SEGUNDA EDICIÓN, ESTE 9S

O ‘Rock is Dead Fest’ chega a Santiago de Compostela

O ‘Rock is Dead Fest’ chega a Santiago de Compostela
Liz e as Ánimas Negras Foto: Cedida
Liz e as Ánimas Negras Foto: Cedida  

Chega a Santiago de Compostela unha nova edición do ‘Rock is Dead Fest’. Este sábado 9 de setembro, máis de doce horas de música en directo e actividades de balde orientadas aos máis cativos da familia, van facer que o Parque de Belvís se converta nun gran escenario e festa!


Ás 13h dará comezo o festival coa sesión vermú a cargo de ‘Liz e as Ánimas Negras’, a banda nada nas Rías Baixas de rock, jazz e blues, e ‘Soul Maxín’, a banda compostelá de soul en galego que apunta a ser unha das mellores Big Bands da zona. Após de ambas, será a quenda a ‘The Folkies Celtas’, a banda de Folk-Rock a facer soar as súas guitarras, caixón flamenco, voz e violín.

 

Ás 15.30h as e os alí presentes gozarán dos concertos da Escola de Rock Pulsar de A Coruña e A Casa do Rock de Santiago. Amais, a escola de arte ‘Estudo Bonobo’ que mestura música, teatro, baile, interpretación, debuxo, fotografía, deseño e a tecnoloxía, vai actuar este ano no festival. Ao remate destas actuacións, ás 17h, está programada unha homenaxe aos grandes artistas defuntos da historia do rock coa participación de máis de 100 músicos.

 

O encerramento do festival ha correr a cargo de varias bandas que comezarán a tocar a partir das 22.30h. A banda coruñesa ‘Extrema Urgencia’ segue a dar caña coa denotada marca de ‘The Beatles’ ou ‘The Animals’, e encargarase de abrir o feche desta edición. Continuarán a festa a banda de power metal ‘Darksteel’, afincada en Ferrol e unha das poucas capaces de chegar aos límites de ‘Avantasia’; a seguinte quenda será para ‘Eager Platypus’, o combo de rock de Arteixo, que chega coas súas influencias clásicas e actuais que marcan a ruta dos seus concertos onde a voz da cantante sorprende tanto coma o orixinalidade dos temas propios da formación; e porán fin ao festival as mallas e pelucas de ‘The Resacas’ e o rock alternativo de ‘Jules & the Wolf’.

 

Actividades complementarias

 

Ás 12.30h ha dar comezo o Campionato de Xadrez Sub-23 cunha serie de partidas rápidas. O deporte tamén vai estar presente en formato de Fútbol Flag Black Ravens, cun obradoiro de iniciación a este deporte de equipa, de 13h a 17h. Os contacontos animarán ás crianzas entre as 13h e as 16h e, máis tarde, a partir das 18.15h terá lugar un Obradoiro Literario: ‘Contos Estraños’. O obxectivo desta iniciativa é atraer as crianzas de entre 9 e 13 anos ao mundo de creación de contos e historias de maneira escrita.

 

E como non! Ao longo do día todo o público ha poder probar as súas dotes co instrumento estrela do mundo da percusión grazas á instalación de baterías electrónicas por parte da organización denominada ‘Zona Dummers’.



x