FRANCISCO RODRÍGUEZ, PREMIO GALIZA CULTURA

"Non entendo que se tiren pedras contra o propio tellado, e iso fano as institucións galegas oficiais"

"Non entendo que se tiren pedras contra o propio tellado, e iso fano as institucións galegas oficiais"
[Imaxe: Xaquín Soliño] Francisco Rodríguez
[Imaxe: Xaquín Soliño] Francisco Rodríguez  

Profesor, escritor e investigador, Francisco Rodríguez (Serantes- Ferrol, 1945) é o primeiro Premio Nacional Galiza Cultura, que outorga a federación de asociacións culturais homónima, un recoñecemento aos seus “50 anos ao servizo da cultura galega”. É todo traballo e amor á cultura de base e popular, e iso levouno a percorrer os lugares máis recónditos do país para participar en innumerábeis actividades. Antes de que teña lugar o acto de entrega do premio, o 22 de abril en Ferrol, conversamos con el sobre a súa traxectoria cultural.


Que supón para ti a concesión do premio, con unanimidade e a participación de tantas entidades culturais?

Eu agradezo ese premio, pero non como un premio á miña persoa. Agradézoo porque, primeiro, significa que hai un sector social do país que é capaz de valorar, sen discriminacións sectarias, o que as persoas fan. Segundo, porque hai un sector social e cultural nacionalista, e recibir recoñecemento daqueles cos que comparto esforzos e obxectivos, e dos que son produto, paréceme o mellor que me pode pasar. Terceiro, creo que se deixa constancia de que non todo é oficial e que non todo o que o oficial recoñece é o único existente e o único con valor. Nunha palabra, significa a existencia de recoñecemento social, á marxe das institucións oficiais ou oficialistas. Pero o máis importante é o feito de que se vexa que hai cultura de base nacional galega e de base popular e que pode estar máis ou menos debilitada, mellor ou peor, pero ten consistencia e criterio propios. Espero que o premio teña continuidade e se dea a persoas e organizacións que fan algo ben intencionado e valioso, contra corrente.

Situémonos en Madrid. Finais dos anos sesenta. Rematas os estudos, tes ocasión de quedar na Universidade pero prefires voltar para Galiza, por que?

Cando estaba nos últimos anos da carreira, deixáronme claro, en concreto Pilar Vázquez Cuesta, que me podía quedar dentro do departamento que dirixía Dámaso Alonso. Había un acordo explícito entre Pilar e Dámaso Alonso para que unha compañeira, Maribel Rei Rodríguez, e eu quedásemos alí, coa perspectiva de promovernos para chegar a catedráticos de Universidade. Rematei a carreira e como non me podían facer un contrato de axudante no departamento, porque estaba fichado polo Reitorado, Pilar Vázquez Cuesta recorreu a conseguir unha bolsa na Embaixada do Brasil para traballar nun dicionario portugués, e facerme o seu axudante na Escola de Comercio, que non dependía da Universidade. Como non tiña ningún traballo, se non me saía outra cousa, aceptaría. Refírome a un traballo aquí, na Galiza. A verdade é que eu xa fixen todo o posíbel para que me saíse, e tanto o fixen que me metín nun colexio privado por un salario de 7.500 pesetas de entón, sen Seguranza Social. E non volvín.

"A USC é unha institución corporativa e endogámica, só para os amigos"

E, polo que sei, vetóuseche a entrada na universidade na USC, non?

Nada máis que o intentei polos anos 1987 e 1988. Intenteino para comprobar que esa era unha institución corporativa e endogámica, só para os amigos e, por iso, non só concursei  a unha praza que ficara libre de Literatura Galega da Faculdade de Filoloxía da Universidade de Santiago, senón que fun a unha oposición de cátedra desta materia, á que se presentou tamén Alonso Montero. Estaban dadas xa de antemán. Esta última desenvolveuse coa presenza de Ramón Piñeiro na primeira fila do público, avalando xa se sabe que candidato. Tan alarmante e aberrante foi que a min non me votou ninguén do tribunal. O argumento por escrito foi que tiña capacidade para estar na universidade pero a miña metodoloxía era moi dogmática e unha persoa así non debía entrar. Está posto no papel. Eu sinto que naquel momento esa constatación en acta non a usase para un recurso, porque é gravísimo que se poña nun papel os señores desta ideoloxía non.

