XACIO BAÑOS, CINEASTA

"Non hai outra maneira de contar Galiza se non é en galego"

"Non hai outra maneira de contar Galiza se non é en galego"
[Imaxe: M.O.] Xacio Baños
[Imaxe: M.O.] Xacio Baños  

O cineasta Xacio Baños (Xove, 1982) prepara a súa ópera prima, Trote, un filme metafórico coa rapa das bestas de fondo. Considerado un dos directores galegos con máis proxección internacional, curtas asinadas por el como Eco (2015), Ser e voltar (2014) e Anacos (2012) obtiveron premios en prestixiosos festivais de cinema como Clermont-Ferrand, Locarno, Sevilla, Alcances, Slamdance, Málaga ou Telluride. Entrevistámolo no Sermos Galiza 254.


Trote é a túa primeira longa e é a primeira fita en galego en participar no Festival de Donostia...

A ver, eu estiven en Donostia traballando hai ano e medio nunha residencia artística, escribindo alí o guión e grazas a iso podo participar, pero aínda non se sabe en que competición. Estamos aínda na metade da rodaxe, levamos unha semana e catro días. E si, é unha peli en galego, porque non hai outra maneira de contar Galiza se non é en galego, tamén xogando un pouco coa invasión de fóra, da cultura, da música, das orquestras... xogamos con ese punto de invasión cultural na película.

 

3Que nos depara Trote?

É unha película sobre unha familia. É sobre animais que xogan a ser persoas. Eu quería falar do noso dilema animal-humano, até que punto somos animais, até que punto somos humanos, até que punto o noso instinto ten que mandar sobre a nosa razón, até que punto temos que deixarnos libres e responder á nosa necesidade primaria, ou responder a unhas leis de comunidade, de conduta, de relacións impostas pola historia. Interesábame ese punto de como manexar os nosos demos internos, de como manexar o ser dentro da sociedade. É unha peli de roces, de marcas, de como nos rozamos uns cos outros, de como a nosa felicidade ao mellor lle fai dano ao que está ao lado. Unha peli de camiñar, de correr, de suar, de sangrar un pouco... Unha peli moi primaria por momentos, tanto no que acontece como na cámara, na realización... Unha peli de busca interna en min.

 

Coa rapa das bestas de fondo.

Gosto moito desa metáfora, a imaxe do home tombando o cabalo, o home loitando contra outro animal, a ver quen gaña. É, ademais, unha tradición que cos anos se deixa de facer nalgúns lugares, porque eliminamos da nosa vida o trato cos animais, non o temos tan presente e a xente moza non ten ese contacto co animal, nin ese punto de mirarnos aos ollos e recoñecernos como iguais. Non se sabe cantos anos vai durar a rapa, como vai durar... esa imaxe potente dun home contra un cabalo gustábame como metáfora da película, como domar o noso animal interno.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 254, á venda na loxa e nos quiosques e puntos de venda habituais]



x