Os misterios do lanzamento do novo Astérix

Os misterios do lanzamento do novo Astérix
Portada de Astérix e os Pictos
Portada de Astérix e os Pictos  

Astérix e os pictos está a piques de chegar ás librarías mais o misterio continúa a ser un dos elementos do novo lanzamento. En París fíxose pública finalmente a portada do libro que en galego publicará Xerais, con tradución de Xavier Senín e Isabel Soto, autores tamén da versión en castelán. Comprometidos a gardar confidencialidade sobre a historia.  


O novo Astérix xa ten portada. Quedan só uns vinte días para que chegue ás librarías e só onte se fixo pública a capa que presidirá os máis ou menos cinco millóns de exemplares que se porán en circulación a partir do día 24 de outubro. Que Astérix e Obelix seguen a ser os protagonistas intuíase e está confirmado no debuxo inicial no que ocupan o primeiro plano. Que andan por Escocia tamén é coñecido. Do demais, pouca cousa. Os tradutores Xavier Senín e Isabel Soto, os poucos privilexiados que leron xa a historia, gardan absoluto segredo profesional, condición contractual para seren os encargados de traer a historia gala ao galego e, tamén, ao español. 

Antes de asinar o contrato, sobre a mesa houbo que aceptar un previo de confidencialidade que comprometía aos tradutores a non desvelar ningún dato da historia que tiñan entre mans. 

Para acceder ao texto, tanto Senín como Soto tiñan que entrar mediante unha clave e introducir outra de saída, de maneira que ninguén puidese entrar no seu computador . A historia chegou no seu conxunto mais non os debuxos, só bocexados en branco e negro. Os cambios producíanse sobre a marcha e só a mediados de xullo deuse o traballo de tradución por rematado. As medidas relaxáronse, sen embargo, con respecto ao anterior O libro de ouro, no que os textos chegaban por partes, nunca con imaxes a cor e con indicacións de confidencialidade en cada envío. Tanto nun caso como noutro, ninguén sabía que Senín e Soto estaban detrás da tradución co cal tampouco tiveron que esquivar demasiadas preguntas. 

Non é a primeira vez que Senín e Soto traducen Astérix. Comezaron hai  anos, na compaña de Valetín Arias -pouco antes da súa morte- traendo os primeiros volumes á nosa lingua para a editorial Bruño. Astérix falara xa galego noutras propostas editoriais mais esta era unha nova iniciativa que asumiron con gusto. Senín confésase “admirador desde pequeno” das aventuras de Astérix co cal aquel traballo compartido con Soto e con Arias foi unha experiencia que lembra con gratitude. 

Sen Goscinny nin Uderzo

En especial, Xavier Senín móstrase seguidor do seu creador literario, René Goscinny, a quen máis bota en falta nesta nova etapa. O traballo de Albert Uderzo, ao seu ver, está compensado coa calidade das imaxes É difícil traducir os cómic de Astérix? “O complexo é levar para outra lingua os gags humorísticos que ás veces se fan moi difíciles porque veñen dos propios nomes das cousas ou das persoas” explica Senín. 

Na portada,  a autoría aparece desta volta a catro mans. Na parte superior os creadores René Goscinny e Albert Uderzo -que supervisou o novo título- e na inferior os novos autores deste número 35 da serie, Didier Conrad e Jean- Yves Ferri, como debuxante e guionista. 

Desde o seu nacemento en 1959, hai máis de cincuenta anos, Astérix e Obelix protagonizaron 34 títulos e venderon arredor de trescentos cincuenta millóns de exemplares aos que se sumarán os que se comercialicen con este novo título, acompañado dunha campaña baseada no misterio da historia e, sen dúbida, no filme en 3D dirixido por Louis Clichy que chegará a comezos do 2015 ás pantallas. 



x