María do Cebreiro, Uxía e Observatorio da Igualdade da Mariña, Premios da Crítica Galiza 2016

María do Cebreiro, Uxía e Observatorio da Igualdade da Mariña, Premios da Crítica Galiza 2016

O fotógrafo Gabriel Tizón, Alberte Pagán, Teatro do Atlántico e a 'Historia da literatura infantil e xuvenil' tamén foron galardonados nesta 39 edición dos premios.


Os Premios da Crítica de Galiza 2016 déronse a coñecer este sábado en Vigo no acto que transcurriu no Hotel Os Escudos. Nesta 39 edición incorporábanse dúas novas modalidades, co que estas aumentaban a oito.

Creación literaria para 'O Deserto', de María do Cebreiro

O xurado acordou declarar finalistas as obras Cabalos e lobos de Fran P. Lorenzo (Xerais), O deserto de María do Cebreiro (Apiario) e Os últimos días de Terranova de Manuel Rivas (Xerais). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio á obra de María do Cebreiro.

O xurado salientou que “a alta calidade do libro radica tanto na súa autenticidade, propia dunha voz tan persoal como é a da autora, como na integración de diversas referencias culturalistas que aínda así non impiden a intelixibilidade da mensaxe poética. Tamén se fixo referencia ao diálogo coas imaxes que conforman o libro, así como o coidado estético deste como produto artítico”.

Investigación para 'Historia da literatura infantil e xuvenil galega', do equipo coordinado por Blanca Roig

Foron finalistas as obras Medo político e control social na retagarda franquista de Lucio Martínez Pereda (Xerais); Historia da Literatura Infantil e Xuvenil Galega do equipo coordinado por Blanca Roig Rechou (Xerais) e Juan Rof Codina de Diego Conde Gómez (Xerais). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por  maioría o premio a Historia da literatura infantil e xuvenil galega do equipo coordinado por Blanca Roig (Xerais).

O xurado destacou que a obra gañadora “ten moito interese para a comunidade educativa e para novos investigadores sobre literatura infantil. Así mesmo que o equipo investigador realizou un grande esforzo na recompilación de materiais nunha área decisiva para o futuro das letras galegas, ao tempo que serve de base para outras investigacións e e exercicios críticos máis detallados”.

Iniciativas Culturais e Científicas recaeu no Observatorio pola Igualdade da Mariña

O Programa ConCiencia, Observatorio da Mariña pola Igualdade e Numax Sociedade Cooperativa Galega foron as finalistas. O xurado salientou que “esta iniciativa afonda no traballo necesario pola igualdade de xénero dando visibilidade ao esforzo das mulleres desde o campo literario ao científico. O xurado considerou, así mesmo, o esforzo engadido de xestar unha iniciativa cultural destas caracteríticas na Mariña. A confluencia da muller, a lingua minorizada e a marxe xeográfica confire a este proxecto un carácter de múltiple subalternidade que consideramos digno de ser centro da nosa atención”.

.Música, Uxía Senlle

Finalistas: Uxía, María Fumaça e Festival de Ortigueira. O xurado salientou “a longa traxectoria de Uxía como intérprete, comezada en 1986, coa gravación de Foliada de marzo, así como a súa calidade como compositora e letrista. O xurado destacou de Uxía “a súa condición de ponte entre as distintas culturas da lusofonía e de divulgadora da poesía galega, especialmente no eido infantil”. Outro tanto, o xurado destacou “o seu traballo de promoción de proxectos tan necesarios para a súa visibilidade na sociedade como María Fumaça. Sen esquecer, Baladas da Galiza imaxinaria, o seu ultimo disco en colaboración con Fran Perez Narf”. 

Artes Plásticas, Gabriel Tizón. 

Finalistas: Soledad Penalta, Paco Pestana e Gabriel Tizón. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por votación o premio a Gabriel Tizón. O xurado salientou “a súa calidade estética dentro dun compromiso social dende a súa profesión ao longo do mundo: Guinea Bissau, Lesbos, Subia, Calais… poñendo énfase nos conflitos humanitarios duns tempos convulsos, que nos achega e ,ao mesmo tempo, proxecta o noso país na esfera internacional”.

Artes escénicas, para Teatro do Atlántico

O xurado da modalidade de Artes Escénicas acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Teatro do Atlántico, Kukas Producións Artísticas e Matarile Teatro. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a Teatro do Atlántico. O xurado salientou “a traxectoria de Teatro do Atlántico fundada en 1985 por María Barcala e Xulio Lago, compañía que apostou sempre pola lingua galega como se demostra no espectáculo O principio de Arquímedes (2015)”. Alén diso, o xurado destacou “a creación dun repertorio propio con diferentes autores e a coherencia no mantemento dunha poética propia, a miúdo independente das correntes dominantes, pero sempre con eleva calidade”. O xurado quixo destacar tamén “a importancia para a Historia do teatro galego dos dous integrantes da compañía: María Barcala, coherente cun modelo de interpretación e de xestión e no seu activismo teatral, que mantén unha reivindicación da figura da muller como creadora e traballadora das artes escénicas, e Xulio Lago, director fundamental no teatro galeg”.

Cinema e artes audiovisuais para Alberte Pagán

Finalistas: Alberte Pagán, Play doc de Tui e S8 Mostra de cine periférico da Coruña. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a Alberte Pagán. O xurado salientou de Alberte Pagán “a súa condición de cineasta total, así como a integridade e coherencia no seu traballo tanto intelectual como artístico. A súa faceta como investigador, docente, programador, ensaísta, poeta, tradutor, novelista, activista cultural, pero basicamente pola alta calidade cinematográfica da súa obra, abrindo camiños poucos transitados polas cinematografías de calquera país”.

Cultura Gastonómica, para a cooperativa Artesáns de Pesca

Manuel Gago, Artesáns da Pesca e David Sueiro (Galo Celta) foron os finalistas. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a Artesáns da Pesca. O xurado salientou de Artesáns da Pesca “o seu compromiso por unha pesca sostible, defensa das artes tradicionais, especialmente as de baixura e proximidade”. Ademais destacou “o seu labor de concienciación do colectivo pesqueiro e a procura da innovación e a excelencia”. Por último, o xurado fixo unha mención especial de “David Sueiro (Galo Celta) por liderar un traballo que vai máis alá da recuperación dunha raza autóctona”.



x