O NOVO CURSO LITERARIO

Novelas en tránsito

Novelas en tránsito
Imaxe de libros-
Imaxe de libros-  

A novela é o xénero por excelencia na tradución literaria ao galego. Este inicio de curso cumpre con esa lei implícita. O italiano, o eúscaro ou o inglés son as linguas de orixe das novidades que editoras especializadas e xeralistas presentan para este outono.


O tamén poeta Isaac Xubín obtivo numerosos recoñecementos pola súa tradución dos poemas do vasco Joseba Sarrionandia, Tempo de exilio (Faktoría K, 2014). Desta volta ofrece a versión galega de A hora de espertarmos xuntos (Xerais), de Kirmen Uribe, unha ambiciosa obra publicada en eúscaro o pasado ano e que percorre o convulso século XX entre guerras, fuxidas, opresión e loita pola liberdade.

 

De Xubín, e tamén vertida desde o vasco, atópase nas librarías eSPedición (Hugin e Mugin), de Juanra Madariaga, "un diario lírico, unha crónica autobiográfica", en palabras do editor Alejandro Tobar, sobre o mundo do montañismo e a relación do ser humano coa insurxente natureza. Publicouse antes do verán. Hugin e Mugin, editorial centrada na tradución, anuncia agora as súas novidades de outono, A obra de Bruno Sperani e Os salgueiros de Algernon Blackwood.

 

O primeiro deles relata "os albores da metrópole milanesa", afirma Tobar. Sperani (1843-1923) foi o seudónimo da socialista italiana Vicenza Beatrice Speraz. O libro que está para saír en galego, orixinalmente publicado en 1894, nunca fora traducido a outra lingua. A responsábel da versión é Isabel Soto. Os salgueiros é, para H.P. Lovecraft, "o mellor relato de terror de todos os tempos". O propio Tobar encargouse da tradución.

 

Nova versión do mítico 'Maus'
A outra editora envorcada cara á tradución, Rinoceronte, recupera este outono a súa aposta pola banda deseñada cunha tradución a cargo de Estela Villar da novela gráfica por excelencia, Maus, de Art Spiegelman, o retrato con cans e gatos do trauma do exterminio nazi. A obra xa se publicara en galego en 2008 pero estaba descatalogada.

 

En Tras o rastro do Santo Cristo de Maracaibo, de John Stauffer Potter, aparece un buscador de tesouros á procura dos restos da batalla de Rande na ría de Vigo. Moisés Barcia fixo a tradución. Rinoceronte dá así continuidade á colección de non ficción que iniciara antes do verán o corrosivo Como ser muller, da inglesa Caitlin Moran.

 

O poeta Raúl Gómez Pato dirixe a serie de clásicos de Rinoceronte baixo o epígrafe de Vétera, que acolle a primeira tradución directa do sánscrito ao galego, o Pañcatantra, orixinal do século III a. C. e en versión do profesor José Virgilio García Trabazo.

 

Para o medio do outono, Rinoceronte ofrecerá O hibisco púrpura, o debut en galego da narrativa da nixeriana Chimamanda Ngozi Adichie, de quen xa publicaran o panfleto Todas deberiamos ser feministas. A maiores, e logo de colocar nas librarías a célebre, tenra Triloxía de Corfú de Gerard Durrell, publicarán O paquete falante do mesmo autor, co que, en palabras da editorial, "o lectorado máis novo poderá aprender sobre os personaxes mitolóxicos".



x