemento cunha fantástica música de fondo. Marabillosa familia de Tokio é unha comedia amábel con humor moi branco e toques de slapstick ao máis puro estilo Shin-chan (con personaxes caendo de lado, torpes e caricaturescas) que logra sacar un amplo sorriso coas súas carismáticas personaxes máis nunca unha gargallada. Simpática, sen máis... Ten xa segunda parte mais, desta volta, dubido moito que logre viaxar máis aló do país do sol nacente.

 



x