CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Mosh: 'El Filo'

Mosh: 'El Filo'
MoshPromo2017
MoshPromo2017  

Poucas veces unha banda mostra un son tan contundente e maduro no seu segundo traballo de longa duración como fan os pamploneses Mosh, unha das bandas de trash/metalcore máis prometedoras do momento. El Filo é o nome que dá título ao seu segundo traballo, que apunta directo ao peito.


A primeira sensación que tiven ao escoitar Mosh foi que Hamlet fixera un disco de trash. A segunda sensación foi que a banda fixo un disco que roza a perfección. Brutalidade e agresividade que golpea unha outra vez e na que a voz de Iñaki aproveita o seu espectro que vai dende os salvaxes guturais até a máis suave e melódica. Xa o tema elixido como presentación deste plástico, El Salto, deixaba entrever que a banda ía un paso máis alá dos seu traballos anteriores e que no terreo compositivo coidaban moito máis os riffs e as harmonías. Lonxe do deste sinxelo, Miedo a Despertar irrompe coma un furacán para abrir o disco. Brutalidade musical e velocidade son ás tónicas que mostran este tema e que van seguir por todo o álbum sen descanso.

 

As guitarras de Bruntxo e Gorka son capaces de formar eses riffs que coma unha goma de mascar se pegan no cerebro  e non te podes desfacer deles. Cunha mestura de contundencia e melodía, as 6 cordas convértense en actrices fundamentais para darlle forma a historia que se está a contar, como ben se pode constatar en Vais a Caer. A base rítmica formada por Diego ao baixo e Jorge á batería, funciona como unha auténtica metralladora. Unha maquinaría perfectamente engraxada que destaca especialmente en Vuelta a Empezar. A todo isto temos que sumarlle un plus de retrousos pegadizos, xa que a crueza das letras non está oposta á melodía e o certo é que hai veces que se agradece esa liña melódica entre a brutalidade, xa que crea ese contraste único que fai cada tema tan aditivo.

 

Dos 10 temas que inclúe o disco, todos están cantados en castelán agás  Eraztuna¸ cantado integramente en éuscaro.  Un dos temas máis melódicos do plástico que por momentos me lembrou a Su Ta Gar, e co que a banda deixa claras as súas orixes. Como claro queda polo seu traballo, que o álbum foi producido por Álex Cappa (Hamlet, Down of The Maya), e que foi quen de darlle á banda ese son tan perfectamente recoñecíbel sen perder a pura esencia de Mosh.

 

Con este traballo, Mosh revélase como unha das bandas máis interesantes do momento e pide a berros estar presentes nos encontros metaleiros que se celebren no 2018. No lles perdades ollo, que a banda promete. E namentres chegan os directos, escoitade o disco, non poderedes deixalo.

 

VIDEO – MOSH – EL SALTO https://youtu.be/Df6Udk2Fv04

 

MOSH NAS REDES

Web: http://moshmetalband.com/

Facebook: https://www.facebook.com/moshmetalband/

Twitter: @https://twitter.com/moshmetalband

 

LISTAXE DE TEMAS

01. Miedo al Despertar

02. La Fiera

03. El Salto

04. Entrégate al Momento

05. Vuelta a Empezar

06. Estrella del Cartel

07. Lazos de Sangre

08. Vais a Caer

09. Eraztuna

10. Prohibido Soñar

 



x