NACÍA HAI 120 ANOS

María Luz Morales Godoy, a primeira muller en dirixir un xornal

María Luz Morales Godoy, a primeira muller en dirixir un xornal

A Coruña acollía o 1 de xaneiro de 1898, hai hoxe 120 anos, o nacemento de María Luz Morales Godoy, a primeira muller en dirixir un xornal no Estado español. Acusada de pertencer ao Partido Galeguista, foi encarcerada e inhabilitada para exercer o xornalismo.


A primeira muller que dirixiu un xornal no Estado español foi galega. A xornalista María Luz Morales Godoy nacía na Coruña o 1 de xaneiro de 1898, hai hoxe 120 anos.

 

En 1910, marchou para Barcelona, cidade onde foi destinado seu pai, funcionario de Facenda. Porén, María Luz Morales nunca se desvinculou do país que asumiu para sempre como o seu.

 

Xornalista, editora, crítica cinematográfica, muller comprometida co seu tempo, foi a representante da Asociación de Escritores Galegos en Barcelona. De 1936 a 1937, dirixiu La Vanguardia e mantivo o compromiso galeguista malia vivir desde nova en Barcelona.

 

Así, foi activista a prol do Estatuto de Autonomía de Galiza e após o golpe de estado franquista, foi expulsada do traballo. Aliás, acusada de pertencer ao Partido Galeguista, ficou inhabilitada para exercer o xornalismo e foi encarcerada.

 

María Luz Morales Godoy, considerada unha referencia para a incorporación das mulleres ao xornalismo, faleceu en Barcelona en 1980. Escribiu, até os seus últimos días, no Diario de Barcelona.

 

A máis grande, Rosalía

 

A xornalista Carme Vidal ten sinalado que María Luz Morales reparou nas figuras de Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán e, sobre todo, en Rosalía de Castro, de quen elaborou perfís biográficos.

 

“Nelas recoñécese como muller galega e nos seus nomes busca todas as outras mulleres das que nunca se amentará o seu nome, como deixa escrito no libro Las Románticas”, salienta Vidal.

 

Quen fora directora de La Vanguardia na súa época máis complexa, escribiu en Las Románticas, “todas as galegas con sentido común e un chisco de sensibilidade, por moi literatas que sexamos, sabemos que (aínda respectando no que valen tan ilustres nomes) as verdadeiras grandes mulleres de Galiza non son as que desempeñan un gran papel na Arte e na Historia senón aquelas outras ignoradas e humildes (...) De todas as galegas ilustres, é por iso a máis grande Rosalía: porque na súa voz salouca a dor de todas estas esquecidas”.



x