Marcos Abalde acada o Lueiro Rey de poesía

Marcos Abalde acada o Lueiro Rey de poesía
Marcos Abalde
Marcos Abalde  

O poeta e dramaturgo vigués vén de gañar o IV Premio Manuel Lueiro Rey de poesía polo seu poemario 'Exhumación'.


O xurado, formado por  Luís Cochón Touriño, Mercedes Queixas Zas e Armando Requeixo, e reunido na tarde do 29 de febreiro, elixiu por unanimidade o seu texto de entre os 44 traballos presentados e salientou “o tempero dunha voz moi afinada, chea de resonancias e lecturas que soubo procesar para ofrecer unha aproximación ben persoal a temas e motivos entre os que a memoria dos desfavorecidos, represaliados e desherdados resulta decisiva”.

O certame segue a consolidar a súa andaina coa colaboración tanto do Concello de Fornelos de Montes, lugar natal do escritor que dá nome ao premio, coma da Asociación Cultural O Cruceiro da Laxe da mesma localidade e mais a editorial Edicións Xerais de Galicia, que se incorpora este ano como responsable da publicación do volume gañador, que se presentará publicamente o vindeiro 9 de abril en Fornelos.

Marcos Abalde (Vigo, 1982) ten obtido numerosos premios, sobre todo no eido do teatro. En 2008 acadou o Josep Robrenyó coa obra experimental Canibalismo, galardón que concede a Associació d’Investigació i Experimentació Teatral de Catalunya. En 2011 obtivo a vixésima edición do Premio Álvaro Cunqueiro a textos teatrais, coa peza A cegueira e en 2012 o Marqués de Bradomín de textos dramáticos que outorga o Instituto da Xuventude con Xudite e o Premio da Bienal de Teatro Romaría Vikinga de Catoira, por A saga de Iacobsland. Os últimos galardóns foron en 2014 o Fiz Vergara Vilariño, por Oenach e en 2015 o Mome Varela Buxán, por Oito epitafios por Troia.
 



x