DÉCIMO NOVENA EDICIÓN

As mulleres e México protagonizan o Salón do Libro de Pontevedra

As mulleres e México protagonizan o Salón do Libro de Pontevedra
Imaxe do Salón do Libro de Pontevedra. Foto: Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.
Imaxe do Salón do Libro de Pontevedra. Foto: Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.  

O Salón do Libro de Pontevedra achégase aos vinte anos de vida. E faino cunha aposta pola visibilidade da muller –Mulleres de conto é o lema da XIX edición- e a internacionalización: México é o país convidado. Até o 29 de abril, a cidade abeira ducias de actividades relacionadas co mundo da literatura infantil e xuvenil.
 


“Pretendemos render merecida homenaxe ás mulleres que conforman o mundo da literatura infantil e xuvenil”, explican desde a organización, “desde os personaxes dos contos até as autoras, editoras, ilustradoras, profesoras, bibliotecarias”. Ao tempo, indican, procuran promover “unha lectura crítica e reflexiva, con perspectiva de xénero”.

 

Organizado polo Concello de Pontevedra desde 1999, o Salón do Libro Infantil e Xuvenil conta con dous escenarios principais, o Pazo da Cultura e a Illa do Covo. Obradoiros, presentacións, conferencias de formación dirixidas a público adulto, sesións de contacontos, teatro ou sinatura de libros converten Pontevedra na capital da, talvez, póla máis vizosa da industria editorial galega.

 

México “de ida e volta”


Na páxina web do encontro, a relación entre México -cultura convidada- e Pontevedra é descrita como “camiño de ida e volta”. “O Salón está irmandado coa Feira Internacional da Literatura Infantil e Xuvenil de Cidade de México, o evento de literatura infantil máis importante”, aseguran, e anuncian unha morea de actividades “dunha e doutra beira do Atlántico, de intercambio e coñecemento mutuo”.

 

Unha delegacíon formada por unha ducia de autoras, ilustradoras e editoras farán ao longo deste mes de abril de embaixada mexicana en Galiza da literatura infantil e xuvenil.

 

María Victoria Moreno e outras actividades


Durante a celebración do Salón do Libro tamén se fallará a primeira edición do premio María Victoria Moreno de literatura xuvenil. Convocado polo Concello de Pontevedra e máis por Urco Editora, o galardón consiste en 4.000 euros e a publicación do libro.

 

Na tarde desta segunda feira, 9 de abril, Amanda Mjangos ofrecerá un obradoiro sobre máscara mexicanas, haberá unha mesa redonda sobre dinamización lectora e outra mexicana, Laura Carrillo, achegará o mundo das súas ilustracións. Na terza feira, María Guiezhooba explicará como facer libros de cartón, un debate intentará tirar conclusións arredor de como achegar a realidade ás crianzas a través da lectura e haberá unha visita guiada ao salón.

 

Na cuarta feira, e coincidindo coa segunda metade da semana, as actividades multiplícanse. Obradoiros de ilustración de contos, cores e como facer radio para a difusión do libro combinaranse cunha mesa redonda sobre a poesía infantil e a actuación de dúas contacontos. A quinta feira, 12 de abril, mesmo existirá a posibilidade de aprender a realizar anuncios de libro dirixidos ás redes sociais audivisuais, como facer poemas para nenas e nenos ou un recital, desta volta na Libraría Paz.

 

Nesta ligazón pódense consultar horarios e actividades: http://www.salondolibro.gal/programacion-2018/



x