ESTE 14S NA USC

O Novo Cinema Galego a debate

O Novo Cinema Galego a debate
congreso Novo Cinema Galego
congreso Novo Cinema Galego  

Os éxitos de crítica e festivais do denominado Novo Cinema Galego foron acompañados, desde o inicio, dunha atenta pescuda teórica e académica. Esta quinta feira, 14 de setembro, a facultade de Filosofía da Universidade de Santiago acollerá a primeira das dúas xornadas consecutivas que cineastas, investigadoras, produtoras ou profesoras dedicarán a "pensar o Novo Cinema Galego".


A catedrática Margarita Ledo abrirá o seminario cunha disertación sobre "feminismo e performatividade" nas obras adscritas ao movemento. A xeración de directoras e directores que agrupa a etiqueta, e cuxo mascarón de proa son os galardoados filmes -en Cannes- de Oliver Laxe, abriu a porta ás mutacións estéticas e políticas do cinema contemporáneo. O Novo Cinema Galego rachou cos modelos industriais que dominaran as producións en Galiza e estabeleceu diálogos de igual a igual coa modernidade.

 

O tratamento da paisaxe, as relacións coa pintura, a memoria ou o concepto de resistencia estética serán algúns dos asuntos a debater no ciclo Pensando o Novo Cinema Galego, dirixido polo profesor Xosé Nogueira, organizado polo Cefilmus e o Grupo Performa, e no que, entre outras, participarán o cineasta Alberte Pagán, o programador Jaime Pena, a produtora Beli Martínez ou os investigadores Lara Rozados, Julio Vilariño ou Iván Villarmea. A maiores, na Sala Numax de Santiago de Compostela a sexta feira ás dez da mañá, Cris Lores ofrecerá a sesión Proxecto Remolque.



x