A atmosfera de terror e intimidación que hai e que había nese aspecto é tremenda, e iso explica moito as dinámicas culturais que hai no país. Calquera persoa que quere entrar alí sabe que cousas non debe de facer nin debe de tocar, aparte de que a miña traxectoria fora de confrontación, sobre todo, co Instituto da Lingua Galega na súa orixe. Agora fálase moito de que se o galego e portugués son a mesma  lingua, de reintegracionismo, todo iso está moi ben, pero eu non vin que neste país, agás un sector do nacionalismo, ninguén fixese unha oposición ab initio aos postulados do ILG.  

Volvemos ao tardofranquismo. Como foi a túa experiencia na loita do estudantado?

Eu vivina toda en Madrid, practicamente. Alí había moito activismo estudantil contra o réxime e, de feito, rebentamos a Asociación Profesional de Estudantes, tomámola cunha especie de fronte común de todas as faccións anti franquistas. Había que dirimir quen era o delegado de Facultade, de todas as faccións. Eu fun apoiado por todo o sector católico progresista, o pro chinés, maoísta, o abano radical, fronte ao candidato do PCE, pero despois todos tiveron que votar o candidato único, que era eu. E así fun o delegado de Facultade no último ano de carreira, cunhas convulsións terríbeis. Estrañábame que  algúns galegas e galegos, como Pilar Allegue, que ían moito ao clube da Unesco de Madrid, onde estaba por aquel entón Bautista Álvarez, a min non me convidasen. Seguramente pensaban que eu era un señor radical pero dubidaban de se era ou non nacionalista, pois non me coñecían. Vivía nunha continua vertixe. Estaba obsesionado en como xustificar o meu compromiso alí en nome dos intereses de Galiza. Nas entrevistas que me facían como delegado de Faculdade sempre acababa argumentando desde unha óptica galega... Estaba  comprometido, pero desubicado. Debía resultar unha especie de rara avis.

Que te levou a interesarte tan cedo por Curros e Rosalía?

Empecei por Curros porque na Universidade de Madrid, un dos estudantes de Económicas, de Pontedeume, que vivía no mesmo Colexio Maior ca min, me agasallou coas obras escollidas de Curros, da editorial Aguilar. Esa foi a primeira lectura en galego realmente en profundidade que fixen. Como era un señor tan ideolóxico, iso casaba moi ben co tipo de mentalidade que eu tiña, que era moi ideolóxica, moi racionalista. Como xa tiña unha mentalidade nacionalista e antiimperialista dixen: carai!, pero este señor xa descobre todo isto do imperialismo, co cal decidín facer a tesiña sobre el. Fíxena cun profesor de Portugués, o profesor Ares Montes, un galego que levaba moitos anos en  Madrid, un señor moi sensato. Unha vez que leu o que fixen díxome: “Cuánto desconocemos los gallegos sobre nosotros mismos!”. Non houbo problema ningún, déronme sobresaliente. E iso foi o que utilicei como base para a publicación da Evolución Ideolóxica de Curros Enríquez, que se chamaba así a tesiña tamén.

"O que me desconcertou e irritou moito, porque vin que se cavaba a fosa para ela, desde unha posición digamos que “de esquerdas”, foi o libro de Alonso Montero, Rosalía de Castro (1972)"

E Rosalía?

