IGNACIO VILAR, DIRECTOR, VE COMO O SEU FILME CHEGA Á QUINTA SEMANA NAS PANTALLAS

“As marcas de público de A Esmorga supoñen un antes e un despois no cinema galego”

“As marcas de público de A Esmorga supoñen un antes e un despois no cinema galego”
Rodaxe da Esmorga @XurxoLobato
Rodaxe da Esmorga @XurxoLobato  

Cinco semanas en carteleira e máis de 32.000 persoas de público. A Esmorga bate marcas na historia do noso cinema e, para o seu director, Ignacio Vilar, estes datos botan abaixo os prexuízos que din que as películas galegas non logran encher as salas. 


 

-Que significa a marca de permanencia en carteleira que conseguiu A Esmorga?

Considero que é impresionante porque esta sexta feira entran as superproducións americanas que queren apoderarse de todas as salas, mais a nosa está a aguantar ese empurrón. Temos unha gran noticia que é que confirmamos a quinta semana con Cinesa. A quinta semana é unha moi boa nova. Que unha película galega e en galego aguante tanto é un feito histórico, non só no cine galego senón en calquera película rodada noutra lingua distinta ao español. Pa negre, poño por caso, conseguiu maior público despois da entrega dos goyas. Estar cinco semanas e no tempo de Nadal, coa presión do cine norteamericano, é un gran suceso. 

-De que público estamos a falar?

Neste momento estamos en 32.000 persoas con 18 copias distribuídas. Tamén iso é un feito histórico. Estamos no top 15 de todo o Estado e somos a segunda película que máis público meteu por copia. Neste momento temos data xa de estrea en Madrid, nos cines Princesa, onde estará a versión orixinal o 6 de marzo e logo levaremos a outras salas a versión dobrada. Queremos chegar a todos os públicos e por iso tamén se dobrou a película, traballo que fixeron os propios actores, conservando o sotaque galego. A voz do Cibrán decidimos non dobrala. En canto á proxección orixinal farase tamén con subtítulos en catalán, éuscaro e castelán. Aínda non está pechada a distribución, mais contamos con que a película viaxe moito. 

"Nin os produtores, nin os distribuidores nin os exhibidores poden xa dicir que o cine galego non enche as salas".

-Que unha película galega e en galego consiga estes datos nas salas comerciais contribúe a eliminar prexuízos?

Supón un antes e un demais. Nin os produtores, nin os distribuidores nin os exhibidores poden xa dicir que o cine galego non enche as salas. As nosas producións funcionan como calquera outras do mundo e podemos mesmo competir coas superproducións, como estamos a ver. Que unha película, sen moito orzamento sexa quen de meter máis espectadores no cine nunha semana que moitas superproducións quere dicir que unha boa historia interesa como calquera outra cinematografía do mundo. Xa non se pode dicir que o cine galego non ten público. 

-Diso vostede estivo sempre convencido. Se non non se explica o esforzo en promoción directa e distribución...

Son galego e quero seguir contando historias como as que contaban os meus devanceiros á beira da lareira. Quero que nós sigamos contando esas historias. Non podo facer outra cousa. Non somos nin mellores nin peores que os demais pobos. Temos materiais para contar e cousas que dicir e unha maneira de entender a vida e con iso contribuímos á riqueza e á diversidade cultural e idiomática. A Esmorga ten moito de min e moito de nós. Gustaríame que fora normal ver cada quince días unha película coas nosas historias, mais aínda non o é. Se os galegos e galegas apoian o noso cine e hai unha aposta política podiamos producir dez ou vinte longametraxes cada ano, crear unha industria que daría tamén moitos postos de traballo e vender o noso por todo o mundo. Países pequenos como Irlanda, Corea do Sur ou Dinamarca teñen un cine propio que os identifica. 

-Esta fin de semana estreouse tamén Os fenómenos, e o seu director, Alfonso Zarauza, recoñecía que A Esmorga abrira camiños. 

Creo que favorece a todo o cine. Por desgraza hai moitos produtores que pensan que rodar en galego significa que non vai ter público e esta película demostra que si. Aquel director que teña claro que quere facer cine galego e rodado en galego vaino ter agora máis fácil. Xa hai argumentos para botar abaixo os que manteñen eses produtores. 

"Quen teña claro que quere facer cine galego e rodado en galego vaino ter agora máis fácil".

-Con estes resultados, confírmase que a súa aposta por levar ao cine a novela de Blanco Amor foi un acerto?

Ao cen por cen. É impresionante que sexa Blanco Amor e a súa novela a que demostre que o cine galego pode encher salas. O público transmíteme que sae tocado pola película, que é dura, emocionados e non só iso, nótase o orgullo que viven como unha experiencia na película. Fico impresionado con esa sensación que se percibe con facilidade. 

-Cinco semana en carteleira, estrea prevista en Madrid... a que aspira A Esmorga?

En Madrid queremos tamén encher salas, como en Catalunya, o País Vasco e o resto do Estado. Logo está previsto ir a Arxentina e Uruguai que son os primeiros países cos que estamos a traballar. Alí quere a Editorial Galaxia, que é coprodutora, lanzar a colección de literatura Mar Maior e é unha aposta importante. A idea é seguir viaxando polo mundo cunha película nosa e no noso idioma. Dalgunha forma estamos tamén viaxando nós porque A Esmorga é a nosa película, un gran escaparate no mundo. O apoio das galegas e galegos que foron ao cine dános agora forza para estar en multitude de países. 

-Que foi o máis difícil deste reto da película?

Lograr estar en todos os cines da Galiza. Sabía que se o conseguiamos iría moita xente mais entrar en todos coas multinacionais enriba parecía realmente imposíbel. Lográmolo e segue aí cinco semanas despois, o que semella tamén incríbel. 



x