CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Midnight Sounds

Midnight Sounds

O Rock progresivo non é un xénero que hoxe en día  traía moitas novidades mais cando chegan, soen ser pezas moi coidas e traballadas. Midnight Sounds non ía a ser a excepción co seu novo traballo. Chapter 1 é unha proposta de rock fusión progresivo, que chega dende  A Coruña disposto a quedar.


A banda liderada por Carlos López, quen ademais de fundador da mesma é compositor e guitarrista, presenta presenta 9 temas, cunha produción coidada e limpa, onde se poden apreciar até o máis mínimo detalle dos debuxos que fai cada compoñente, sendo capaces de crear ambientes que envolven en cada tema. Chapter 1, abre con unha introdución instrumental de 40 segundos que crea un ambiente de certo misticismo. Non é de estrañar que sexa un tema instrumental, xa que a idea orixinal de Carlos era unha banda de rock progresivo instrumental, mais no segundo tema xa aparece a voz de Ramón Barba, que completa o círculo coa súa variedade vogal capaz de pasar da suavidade a agresividade dos rasgadados no mesmo tema e converténdose en moito máis que a liña melódica da banda.

 

Unha das características deste traballo é a o eclecticismo dos temas. Estamos acostumados a que unha banda teña tema de varios estilos, mais non a que unha banda teña varios estilos nun tema. E aí é onde arriscaron na súa proposta Midnight Sounds, xa que un tema que sona funk, pode pasar a converterse en hard rock  e acabar con toques Jazz,  como fan en Break The Spell. O funk e o hard, están moi presentes en case todo o disco o que vale de lucimento da base rítmica composta por Andrés Castro  ao baixo e Anxo Silvela á batería. Tanto Anxo  como Andrés  son  o piar no que se sostén a banda para que Carlos poda sacarlle todo o partido a súa guitarra nun continuo divertimento preciosista que chega ao seu máximo expoñente con Crash of Comets, un temazo instrumental ao máis puro estilo de Steve Vai.

 

Xa na recta final, confírmase as influencias metaleiras old school ao escoitar Part of Me, e na que o alarde vogal de Ramón  deixa clara a súa versatilidade. Esta versatilidade é necesaria para unha banda que tamén o é, que non quere cinguirse a un só estilo e que fai o que en cada momento sinte. Todo isto con un mimo en cada unha das composicións, traballadas até o máis mínimo detalle para conseguir que cada tema sexa unha pequena xoia.

 

Chapter 1, é un grande álbum de debut que pon o listón moi alto de cara o seu seguinte traballo, pero calquera que escoite o disco sabe que teñen calidade dabondo para seguir en liña ascendente.

 

Listaxe de temas:

01. Intro
02. Sounds of Midnight
03. Break the Spell
04. Addiction
05. Legend
06. Crash of Comets
07. Part of Me
08. Redeem My Life
09. The Wishing Well



x