Cando comecei a ler Rosalía tropezaba cunha tradición estereotipada, terríbel, que me metía un pouco de medo e me botaba para atrás. Eu non tiña lectura dos textos, agás tres ou catro poemas. Fun un pouco ás cegas, e cunha ignorancia cultural da literatura galega total. O caso é que empecei a tela como obsesión, quen era esta muller? Cando alguén me pedía que falase nalgunha asociación cultural popular, diso en Ferrol había moito, collía e falaba de Rosalía. Seguín facendo ese traballo público de recitais, difusión... até que dixen, a isto hai que meterlle o dente. E o que me desconcertou e irritou moito, porque vin que se cavaba a fosa para ela, desde unha posición digamos que “de esquerdas”, foi o libro de Alonso Montero, Rosalía de Castro (1972). A partir de aí comecei a ler todo, a obra en galego e en español, con fondura, e seguín facendo de divulgador público. A miña vida política foi moi axitada entre o 74 o 85 e iso impediume dedicarlle tempo, porque a obra de Rosalía non é fácil, fronte ao que se di. É moi complexa.

E entón chegou a tese de doutoramento.

Pero foi para traballar sobre Rosalía, non para ter a tese, que eu sabía que non me ía valer para nada. Eu xa falara no 69 con Carvalho Calero precisamente para facer algún tipo de intercambio de puntos de vista, e decidinme ir por aí. A tese foi aprobada, coa máxima cualificación por un tribunal, que recomendou a súa urxente publicación, no que estaban Carvalho Calero e Claude Henri Poullain, que era un especialista sobre a estilística de Rosalía. Este home demostrou ter unha honestidade intelectual fóra do común. Era catedrático na Universidade de Montpellier e, en público, dixo que o seu libro, Rosalía de Castro e a súa obra literaria (1974), tiña un erro, que debía emendar. Dicía, na súa conclusión, que Rosalía non era unha poeta filosófica. No acto de leitura da miña tese, apuntou que tiña que rectificar, pois, á luz de todo o que lera alí, claro que Rosalía era unha poeta filosófica. O del era un libro de cabeceira de todas as universidades. Galaxia traduciuno ao galego. Na versión de Galaxia, coloca unha nota Poullain na que di que ten que rectificar despois da leitura do meu libro, Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro (1987). A partir de aí o seu libro deixou de ser referencia na Universidade de Santiago.

"Catherine Davies, no último congreso sobre Rosalía no Consello da Cultura Galega, dixo 'A min o libro que me gustaría ter escrito é o de Francisco Rodríguez Análise Sociolóxica da obra de Rosalía de Castro'"

E está tamén a túa preocupación por situar Rosalía no lugar que merece como escritora galega e como clásica universal.

Vén pola a sensación de que se estaba cometendo unha inxustiza brutal, e enriba a costa da deformación do propio país, como se aquí non se puidese facer nada que tiver unha transcendencia que non for puramente localista. Como é posíbel tanta literatura destinada a enterrala, acoutala nesa visión tan limitada? Para min a pregunta do millón era, entón Rosalía era nacionalista? Que era, unha parva que acertou por casualidade para facer dous libros? Nada casaba. Era tamén poñer en solfa se realmente o país non podía dar máis que unha imaxe enxebrista, limitada, choromiqueira, ou había realmente unha cousa máis complexa que se nos estaba furtando. E cada vez, o cabreo era maior. Teño a satisfacción de, a pesar de que no mundo académico máis penoso se fai un auténtico silencio da miña obra, unha persoa que si estudou o tema, e de maneira ben orientada, como Catherine Davies, no último congreso sobre Rosalía no Consello da Cultura Galega, dixera: “A min o libro que me gustaría ter escrito é o de Francisco Rodríguez Análise Sociolóxica da obra de Rosalía de Castro”, cousa que aquí non se di, senón que furtan, manipulan e aproveitan material e nin citan. Como pode escribir alguén agora “Rosalía escribía para vivir”, como novidade? Esa idea está estudada, traballada e publicada desde hai moitos anos, vostede non pode aparentar que é unha análise nova.

Ideas como as que veñen recollidas no libro monumental que publicaches en 2011, Rosalía, estranxeira na súa patria?

Ese libro é obviado por sistema pola oficialidade institucional e polos secuaces, e ten moito máis material e información que o de 1988, aínda que a base sexa a mesma. O capítulo 10, por exemplo, é usado, con frecuencia, sen nunca citar o que se furta. En todo caso, inicialmente, no esforzo pola verdade de Rosalía, hai dúas liñas bastante paralelas na investigación e, por motivos obxectivos, unha é máis extensiva e alongada que a outra, a de Catherine Davies e a miña. Curiosamente, o libro de Catherine Davies Galaxia publicouno cando viu que ía saír a miña tese doutoral.

