MounQup gaña o certame musical Fran Pérez ‘Narf’

MounQup gaña o certame musical Fran Pérez ‘Narf’
MounQup co xurado onte na Sala Malatesta.
MounQup co xurado onte na Sala Malatesta.  

MounQup resultou gañador do IX Certame Musical Fran Pérez “Narf” que convoca a Deputación da Coruña. O proxecto da cantante francesa Camille Hédouin con bases electrónicas e voces foi distinguido pola “súa forza, o ben que comunica, o traballo que hai detrás da creación, e a súa condición de proxecto innovador”. 


O concerto no que se decidiu o palmarés desenvolveuse onte na Sala Malatesta, en Compostela, espazo moi relacionado coa traxectoria de Fran Pérez Narf o músico que desde esta edición se lle dedica o certame da Deputación da Coruña. Xunto a MounQup, fixeron parte do evento a banda Igmig, que levou o segundo premio, Pardo (o terceiro), Cintaadhesiva (o cuarto) e Samarúas (o quinto premio).

 

A cantante francesa Camille Hédouin, que vive nunha aldea de Ourense, chegou a MounQup despois de proxectos musicais moi diversos de folk, jazz, metal, lírico, electrónico, segundo informan os organizadores do certame. MounQup xurdiu en 2012 como "unha necesidade na soidade do bosque", di Hédouin. Coas influencias de The Knife, Animal Collective, Björk, ou CocoRosie, MounQup ofrece un universo musical onde as bases electrónicas mestúranse sutilmente con multitudes de voces, a veces anxélicas, a veces contundentes e potentes. O seu primeiro disco Proba de Son publicouse no selo ourensán Molho.

 

O xurado estivo composto por M.J. Pérez, Uxía, Aída Saco, Sergio Tannus e Ánxela Baltar (do grupo Bala, gañador da anterior edición) e presidido pola vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín.

 



x