A EDITORIAL GALAXIA RESCATA RELATOS ESPALLADOS E XORNALISMO SOBRE LIBROS

O Casares por (volver) ler

O Casares por (volver) ler
O escritor Carlos Casares. Foto: cedida.
O escritor Carlos Casares. Foto: cedida.  

O ano que a Real Academia Galega dedicou a Carlos Casares (1941-2002) chega a termo. Faino con dúas paradas nos alicerces fundamentais do seu traballo: a narrativa e o xornalismo. O suicidio de Jonas Björklund e outras historias e A ledicia de ler titula a editorial Galaxia -da que el mesmo foi director-, dous libros de Casares publicados por primeira vez.
 


A compilación de máis de 400 artigos en 800 páxinas de, segundo o editor Xosé Soutullo, “letra apretada”, dedicadas á lectura, ao libro e á lectura conforma A ledicia de ler. O limiar é da profesora Dolores Vilavedra. Textos que viron a luz entre 1975 e 1982 no xornal La Voz de Galicia, recollen “a súa maneira de entender a literatura, fixa a súa ollada literaria”. E se nesta existe unha liña de forza, indica Soutullo, é aquela que critica “a literatura posta ao servizo da política”.

A-ledicia-de-ler

Casares, que acompañara o antifranquismo e se comprometera en organizacións como a Asociación Democrática de Estudantes e a Frente de Liberación Popular, “non negaba que a política estivese presente na literatura, mais non quería que esta se sometese a un programa político”. A ledicia de ler, con todo, ía máis alá da autopoética e aínda hoxe serve como rexistro dunha época chave para a literatura galega.

 

“Neses anos hai un aumento considerábel da produción literaria”, lembra Soutullo, “e os seus artigos recóllena. Ao tempo, percibimos como se van incorporando novas xeracións de autores”. A Transición, engade, non era unicamente política. As letras tamén entraban en metamorfose. O escritor Casares estaba atento ao libro galego en sentido amplo: narrativa, ensaio, historia. “Nos últimos anos incorpora novos temas e comeza a falar de literatura universal. É como un aviso do que fará despois na sección Á marxe”. Que empeza en 1982 e que Galaxia xuntou en dez volumes.

 

Se o xornalismo resulta indispensábel para enxergar a dimensión do escritor e o intelectual Carlos Casares, O suicidio de Jonas Björklund e outras historias ofrece unha concisa panorámica sobre a súa obra narrativa. Trátase de 20 relatos aparecidos en revistas, na prensa, en libros colectivos ou mesmo de maneira independente, e escritos entre 1965 e 2001. “Os temas principais da súa literatura están neste volume: a violencia, o dogmatismo, a tolerancia. E todo atravesado polo humor”, considera Xosé Soutullo.

o suicidio de jonas björklund

O libro contén, ademais, indicios dos territorios que iría explorando Casares. O primeiro dos contos, publicado en Grial no seu día, quedou fóra de Vento ferido (1967) e “porén, comparte amosfera e o tempo escuro da ditadura”. Outras pezas anuncian Os escuros soños de Clío (1979) e o seu xogo coa historia. E outras “apuntan cara a Ilustrísima”, a súa novela de 1980. O arco da súa traxectoria como escritor reflíctese nas páxinas de O sucidio de Jonas Björklund.

 

“Foi un ano intenso de Casares”, resume Xosé Soutullo, “en Galaxia mantivemos todo o seu catálogo vivo e recuperamos numerosas obras”. Entre elas, O expreso da literatura e outros ensaios, en edición de Henrique Monteagudo, “que continúa a liña de Un país de palabras (1999)”. “Da obra xornalística quedan cousas por publicar”, conclúe, “e agardamos que este ano servise de impulso para investigadores e investigadoras á hora de rescatar novos materiais”.



x