HOMENAXE A MIRO CASABELLA

A Nova Canción Galega no seu contexto histórico

A Nova Canción Galega no seu contexto histórico
Detalle do cadro do pintor Xulio Rivas que o autor do texto, o historiador Xan Fraga, lle regalou a Miro con motivo do libro "Miro Casabella e a nova canción galega". O cadro é, sobre todo, unha referencia á canción "O meu país" e o "Romance de
Detalle do cadro do pintor Xulio Rivas que o autor do texto, o historiador Xan Fraga, lle regalou a Miro con motivo do libro "Miro Casabella e a nova canción galega". O cadro é, sobre todo, unha referencia á canción "O meu país" e o "Romance de  

Con motivo da homenaxe que lle rende o Concello de Cambre a Miro Casabella, publicamos un extracto do libro de Xan Fraga Miro Casabella e a nova canción galega, Galaxia, 2008, un texto que nos fornece as claves históricas en que tivo lugar este movemento.


O contexto histórico en que xurdiu a Nova Canción Galega foi o chamado tardofranquismo. Cronoloxicamente o período estudado por nós céntrase fundamentalmente entre 1967-1975. En ocasións, erradamente creo eu, asóciase esa etapa cunha “case ausencia” de ditadura. Incluso cunha suavización importante da represión. Os feitos históricos desmenten esta visión light do franquismo final. Outra cousa era que as loitas populares fosen obtendo certas conquistas. Sen afán de explicar esta etapa histórica nin o movemento de Voces Ceibes (1968-1975), mais si de contextualizar en que momento xorde o movemento da nova canción galega, mencionaremos algúns datos significativos.

 

A ditadura franquista seguía sendo implacable nos seus aspectos represivos. Dende torturas, asasinatos, roubo de nenos, represión laboral, sexual, cárcere a represión lingüística e cultural. Seguía funcionando, e non exento de traballo, o Tribunal de Orden Público (TOP), creado en 1963. A Lei de Prensa de 1966 (lei Fraga) serviu moi ben á censura. As prohibicións, censuras varias, multas, sancións e secuestros de libros, publicacións, representacións teatrais, música, cinema... estaban á orde do día.

 

pequenaOs estados de excepción parecían ordinarios. Tamén os Consellos de Guerra (Burgos de 1970); os asasinatos de Julián Grimau (1963), o estudante  Ruano (1969), os obreiros Amador e Daniel nos sucesos de Ferrol (1972), Moncho Reboiras (1975), ou as últimas execucións de setembro de 1975.

 

Estase producindo en Galicia nestes anos 60 unha oposición antifranquista, ao tempo que unha recuperación nacional de Galicia, da súa lingua e da súa cultura. Representada, entre outros, en dous ámbitos significados como o obreiro e mais o estudantil. Se por unha banda a Editorial Galaxia, que nacera en 1950, continúa na súa laboura cultural, en 1963 nace na clandestinidade o PSG (Partido Socialista Galego) e a UPG (Unión do Pobo Galego) no 1964, que darán un impulso político o movemento nacionalista. Na loita de Castrelo de Miño (en 1966) xa están presentes as dúas forzas con máis actividade: os nacionalistas da UPG e a esquerda estatal do PCE (Partido Comunista de España), que a partir de 1968 creará o PCG (Partido Comunista de Galicia). Isto é importante para entender despois o nacemento e evolución da canción galega. Sen esquecer, claro está, que as cousas non aparecen por xeración espontánea e os precedentes históricos do movemento galeguista, nacionalista e democrático están presentes neste momento. Existen xa diversas asociacións culturais que xogaron un papel moi importante como plataformas e espazos para a liberdade. A nosa tradición poética e musical era moi potente. En definitiva, creouse a Nova Canción Galega porque había unhas condicións obxectivas no país para iso, sen obviar que o exemplo de Catalunya con Els Setze Jutges e sobre todo de Raimon foi moi importante.

 

En carta que en setembro de 1969 lle envía a Xosé Neira Vilas, que vivía en Cuba desde 1961, o poeta Manuel María di:

 

No ano 1967, o día 9 de maio, no estadio da Residencia de Estudantes de Santiago de Compostela, Raimon deu, na súa língua, un recital das súas propias cancións que tivo un éxito clamoroso. Este recital foi o que fixo comprender a tódolos que a el asistimos a necesidade imperiosa de crear unha nova canción en galego. Unha canción feita no noso idioma, con problemas de hoxe, á altura do noso tempo e con música e sensibilidade dos nosos días.

Por estes anos, 1967 e 1968, a Universidade Galega deu mostras dunhas inquedanzas e dun inconformismo non habitual entre nós. Inquedanzas e inconformismo que levaron ós nosos estudantes a ollar cara ós problemas galegos, a sentirse solidarios con eles i a interesarse polo idioma galego, proscrito e usado somentes polas clases populares e por uns cantos inteleituás máis ou menos galeguistas. Nestas circunstancias naceu a nova canción galega e apareceron os cantantes galegos e en galego.

 

Manuel María xogou un papel importante no pulo da Nova Canción Galega, no que se inserta de maneira fundamental Voces Ceibes. Foi el mesmo quen presentou a Raimon neste famoso recital da Residencia de Santiago, coa lectura do seu poema adicado ao cantante de Xátiva, “Mensaxe a Raimon”, tal como dispuxera o propio Raimon.

 

Os primeiros discos da canción galega saíron en Edigsa por medio de Manuel Conde, avogado, e de Claudio Martí, que era o xerente da discográfica catalá. Edigsa editou en Galicia co selo Galaxia, onde tivo un papel importante Franco Grande, mesmo como adaptador de diversas cancións, pero  sobre todo co selo Xistral, que dirixía o propio Manuel María. O autor de Muiñeiro de brétema, di un documento da policía secreta, era un comunista, marxista, nacionalista  que “semanas más tarde sería sancionado por la Dirección General de Seguridad con 75.000 pesetas de multa por su intervención en un acto similar en la Universidad Central” [Madrid, 1968].  Multa que axudaron a pagar diversas persoas  significativas, entre as que estaban Raimon e Salvador Espríu.

 

Ese era o franquismo light.

 

[Extracto do libro de Xan Fraga, Miro Casabella e a nova canción galega, Galaxia, 2008, publicado no A FONDO especial Miro Casabella, recollido no Sermos Galiza 255, á venda na loxa]

 



x