María Xesús Lama publica a primeira biografía ampla de Rosalía de Castro

María Xesús Lama publica a primeira biografía ampla de Rosalía de Castro
Retrato de Rosalía realizado por Sellier
Retrato de Rosalía realizado por Sellier  

A editorial Galaxia anúnciaa como "a biografía definitiva", como o "retrato dunha muller libre e independente". Acaba de chegar ás librarías un agardadísimo traballo de investigación asinado por María Xesús Lama. 


Unha biografía ampla de Rosalía de Castro, a máis grande escritora das nosas letras, era un dos maiores debes da nosa cultura. E vén cubrir ese oco a biografía de María Xesús Lama da que acaba de publicar Galaxia un primeiro volume, dentro da colección Grandes Biografías, que conta a súa vida e obra até 1863, ano da publicación de 'Cantares gallegos'. 

Trátase dun extenso traballo no que a autora leva traballando varios anos, moi documentada e con abondoso material inédito. Ninguén até o momento publicara unha obra desta magnitude polas dificultades de atopar datos biográficos dunha autora que, lembremos, mandoulle ás súas fillas queimar todas as súas cartas no seu leito de morte.

 Ninguén até o momento publicara unha obra desta magnitude polas dificultades de atopar datos biográficos da autora

María Xesús Lama é profesora de Estudos Galegos na Universitat de Barcelona e editora da obra da poeta. "Cun enfoque novidoso e un pulo investigador que converte a lectura nunha pescuda apaixonante na vida da autora", segundo a editorial, este primeiro volume repasa os feitos chave da infancia e formación de Rosalía de Castro. "Nel esvélase a orixe acomodada e urbana dunha rapaza que medra gozando do lecer e benestar da súa clase, desmóntase a teoría do trauma da orixe e aclárase de xeito incuestionable o asunto da paternidade. Tamén se cuestiona a mediación de Murguía no acceso ao mundo cultural por parte de Rosalía e no seu emprego do galego como lingua literaria, indágase nos motivos da súa viaxe a Madrid e ofrécese un retrato poliédrico da autora, lonxe dos tópicos e das sucesivas simplificacións da súa figura".

Nel desmóntase a teoría do trauma da orixe e aclárase de xeito incuestionable o asunto da paternidade

Deste xeito, este primeiro volume amósanos á nena curiosa que xoga no eixido dunha casa de vila, á adolescente inqueda e con soños de artista, á rapaza atrevida disposta a construír unha vida independente, á lectora febril que ferve de ideas revolucionarias, á escritora consciente do seu talento e disposta a saír á praza pública... Unha imaxe de Rosalía até o de agora inédita que nace dun traballo de rigorosa pescuda bibliográfica.

Rosalia

María Xesús Lama (Lugo, 1964) estudou Filoloxía Galego-Portuguesa e Filoloxía Hispánica na Universidade de Santiago de Compostela (1987) e doutorouse na Universitat de Barcelona (2002), onde agora imparte docencia, cun traballo sobre a apropiación dos materiais lendarios celtas e da materia de Bretaña na literatura galega contemporánea. A súa investigación céntrase na interrelación entre o proceso de construción nacional e a literatura en Galiza, prestando especial atención á vida e a obra de Rosalía de Castro como escritora fundacional, labor á que se vén sumar agora este estudo biográfico.



x