"Existe unha rede caciquil, do uso do carto público que impide saír dun autonomismo paifoco. Así actúan o CCG, a RAG e as universidades"

Cal é a túa lectura das institucións culturais públicas ou daquelas que se manteñen con cartos públicos?

Aquí hai un drama. Estas institucións quen as hexemoniza parte do suposto de que a cultura galega é unha cultura secundaria. Pensan en como controlala. Non se trata de como a facemos expansiva. É aceptar a migalla e o resultado é de controladores, dunha rede caciquil, do uso do carto público para ter ti a túa propia rede e desa maneira non podemos saír dun autonomismo paifoco. Así actúan por desgraza o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega ou as universidades de forma maioritaria, aínda que haxa persoas que son excepción. Como é posíbel que nun país como Galiza, que ten que ter unha historia medieval esplendorosa, cunha entidade tremenda, a Facultade de Historia non publicara case nada da historia política deste país pero si teña subliñado o carácter dependente de Galiza e manteña que Galiza nin sequera foi Reino? Aparece máis Galiza no que fan as universidades de Castela e León que en todo o que fai a USC.

_XSM4950Precisamente, os últimos traballos que estás facendo, os publicados, por exemplo, no Terra e Tempo, insisten na necesidade de restaurar e divulgar a memoria histórica galega. Por que esa preocupación?

Polo mesmo. Se non tes referencias sobre o propio, vas tender a un desapego terríbel da túa realidade e tampouco a realidade ten explicación, nin sequera a monumental ou artística, se ti non sabes o que hai humanamente detrás dela. Parece que historicamente Galiza é o pobo que nunca existiu. Converten Galiza nos Camiños de Santiago, no Xacobeo, con grande demérito da propia existencia do país, pero por que aparece aquí o corpo do apóstolo? Por que se inventa iso? Quen o inventa? Para que? E aí aparecería o que ten que aparecer, un reino cunha gran capacidade económica, demográfica e cultural e mesmo poderíamos saber por que hai unha fenda entre Portugal e Galiza hoxe. Non entendo que se tiren pedras contra o noso propio tellado, e iso faise desde as institucións galegas, en particular desde o traballo de historiadores pagos con cartos públicos.

"Creo que estamos despistados, desnortados e un pouco con leiriñas"

Como ves o estado da cultura na actualidade?

Penso que no caso galego é moi difícil separar cultura do estatus e da situación do país. Na medida en que Galiza non avanza, senón que, máis ben, está nun impasse ou retroceso, pois todo se resinte. Caracterizaría o mundo cultural galego pola atomización, polas meritorias iniciativas individuais, polo intento de modernizala a través de internet, pensando que a presenza na internet é un bálsamo que vai solucionar o problema non só do salto á modernidade, senón o da popularización, e non é así. Penso que estamos facendo unha política de resistencia sen ser consciente moita xente de que é unha política de resistencia. A cultura de base, a popular, por exemplo, o que é o baile e o canto, a canción, a música en xeral, viven na marxinalidade. E iso non creo que o vaiamos superar unicamente cos medios tecnolóxicos. Isto esixe un traballo de base, e unhas mudanzas políticas, nunha dirección nacionalista. Creo que estamos despistados, desnortados e un pouco con leiriñas.

"Galiza Cultura representa a intención de contribuír cun esforzo cultural serio pola base ao espallamento do coñecemento sobre o país e á vitalidade da nosa cultura nacional"

Cal é a relación entre a actividade cultural e o nacionalismo galego?

