Marilar Aleixandre reúne nun volume tres emblemáticos libros de poesía

Marilar Aleixandre reúne nun volume tres emblemáticos libros de poesía
A poeta Marilar Aleixandre. Foto: cedida.
A poeta Marilar Aleixandre. Foto: cedida.  

Non é habitual na literatura galega que unha poeta reedite as súas obras. Ainda menos que o faga por xunto nun volume. E, porén, este é o caso de Marilar Aleixandre (Madrid, 1947), que en Mudanzas e outros velenos (Galaxia, 2017) reúne tres libros fundamentais na súa traxectoria.
 


mudanzas e outros velenos

Catálogo de velenos -orixinal de 1999, premio Esquío-, Abecedario das árbores (2006) e Mudanzas (2007, premio Caixanova) conforman a entrega de Aleixandre, que leva prólogo da poeta Antía Otero. “Sen dúbida na traxectoria de Marilar hai unha constante que se repite: a curiosidade por xuntar e ordenar as palabras descarreiradas que gabean polas marxes das follas”, escribe Otero.

 

Atravesados por unha forte conciencia feminista e de pescuda nas zonas negadas da historia, os seus poemas rescriben mitos e narracións, entenden o mundo como tecido por relatos e nel interveñen destemidos. Mudanzas, por caso, subverte as Metamorfoses de Ovidio: “non traduzo, traizóo / mais talvez sexa a traizón ás túas palabras / a única forma de serche fiel”. Eis unha poética posíbel para Aleixandre.

 

A poeta, prolífica autora de literatura infantil e xuvenil e tamén novelista recoñecida, participou no Batallón Literario da Costa da Morte e mais e Letras de Cal, dous fitos sen os que non se explica a xeración dos 90. En 2016 publicou o seu último libro de poemas, Desescribindo (Apiario, 2016), de alto contido político e coa memoria insurxente como un dos fío centrais.

 

Antía Otero conclúe a súa introdución cunha mención ao discurso que Aleixandre pronunciou no seu ingreso na Real Academia Galega hai agora un ano: “Prefiro o abruñeiro, unha árbore rebelde e insubmisa, apropiada para as mulleres que saben apañar flores mais tamén, como Rosalía, utilizar as espiñas do pensamento crítico”.



x