María Victoria Moreno, a "nai" da literatura infantil galega

María Victoria Moreno, a "nai" da literatura infantil galega
María Victoria Moreno recibindo o Premio Barco de Vapor [Foto: arquivo familiar / Álbum Mulleres CCG]
María Victoria Moreno recibindo o Premio Barco de Vapor [Foto: arquivo familiar / Álbum Mulleres CCG]  

A autora que se perfila como a homenaxeada nas Letras 2018, María Victoria Moreno, é aínda unha descoñecida para boa parte do mundo da cultura, así que falamos coa escritora Eli Ríos, da plataforma A Sega, boa coñecedora da súa vida e obra para que nos descubra algo máis da súa vida e obra.


"A min gústame chamarlle a nai da literatura infantil e xuvenil galega, así como Neira Vilas é o pai, e formou a xeracións de escritoras que viñemos detrás", explica Ríos. "A LIX galega nace con 'Memorias dun neno labrego', que é a obra que se considera fundacional. Foi publicada no 1961, pero non chegou a Galiza até o 68 ou 69. Nese momento a literatura non consideraba as personaxes femininas, non había mulleres. Así que María Victoria Moreno cando chegou aquí apaixonouse pola lingua e pola literatura galegas e decidiu que había dúas cousas que cambiar: primeiro, que as obras tiñan que ser divertidas para poder atraer lectores e lectoras, non debían ser todas historias moralizantes. E a segunda cousa, quería que as rapazas estiveramos representadas".

 

María Victoria Moreno cando chegou aquí apaixonouse pola lingua e pola literatura galegas e decidiu que había dúas cousas que cambiar

A súa figura e o seu valor xa foi reivindicado pola plataforma de crítica feminista A Sega, quen xa a homenaxeou en 2015 no seu Día das Galegas nas Letras, e tamén por Urco Editora, quen lle dedicou un dos volumes de 'Mulleres bravas da nosa historia', biografías de mulleres galegas destinadas ao público infantil. 

 

O primeiro libro que veu a luz foi 'Mar adiante' (Ediciós do Castro, 1973). "Publicouno pouco despois de 'Memorias', de Neira Vilas, e nesta obra conxunta as súas dúas paixóns: a didáctica -é divertido- e con protagonistas femininas. Con el fainos repensar a escrita, todo o que nos contaban os contos tradicionais, todo o que nos transmitira o sistema patriarcal". O seu libro quizais máis popular foi 'Anagnórise', "esta pedazo de novela na que as protagonistas escoitaban David Bowie, que era o que escoitaba a rapazada do movemento". 

 

No eido da divulgación Moreno fixo a antoloxía dos Novísimos "cando naquel momento ninguén falaba da poesía contemporánea". Foi ela quen o fixo, insiste Eli Ríos, "e quen o difundiu nunha edición bilingüe, a nivel peninsular. Estaba situando a literatura galega ao mesmo nivel que calquera poeta de España". 

 

A escritora ordense tamén salienta obras divulgativas como os diarios da enfermidade -'Diario da luz e a sombra' (Xerais, 2004)- "nos que fala sobre o cancro e nos que desmitifica a enfermidade e fai reivindicacións do tipo: 'Non me digades que estou guapa, porque estou enferma, deixádeme ter o dereito a estar enferma, a non ter que finxir mentres estou enferma'". 

 

"Mestra apaixonada"

 

Alén da literatura, Eli Ríos lembra que foi unha "mestra apaixonada da docencia" e percorreu todo o país dando aulas de galego. E por esa razón, conta, "entroulle a Garda Civil na casa a facer o rexistro e retiráronlle o pasaporte". "Eu sempre digo que somos herdeiras desta xente, María Victoria Moreno, Fina Casalderrey, que pasaron este esforzo para que hoxe poidamos falar en galego, para que non nos veña a Garda Civil á casa. 

 

No seu labor docente, a escritora de orixe cacereña "ilusionou e conseguiu atraer lectoras e apaixonou a xente pola literatura". Nunha homenaxe que lle fixeron en Pontevedra, xa ao final da súa vida, Eli Ríos conta que dixo: "Esta é a Pontevedra que me gustaría ter visto cando cheguei". Morrería en novembro de 2005, pero "non rematou aí a súa figura, porque legou ao instituto Torrente Ballester de Pontevedra os máis de 5.000 volumes da súa biblioteca". 

 

María Victoria foi tamén unha das primeiras editoras de Galiza, "con todo o que iso supón nun mundo machista como é o da edición, pero ela foi a que inaugurou a colección Árbore de Galaxia", remata a recente premio Torrente Ballester. 



x