CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Nachtblut: Apostasie ou como dignificar o dark metal [po

Nachtblut: Apostasie ou como dignificar o dark metal [po

Falar de Nachtblut é falar dunha das bandas punteiras do dark metal alemán. Con este quinto traballo que leva por nome Apostasie, a banda vén de reivindicar por mérito propio un oco entre os nomes máis relevantes do dark metal. 


Non é algo sinxelo clasificar unha banda como Nachtblut. Se ben a súa música é claramente dark, as súas letras móvense entre a denuncia social aínda que tamén ten moito de black.  Como soe ocorrer con este tipo de bandas, a súa proxección internacional non é moi doada se non empregan o idioma inglés nas súas letras. Nachtblut seguiu dende o primeiro momento sen sucumbir na tentación e volta a editar un disco integramente en alemán. E non é o único caso, a propia Doro Pesch remata de editar Für Immer, un novo traballo no que inclúe todas as pezas e rarezas cantadas no seu propio idioma, malia que nos tiña acostumados a cantar en inglés.

 

Pode parecer algo van, mais a importancia do idioma no mundo da música ten moito máis de intencionalidade. Probablemente, se Nachtblu gravasen os temas en inglés a día de hoxe estarían facendo un interminábel tour mundial, mais, como eles din, se viven en alemán e pensan en alemán, o lóxico e natural é que canten en alemán, malia que lles custe máis chegar a ese recoñecemento internacional. Pode ser máis difícil, máis non é imposíbel. A proba está en xente como Rammstein, Plastic Bertrand, ou Trust  que non precisaron renunciar a súa lingua para triunfar internacionalmente.

 

Este quinto disco de Nachtblut, conxuga de maneira maxistral os elementos clásicos do dark metal, con elementos industriais, case chegando a ter algunha base tecno que se nota de xeito especial en Scheifromm e en Geboren um zu Leben. Unha das cousas que foi sempre marca da banda é unha procura da melodía nas súas composicións. Resulta curioso como a propia violencia da letra de Multikulturell, tema que abre o disco, se che quede gravada e, sen saber como, acabas cantando “Meine Vorgehensweise ist unkonventionell. Ich folter und ich töte dich multikulturell” (O meu procedemento non é convencional. Tortúrote e mátote de xeito multicultural).  Esta fantasía violenta contrasta con Lied für die Gotter, na que tras unha calma introdución, cunha melódica frauta, fai un percorrido polos deuses e os seu ámbitos de actuación, baixando a agresividade tanto musical como lírica, mais sen afastarse do xénero. Mais a banda non é precisamente unha banda tranquila, polo que volve ao frenetismo en Amok, no que destaca a nivel vocal unha mestura de Shrieks, do black metal  máis clásico, xunto con Growl máis propios do death metal.  É esta variedade o que lle dá unha personalidade á banda, facendo de todo o álbum unha gran sinfonía na que xoga coa variedade. 

 

Malia a incorporación de elementos a priori alleos ao dark metal, o certo é que, agás pola temática das letras, a banda non se afasta moito dos parámetros clásicos do xénero e do seu propio son, polo que a innovación que se pode agardar está máis no terreo lírico, no que as rimas as veces lembran Rammstein pola súa sinxeleza ás veces achegadas aos ripios.  Máis aínda así a banda e quen de sorprendernos e tratar de tocar a fibra sensíbel. Quero facer especial destaque de Einsam (Só), unha sorprendente balada na que a colaboración de Aeva Maurell, vocalista da banda de metal gótico, Aeverium, convértea nunha xoia que destaca tanto pola súa calidade como polo ámbiente que crea fóra dos riffs propios do xénero.

 

Apostasie é o disco que vai consagrar a Nachtblut  dentro da escena dark¸ proba diso foi a súa entrada nas listaxes de vendas hai uns días directamente ao posto 42, sendo a entrada máis alta dunha banda de metal esa semana. Apostasie  é un disco de fácil escoita, non só para amantes do dark metal, senón tamén para quen lle guste o industrial e para quen queira entrar no xénero sen grandes sobresaltos. Altamente recomendábel.

 

NACHTBLUT NAS REDES

Web: http://nachtblut.com/

Facebook: https://www.facebook.com/Nachtblutgefluester/

 

LISTAXE DE TEMAS

 

01. Multikulturell

02. Lied für die Götter

03. Amok

04. Scheinfromm

05. Geboren um zu leben

06. Der Tod ist meine Nutte

07. Mein Antlitz aschfahl vor Gram

08. Frauenausbeiner

09. Einsam

10. Apostasie

11. Wat is‘ denn los mit dir



x