MARCOS ABALDE, POETA E DRAMATURGO

“A min o que me interesa é alimentar a esperanza”

“A min o que me interesa é alimentar a esperanza”
Marcos Abalde
Marcos Abalde  

Marcos Abalde (Vigo, 1982) vén de gañar un premio máis. Esta vez foi o Manuel Lueiro de poesía co poemario 'Exhumación', que publicará Xerais, no que lle dá voz aos desherdados e convida a espertar a capacidade emancipadora que hai en nós e “que está totalmente desactivada”. 


- Vés de gañar o Lueiro Rey de poesía e o xurado salientou “o tempero dunha voz moi afinada, chea de resonancias e lecturas que soubo procesar para ofrecer unha aproximación ben persoal a temas e motivos entre os que a memoria dos desfavorecidos, represaliados e desherdados resulta decisiva”.
- Isto de 'Exhumación' é unha metáfora para se referir á historia, hai que coller a historia a contrapelo para coller a versión dos vencidos, das vítimas, dos derrotados. É o que tento facer, falar desde a súa cosmovisión, pero non reducila na súa condición de vítimas, senón tentar recuperar o seu potencial emancipador. 

- O compromiso social é unha constante en toda a túa obra...
- Claro. O capitalismo é un sistema que condena á indixencia a tres cuartas partes do planeta e destrúe todos os ecosistemas. E eu acredito na igualdade e na dignidade de todas as persoas e todos os pobos, e iso iso é incompatible co capitalismo. Eu non podo aceptar que haxa unha humanidade e unha subhumanidade. 

Eu non podo aceptar que haxa unha humanidade e unha subhumanidade

- Non podes disociar a túa literatura dese compromiso. 
- Véndennos que somos individuos autónomos e autosuficientes e isto é unha concepción antropolóxica moi recente. O ser humano é un ser interdependente e que ten actualmente unha ferida moi fonda, o ser humano galego, cos propios mortos, coas xeracións pasadas, coa lingua, coa terra, co territorio, coa natureza e co conxunto da humanidade. A cuestión é como se pode suturar esa ferida colonial tan fonda que nos condena a ser tristes individuos isolados que len libros de autoaxuda. Pois claro, eu acredito máis que na autoaxuda na axuda mutua. É bastante fácil darse conta do grao de tristeza, de sufrimento, e a cuestión é como se constrúe a fraternidade. Ese é o gran desafío fronte a nun sistema de dominación do ser humano polo ser humano. Como facermos para sentírmonos irmaos e como nos podemos tratar, coidar e non explotar. E como iso é moi difícil pois o libro tenta un pouco reflexionar sobre iso en dous aspectos. A primeira parte chámase 'Non dominar' e a segunda parte é “Non deixarse dominar”, proque está intimamente ligado á tendencia que temos á dominación co deber da rebelión, con non deixarse dominar. Esa dialéctica que hai entre o de reducirnos a vítimas, senón crear nas vítimas ese potencial emancipador. Hoxe en día aliméntase tantísimo o conformismo, a apatía, o cinismo, a impotencia, cando o pobo organizado ten unha capacidade emancipadora inmensa que está totalmente desactivada. A min o que me interesa é alimentar a esperanza, a pesar desa diagnose tan dura. 

- A nivel literario sigues apostando por xéneros minoritarios, o teatro e a poesía. 
- Si, é o que me gusta. É como preguntarlle a un pintor por que fai pintura e non escultura. Eu escribo teatro porque se me pasan historias pola cabeza e penso que o teatro sería a maneira máis eficaz de contalas, é unha arte que me gusta a pesar das dificultades que haxa. 

Fáltanos unha estrutura institucional que defenda a nosa cultura

- No teatro hai un oco entre a dramaturxia e as compañías. É difícil ser representado se non formas parte dunha delas.
- Home, ao haber un abandono institucional tan grande coa cultura galega, realmente é unha demolición, a Xunta de Galcia, que entre outras cousas se creou para apoiar a cultura galega, agora mesmo fai xusto o contrario. Iso é un hándicap moi importante. Hai todo un proceso de recomposición de compañías que levaban décadas funcionando grazas ás políticas de feijoo están pechando. Neste contexto é especialmente difícil. Se a Xunta pasa completamente de potenciar a dramaturxia galega, realmente é un problema político. Hai unhas bolsas do Ministerio para dramaturgos novos e gañárono o ano pasado tres galegos de seis de todo o Estado español. É unha cousa bastante extraña que o 50% das bolsas para dramaturxia sexan para tres galegos. Realmente Galiza ten un potencial importantísimo a nivel de dramaturxia a nivel estatal, que está totalmente desaproveitado, invisibilizado, desprezado... Raúl Dans gañou o premio Born de teatro o ano pasado, que se dá en Baleares, que é para a dramaturxia en español e en catalán, o máis importante do Estado, e el traduciu o texto para o español, e esta obra está desaparecida. Fáltanos unha estrutura institucional que defenda a nosa cultura. Non é porque non haxa, porque hoxe a xeración á que pertenzo eu, sen ningunha dúbida, ten dramaturgos de grandísimo talento. Non é por falta de talento. 

Realmente Galiza ten un potencial importantísimo a nivel de dramaturxia a nivel estatal, que está totalmente desaproveitado, invisibilizado, desprezado...

- Tanto en teatro como en poesía colleitaches un bo feixe de premios. Tamén un en Cataluña de teatro experimental...
- Si, foi unha cousa curiosa, o primeiro premio que gañei foi en Barcelona. Son as ironías que un galego teña que ir aló recoller un premio porque na propia terra non se contribúe a potenciar a dramaturxia propia en lingua galega. 

- Ademais, fas parrte de Estaleiro Editora, un proxecto autoxestionado que funciona á marxe dos usos e costumes do sistema literario. 
Si, é un proxecto bonito para abrir outra porta para xente nova para darlles unha oportunidade para publicar os seus textos, independentemente da normativa que utilicen, foi un dos principais motivos que nos levou a crealo. Agora facer tiraxes moi pequenas nas imprentas é moi económico e queriamos dar visibilidade a autores que nos parecían moi interesantes. De feito, un dos primeiros autores que publicou Estaleiro foi Rubén Ruibal, que despois gañaría o Cunqueiro e logo o Permio Nacional de literatura dramática. E o primeiro foi con Estaleiro, vaia descompensación!
 



x