O novo audiovisual galego ábrese camiño na rede

O novo audiovisual galego ábrese camiño na rede
[Imaxes de Dhogs e Fame]
[Imaxes de Dhogs e Fame]  

As novas tecnoloxías están a remexelo todo. A forma en que concibimos a comunicación, mais tamén a maneira en que nos comunicamos nós propias. Neste senso, o audiovisual non escapa do furacán que supuxo a Internet e ten na rede un novo espazo para a creación, a difusión e mesmo a produción e distribución dos proxectos. Dhogs e Fame dan boa conta disto.


 

Galiza é un dos territorios máis prolíficos no eido audiovisual e numerosos filmes, curtametraxes ou documentarios feitos por autor@s galeg@s están a ter grande sona nos festivais internacionais. Algunhas, mesmo cos seus primeiros proxectos. Neste senso, quixemos abordar cal é o panorama das novas creadoras e creadores galeg@s da man de dous proxectos que, se ben están a comezar a súa andaina, dan boa conta do bo estado de saúde que presenta o audiovisual do país e das múltiples posibilidades que están a atopar malia a crise e a escaseza de axudas públicas. 

A longametraxe Dhogs e a webserie Fame son unha pequena mostra do que dan de si os miolos en Galiza. 

20.000 euros e moitas gañas
"Dhogs é unha longametraxe de ficción e baixo presuposto", mais que procura, din desde a Produtora GaitaFilmes, "unha alta calidade técnica e artística". Esta longametraxe que transcorre "nunha realidade paralela á nosa", afirman os seus creadores, está coproducida por Acanea Impulsión (Gaitafilmes) e Pixel Films, "unha equipa chea de motivación e ilusión" que visa botar a andar un proxecto que, aseguran, "tiñamos en mente desde hai tempo". 

Andrés Goteira, autor do guión, "levaba máis dun ano traballando sobre a idea e cando rematou, dábanse as condicións acaídas para comezar". Foi aí cando este grupo de amigos (Suso, Adrián, Andrés, Laura) comezou a desenvolver "todo o que rodea unha longametraxe". En primeiro lugar, recabando o orzamento preciso. "Somos os primeiros en arriscarnos ao apostar polo filme", desta maneira ambas as dúas produtoras investiron "uns 20.000 euros" que, din, "constitúen o eixo principal do orzamento" e a partir de aí, subliñan, "intentamos facelo medrar, achegarllo ao público mediante o crowdfunding, buscar inversores e patrocinadores privados, e quizais algunha axuda pública". 

O crowdfunding está a ser un recurso cada vez máis xeralizado para a obtención de axuda económica en todo tipo de proxectos --non só audiovisuais. Neste senso, moit@s nov@s creador@s ven nesta ferramenta on-line unha posibilidade para botar a andar as súas iniciativas, sobre todo, perante a escaseza de axudas públicas. "Parécenos unha boa forma de axudar a financiar pequenos proxectos, sobre todo cando, como é o noso caso, as axudas públicas son máis reducidas", afirman desde GaitaFilmes. 

Asemade, o crowdfunding "serve en si propio como unha nova canle de difusión dos traballos" pois, din, "podes presentarlle á xente directamente o proxecto, sen artificios" e despois "eles deciden se queren investir". 

Explorar novos formatos audiovisuais
Ao igual que Dhogs, a webserie Fame nace do maxín dun grupo de estudantes que partillaron un curso de audiovisual en Celanova. Fame é para o público "moitos quilómetros de exceso, noite e alcol", sinala a súa directora, Anxos Fazáns. "Tres capítulos protagonizados por dúas mozas cargadas de enerxía", mais que para as súas autoras é "moitas horas de traballo nun proxecto audiovisual arriscado" que "superou as espectativas" iniciais e agora "continúa medrando", asegura Anxos. 

Esta webserie, que as autoras recoñecen constitúe un formato novidoso, contou na súa primeira tempada co apoio da Fundación Carlos Casares, da Universidade de Vigo e da propia Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra --onde estudaron-- mais, afirman, "o mundo das webseries é un selva tan inexplorada que non hai un decálogo a seguir para conseguir financiar un proxecto". Neste senso, para o segundo tramo da iniciativa, que titularán Sede, "pretendemos voar fóra do niño", explica Silvia Fuentes, produtora de Fame, para o que están á procura de "financiación privada pola vía dos patrocinadores, por exemplo". 

E a audiencia sérvelles de aval. "Tivo moi boa acollida por parte do público, na plataforma Uvigo TV cada capítulo ten máis de 1000 visitas e a canle que a serie ten aberta en Youtube conta con máis de 2100 reproduccións", indica Anxos Fazáns. 

Novas redes de distribución on-line 
Para @s nov@s creador@s, difundir os seus proxectos é un dos aspectos máis complexos, xunto coa obtención dos recursos económicos e materiais. "Nós traballamos na Internet porque é difícil acceder ás canles convencionais como o cine ou a televisión", aseguran desde Fame. Así, a rede "danos folgos" porque "é doado subir os contidos" e ao mesmo tempo "é doado para o espectador acceder a eles". 

De igual maneira, desde GaitaFilmes os seus creadores coidan que "a maneira tradicional de dar a coñecer un proxecto humilde" como Dhogs "está bastante esgotado", polo que "as plataformas de visionado on-line" supoñen "unha alternativa" na que din "temos depositadas moitas esperanzas". No entanto, webs "como Filmin, Yomvi, Wuaki, Total Channel... non son moi coñecidas" xa que, afirman, "estamos nese tempo de transición cara á unha nova forma de ver cine, e proxectos como o noso quedan un pouco en terra de ninguén". 

O apoio institucional mingua 

As axudas que as institucións públicas adican aos proxectos impulsados por nov@s creador@s é cada vez menor. Os recortes e a política de 'austeridade' deixan@s as máis das veces sen apoio institucional. 
"Os fondos destinados para o audiovisual en xeral son ben escasos e partindo desa base os que traballamos no mundo da webserie atopámonos cun problema engadido que é a falta de presenza do formato" á hora de solicitar as axudas ao "non aparecermos tipificados na lista de formatos para os que van dirixidos as axudas", indica Silvia Fuentes. Perante esta realidade "a nosa experiencia até o momento é “faino ti propia", acrecenta Anxos.

"O apoio institucional existe, pero cremos que podería ser máis sinxelo acceder a el", explican desde GaitaFilmes mais "gostaríanos que as axudas estivesen repartidas e chegasen a un gran número de proxectos, premiando así a aqueles con presupostos máis racionalizados que non requiren inxeccións desorbitadas de diñeiro público". No entanto, entrementres, "hai que agudizar o enxeño". 



x