CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Mortörhead: o derradeiro agasallo de Lemmy

Mortörhead: o derradeiro agasallo de Lemmy
motorhead
motorhead  

Após a publicación do último traballo de Motörhead,  Clean Your Clock, gravado en directo, pensei que non volvería a escribir nada encol dun traballo da banda. Despois da morte de Lemmy, estaba implícita o desaparecimento dunha das bandas máis cañeiras e carismáticas no panorama roqueiro. Pero o destino gardaba unha xogada e Lemmy deixóunos un derradeiro agasallo inédito que aparece neste novo álbum chamado Under Cöver.


Under Cöver é un traballo que recolle 11 versións feitas por Motörhead e gravadas entre 1992 e 2015, e que serven tamén como termómetro da liña vital da banda durante eses anos. Aliás, deixa claro cales eran os gustos musicais do trío, que por outra banda, nunca deixou de facer en versión nos seus directos coma homenaxe a esas bandas, máis grandes ou pequenas que lles converteron no que foron.

 

A apertura do disco elixido é Breaking The Law¸ un emblemático tema de Judas Priest  que Motörhead, gravou en 2008. Este tema aparecera orixinalmente no disco Hell Bent Forever: A Tribute To Judas Priest, cuxa portada contiña un dos erros máis sonados da historia, xa que empregaron a tipografía de Iron Maiden, na vez da dos Judas Priest.  E podo dicir, a risco de que os deuses do metal me castiguen, que case me gusta máis esta versión que a orixinal.  Todos sabemos ben dos gustos da banda polo punk,  non en van lle compuxeron un tema adicado aos Ramones, chamdo R.A.M.O.N.E.S., tanto que xa no ano 2000, no álbum We Are Motörhead  incluíron a versión de God Save The Queen,  dos Sex Pistols, que é o tema que continúa. Como é lóxico, non podía faltar unha versión dos Ramones, que non é outra que o Rockaway Beach,  que gravaron no ano 2002 para o disco tributo Ramones Forever. Un dos temas no que a banda se sente coma peixe na auga.

 

No ano 2014, Motörhead participou no disco homenaxe a Ronnie James Dio titulado This Is Your Life. Neste disco grabaron xunto a Biff Byford, vocalista de Rainbow, a versión de Strastruck que aparece neste plástico. En 1992 Motörhead  editara o seu álbum March or Die,  que incluía esta frouxa versión do Cat Strach Fever  de Ted Nuget. Este disco fora editado após do exitoso 1916 e para moitos non foi o disco agardado. De March or Die¸ está tamén extraído o tema Hellraiser,  que foi a banda sonora da película Hellraiser III  e que foi escrito xunto a Ozzy Osbourne  e Zack Wylde  e orixinalmente gravada por Ozzy Osbourne.

 

Twister Sister é outra das bandas homenaxeadas. Amigos e fans, esta versión do Shoot ‘em Down  foi gravada 2001 para o disco homenaxe Twisted Forever. Co mesmo motivo gravaron en 2005 a versión de Metallica Whiplash, versión coa que pechan o disco e sen dúbida é unha das máis potentes deste traballo pola súa forza.  Malia isto, a banda nótase que se divirte máis coas versións que inclúen dos Rollin Stones. A primeira é Jumpin’ Jack Flash, que apareceu por primeira vez como bonus track da reedición en 2001 do álbum de 1993 Bastards.  O segundo tema dos Stones non podía ser outro que Sympathy for the Devil,  que foi gravado en 2015 para o que foi o seu disco de estudio, Black Magic.

 

Pero a cousa non queda aí, xa que se está ben recoller temas espallados por compilacións case desparecidas e outros álbumes da banda, para que fora un verdadeiro agasallo, falta algo. E ese algo especial, ese agasallo, non é outro que a versión do Heroes  de David Bowie,  inédita até o momento e da que Lemmy se sentiu especialmente orgulloso.  Gravada no 2015 nas sesións do Black Magic, ficou fóra do álbum, algo que escoitando o tema é incomprensíbel. Un tema que lle fai xustiza a Bowie  e que probablemente estean hoxe cantando xuntos no paraíso do rock and roll.

 

Un disco que xunto con Clean Your Clock é o broche final para a carreira dunha das mellores bandas que pisaron os escenarios. Simplemente imprescindíbel.

 

 

Motörhead nas redes

Web: www.imotorhead.com

Facebook: www.facebook.com/OfficialMotorhead/

Twitter: @myMotorhead

 

LISTAXE DE TEMAS

1. "Breaking the Law" (Judas Priest) 

2. "God Save the Queen" (Sex Pistols) 

3. "Heroes" (David Bowie) 

4. "Starstruck" (Dio) 

5. "Cat Scratch Fever" (Ted Nugent) 

6. "Jumpin' Jack Flash" (The Rolling Stones) 

7. "Sympathy for the Devil" (The Rolling Stones) 

8. "Hellraiser" (Ozzy Osbourne) 

9. "Rockaway Beach" (Ramones) 

10. "Shoot 'Em Down" (Twisted Sister) 

11. "Whiplash" (Metallica)