Mosquera Camba gaña o certame de poesía Concello de Carral.

Mosquera Camba gaña o certame de poesía Concello de Carral.
Xosé Luis Mosquera Camba
Xosé Luis Mosquera Camba  

O xurado escolleu ‘Das árbores tropicais e do amor’ entre os 46 poemarios presentados a esta XX edición. O premio está dotado con 2500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.


O poeta e profesor de arte, Xosé Luís Mosquera Camba gañou a XX edición do certame de poesía Concello de Carral coa súa obra ‘Das árbores tropicais e do amor’, que presentou co seudónimo Sula Bassana. É a segunda vez que Mosquera obtén este premio, pois xa o gañou en 2010 co poemario ‘Nadja c’est moi’.

O xurado do concurso estivo formado por Teresa Seara e Inma Otero, da Asociación da Crítica, e Modesto Fraga, gañador da pasada edición, baixo a presidencia da concelleira de Cultura, Margarita Ramilo Varela, e asistidos en calidade de secretario, polo técnico municipal de Cultura e coordinador do premio, Carlos Lorenzo Pérez. Ao certame presentáronse un total de 46 poemarios.  O xurado destacou que a obra gañadora é un poemario “de grande orixinalidade que domina a tradición, mesmo a non convencional, e que recorre a unha linguaxe depurada para, a través dela, facer unha viaxe xeográfica e tamén emocional onde teñan cabida outras linguas e presenzas culturais de gran calado”. O premio de Carral está dotado con 2500 euros e a publicación da obra na colección de poesía de Edicións Espiral Maior.

O acto de entrega do premio terá lugar o 26 de maio, na Casa da Cultura de Carral, dentro da programación de Letras Galegas 2017. O mesmo acto servirá para a presentación do poemario que gañou na pasada edición, ‘Devalar sen pel’, de Modesto Fraga. 



x