Os novos Xerais xa teñen nome: Érica Esmorís, Andrea Maceiras e Héctor Cajaraville

Os novos Xerais xa teñen nome: Érica Esmorís, Andrea Maceiras e Héctor Cajaraville

Dúas mulleres e un home, ao igual que na edición anterior mais, desta volta, é o Xerais o que leva nome masculino. Héctor Cajaraville no Xerais, Érica Esmorís para o Merlín e Andrea Maceiras no Jules Verne son os novos nomes dos  premios que cada ano se entregan na Illa de San Simón. 


O de máis idade dos tres premios naceu no ano da morte de Franco. Tres nomes da nova literatura fanse coas tres categorías dos premios xerais e poñen sobre a mesa varias cuestións arredor da escrita dos nosos tempos. Dúas mulleres entre os tres nomes gañadores, o xornalismo sigue a estar na moda, unha xeración nova e aínda non coñecida está a petar con forza e repítese a circunstancia dun autor que opta a varias categorías. Son algunhas conclusións que se poden tirar ao desvelar os nomes de Héctor Cajaraville gañador con De remate do Xerais de Novela, Érica Esmorís con Nena e o mar no Merlín e Andrea Maceiras con Europa Expréss para o Jules Verne de literatura xuveninl. 

Pode un libro composto de artigos xornalísticos, fragmentos dun diario, correos electrónicos e transcricións de entrevistas, entre outros documentos, ser considerado unha novela? É o propio autor o que pon sobre a mesa a pregunta a respecto da obra gañadora da XXXII Edición do Premio Xerais de Novela. Así é, De remate, o título da novela, así considerada segundo as bases do premio, escrita polo xornalista Héctor Cajaraville (Santiago, 1975), un profesional dos medios que traballou en diversos gabinetes e medios de comunicación e é un dos coautores do Dicionario Xerais de Secundaria e Bacharelato (Xerais 2014) e autor do libro O palabrego (Xonix Récords, 2012). 

Xornalismo, de novo 

O Xerais desta nova edición confirma que o xornalismo marca tendencia e, de novo, a obra remítenos aos medios de comunicación xa que se presenta como o libro de artigos do columnista Bieito Sanmarful, publicado postumamente. A obra está prologada no ano 2025 por Pablo Cardeiro, ex-director de Loaira. 

“A partir de textos propios e alleos, o lector vai fornecéndose das pezas que lle permitirán dar forma aos últimos anos de vida de Sanmarful, afectado dunha enfermidade terminal que vai condicionar a súa relación coa súa profesión, coas persoas que o rodean, co mundo en xeral e, sobre todo, consigo mesmo”, explica Cajaraville da súa novela gañadora do Xerais. 

“Estamos ante unha novela poliédrica, escrita con materiais de diversa fasquía, que compón un calidoscopio literario do país e dos seus habitantes valéndose dunha amalgama de estilos metaliterarios cos que o propio autor comparte protagonismos”, sinala o xurado do premio. 

A editorial desvela que o autor é tamén finalista no premio Merlín con Quen dá a quenda?, condición que xa se deu en anteriores edicións e mesmo nunha delas unha autora, Rosa Aneiros, conseguiu facerse cos dous premios da convocatoria. 
 

Reivindicación da literatura infantil 

A conmemoración de San Simón foi, nesta edición, unha ocasión para a reivindicación da literatura infantil. A XXX edición do Premio Merlín e o mantedor Miguel Vázquez Freire contribuíron de maneira especial para que a festa da editorial con sede en Vigo se tornase nunha louvanza do grande momento e da responsabilidade social da literatura feita para lectores e lectoras de menor idade. 

Coa intervención “Unha parábola verniana”, Vázquez Freire analizou, entre outras cuestións, a relación entre a literatura infantil e para adultos e adultas e lembrou que autores como Andersen, Lewis Carroll ou Collodi pasaron a ser considerados grandes nomes da literatura universal de todos os tempos grazas as súas obras escritas para crianzas. 

E o nome que ía levar na súa traxectoria literaria ter acadado a trixésima edición do Premio Merlín de Literatura Infantil ía ser feminino. Érica Esmorís (A Coruña, 1977) sumaba o seu nome á prestixiosa listaxe do galardón con Nena e o mar. 

Guionista, directora e realizadora de cine e televisión, Érica Esmorís ten publicada a novela infantil O poder de Amabel no selo Sushi Books, traducida ao castelán, catalán e éuscaro. Materia audiovisual é, segundo o xurado, a súa nova obra gañadora do Merlín. 

Na súa novela, Esmorís achéganos á historia de Otto e a súa filla Nena. Otto é o último home novo dunha vila mariñeira chamada Porto Balea que un día desaparece e a súa filla loitará contra unha veciñanza de anciás para emprender a desesperada viaxe de atopar o pai. 

Nena e o mar é un relato redondo, unha aventura de esperanza e valentía na que o ritmo pausado deixa saborear todos os ingredientes dunha vila mariñeira envellecida, ancorada e sen capacidade de loita contra o destino que o abandono deixa. O poder de evocación é un dos principais argumentos dun texto que logra recrear unha paisaxe singular na que se mestura a decadencia coa esperanza posta nos ollos dunha cativa que logrará mudalo todo”, valoraron desde o xurado. 

A escritora afirmou que construíra a súa novela “Como unha obra circular e coral na que existe un xusto equilibrio que permite o desenvolvemento do seu eixe principal, unha aventura temeraria e fantástica dunha nena que, embarcada nun pequeno bote, sae á busca do seu pai, preso na Illa das Sereas, e ao mesmo tempo permite profundar nas inconclusas historias de todos os vellos habitantes de Porto Balea”. 

A de máis premios e libros

Tamén unha muller foi gañadora do premio Jules Verne de Literatura Xuvenil. Andrea Maceiras Lafuente (A Coruña, 1987) fíxose co galardón con Europa Expréss. A autora con máis premios e obra publicada das tres categorías con novelas como O segredo do lagarto arnal (Baía, 2012) ou Nubes de evolución (Xerais, 2013) fora xa finalista do Merlín en 2013 con Volverás, golfiño que Xerais publicou en 2014. 

A viaxe dun grupo de adolescentes por Europa despois de rematar o Bacharelato é o punto de partida, dez anos despois de que aconteza, dunha novela que aborda a descuberta da vida en liberdade. 

“A novela, construída en base a unha arquitectura precisa, case palindrómica, na que só se lle concede a Xacobe a licenza de falar dende o pasado, está estruturada en tres grandes bloques nos que se van intercalando narracións en terceira persoa que transcorren dez anos antes con outras en primeira persoa, de cada un dos personaxes, no tempo presente”, valorou o xurado do Jules Verne. 

Andrea Maceiras define a súa novela como de “intriga psicolóxica”. “A liberdade das viaxes, a identidade ou a procura do amor son algunhas das constantes deste relato que afonda na esencia da mocidade, tan efémera no tempo como perdurábel na memoria”, comentou a escritora.



x