Morre Neira Vilas

Morre Neira Vilas
Neira Vilas
Neira Vilas  

O escritor faleceu esta sexta feira (27 de novembro). O seu corpo velarase no Panteón de Galegos Ilustres desde as 18 horas de hoxe e celebrase unha cerimonia de despedida na Igrexa de Santiago de Gres, onde descansará canda a súa muller, Anisia Miranda, finada en 2009.


 

Xosé Neira Vilas (1928-2015), autor da obra máis vendida da historia da literatura galega, Memorias dun neno labrego, faleceu esta mañá na súa casa en Gres (Vila de Cruces). Tiña 87 anos. 

Nunha entrevista publicada por Sermos Galiza no número 166 do semanario en papel aseguraba ter sido "un activista da cultura galega até hoxe". Nesa conversa, que reproduciremos íntegra esta tarde no diario dixital, Neira Vilas afirmou que a súa obra por excelencia, Memorias dun neno labrego "vai máis alá de min. Como di Freixanes: 'Balbino desbórdate', non precisa de min". 

Autor do maior best-seller das letras galegas, ‘Memorias dun neno labrego’, Neira foi un prolífico escritor que publicou máis de 70 libros para adultos, para nenos, ensaio, novela... 

Neira Vilas (Gres, 1928-2015) foi un traballador incansable a prol da cultura e da lingua galega, tanto no exilio como de volta en Galiza. Na súa vida está escrita a historia de Galiza nos últimos 75 anos. Con 20 emigrou a Arxentina, onde abrazou a causa do nacionalismo e onde creou as Mocedades Galeguistas, das que foi secretario xeral, e fundou a editorial Follas Novas. Alí convertiuse “nun activista da cultura galega e da dignidade de Galiza digamos até hoxe. De por vida”, declarou a Sermos nunha entrevista hai poucas semanas. 

Ultimamente estaba a escribir letras para cancións de varios artistas galegos

Logo de casar con Anisia Miranda, unha moza cubana de ascendencia galega, trasládase a Cuba, onde creou o maior centro bibliográfico sobre a emigración galega en América, ademais de organizar eventos e conferencias relacionadas coa cultura galega. 

A parella regresou a Galiza definitivamente en 1992, cando a Xunta arranxa a súa casa natal e a convirte en Fundación Neira Vilas, cunha biblioteca, un pequeno museo etnográfico e unha sala de exposicións e concertos, que pronto se converte no centro cultural da comarca. 

Non deixou de escribir, dar conferencias e atender a todo o mundo que o precisaba até os últimos días da súa vida. Este mesmo ano publicou en Galaxia ‘Romaría de historias’.
Ultimamente estaba a escribir letras para cancións de varios artistas galegos. Saberemos del, da súa produción que seguirá o seu camiño, nos vindeiros meses. 



x