Penso que está unha miga esmorecida e debilitada e, aínda que teoricamente hai unha conciencia da importancia da cultura para a creación de conciencia nacional, é, como digo, unha teoría, porque na práctica non se lle dá o valor que ten cando ese é un dos instrumentos de introdución aínda hoxe e de proselitismo. Cultura tamén é coñecer ben a realidade xeográfica e a paisaxística. Se ti logras que persoas se dispoñan a coñecer o país, xa é un salto de xigante. Ese tipo de activismo orientado e planificado, con intencionalidade e obxectivos, non o hai. Creo que non imos polo bo camiño. Deberíanos preocupar máis a actuación social nosa que pensar que poderemos resolver o noso problema como alternativa nacionalista só utilizando mecanismos electorais, por exemplo. Galiza Cultura representa a intención de contribuír cun esforzo cultural serio pola base ao espallamento do coñecemento sobre o país e á vitalidade da nosa cultura nacional.

Na rolda de prensa de presentación do premio Galiza Cultura díxose que eras a persoa do país que máis tiña participado en actividades culturais, sen importar o lugar ao que tiñas que te desprazar. A que se debe esa vontade de responder sempre aos chamados das asociacións culturais de base?

Porque é un dos poucos instrumentos que tes para o contacto coa xente, para transmitirlle os valores do país, a propia literatura ou a súa historia, ou a realidade económica, aínda que non sexas economista e sigas os criterios doutros que si o son e teñen contribuído a aclararnos algo. Se non o fas, falla un dos pés fundamentais da introdución social e falla sobre todo o afán para que a conciencia se soporte en coñecemento co que ti te podes acabar identificando. Para min foi unha parte fundamental e foi sempre unha actividade intensa. Ese activismo, en parte, tivo como obxectivo  aclarar a situación do galego e o conflito lingüístico que vivimos. Ese é outro tema que me vin abocado a enfrontar. Foi debido ao repto, ideolóxico e social, que tiñamos diante. En pleno 1973 empeza a aparecer a teoría da morte do galego, xusto cando nós empezamos a usalo normalmente e cando se introducía o galego en lugares en que estaba excluído. Ningún intelectual dos que estaban formalmente no campo nacionalista quixo facelo. Como sempre, alguén ten que facelo, foi un deber político, non porque tiver especial predilección polo debate, senón porque vin que era gravísimo o que se formulaba. Era como condicionar xa o futuro, dicir que ou se cumprían en pleno franquismo unha serie de demandas normalizadoras, que hoxe nin albiscamos, ou o galego morrería en 25 anos. Estabamos en 1973... Curiosamente, hoxe nin de lonxe se cumpren, e o dramatismo desapareceu das bocas que entón, en castelán, enunciaban a teoría da morte do galego... Case cincuenta anos máis tarde, o galego, ferido, fráxil, con graves recuamentos e recuperacións limitadas, aí está nunha encrucillada sen resolver ao seu favor.

"A miña obsesión e preocupación foi sempre a de coñecer o mundo agochado e desvalorizado que temos ao noso arredor, o do propio país"

A outra faceta do meu activismo foi o espallamento popular da obra dos nosos clásicos do XIX: Manuel Curros Enríquez e Rosalía de Castro, sobre todo, pero tamén Pondal, en menor medida. E do XX, Eduardo Blanco Amor, en primeiro lugar, e Castelao, de forma máis parcial. En todos os casos, foron visións novas, descubrindo facianas agochadas ou simplemente revelando a vixencia dos seus mundos... En fin, sempre considerei que a cultura galega, e en particular, a literaria, tiña un relevo e un valor considerábel, propios dun pobo que quere ser libre.

Polo demais, no meu traballo docente, intentei que a conciencia sobre o propio país aboiase nas  rapazas e rapaces, educándoos co uso da lingua galega como vehicular do coñecemento académico e exercendo unha perspectiva analítica galega do mundo.

Con todo isto, quero dicirche que a miña obsesión e preocupación foi sempre a de coñecer o mundo agochado e desvalorizado que temos ao noso arredor, o do propio país, ao tempo que eu fun descubríndoo tamén. Non creo que un proceso deste tipo poida explicarse máis que como un proceso descolonizador no que participei e participo co entusiasmo e a convicción de quen o sabe vital para Galiza ser consciente e responsábel de si mesma.

 

[Esta peza é a conversa ampliada publicada no Sermos Galiza 241]



x