EXPO NO MUSEO DO POBO

As mariscadoras: a beleza e o perigo

As mariscadoras: a beleza e o perigo
[Imaxe: Museo do Pobo Galego] Unha das imaxes da exposición
[Imaxe: Museo do Pobo Galego] Unha das imaxes da exposición  

Ver unha mostra de arte contemporánea no Museo do Pobo Galego ten o seu aquel, aínda que o tema sexa tan tradicional como o marisqueo, visto  –iso si– a través dos ollos de dous artistas internacionalmente recoñecidos como o catalán Francesc Torres e a norteamericana Terry Berkowitz. Pode visitarse até setembro. Eis un extracto do publicado no semanario Sermos Galiza.


3Que o Museo do Pobo Galego celebre o seu 40 aniversario cunha mostra de arte contemporánea é toda unha declaración de intencións para o futuro. Están abertos, din, "a novos proxectos que contribúan ao debate e a divulgar unha imaxe renovadora da realidade actual do noso país". E a revisión crítica que fan Berkowitz e Torres do mundo das mariscadoras coincide coa intención do Museo de "crear novos e renovados enfoques a problemas de hoxe".

 

E Parábola da Abundancia [aberta até o 24 de setembro] é iso, unha visión crítica desde a arte contemporánea do marisqueo e da febleza do ecosistema das rías galegas a través de fotografías, vídeos e dúas instalacións con material de traballo e de refugallo. E tamén unha homenaxe ás mulleres que traballan no mar, en xeral, e ás mariscadoras da Costa da Morte e das Rías Baixas, en particular.

 

"Queremos que a exposición esperte unha certa reflexión non só sobre o marisqueo, senón o que representa se o perdemos", di o propio Francesc Torres, que quixo reflexionar xunto con Berkowitz sobre o perigo que pende sobre este territorio costeiro por efecto das consecuencias da acción do ser humano, e que realza, aínda máis, o valor deste impagábel patrimonio.

 

[Podes ler a información íntegra no número 258 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]



x