PREMIO ÁNXEL FOLE DE NARRATIVA BREVE

Regresa o evidencialismo de Cid Cabido

Regresa o evidencialismo de Cid Cabido
O escritor Xosé Cid Cabido. Foto: Xerais.
O escritor Xosé Cid Cabido. Foto: Xerais.  

A súa prosa transita algúns dos territorios máis singulares da narrativa galega. Indeterminación, azares, historias a media voz, o mundo ao bordo do colapso, para Xosé Cid Cabido (Vigo, 1959) escribir consiste en desaferrollar o real. O autor de Blúmsdei (2006) vén de gañar o premio Ánxel Fole de narrativa breve.
 


“Foi precisamente na rúa Eduardo Loriga, unha das máis empinadas de Vigo, onde o catro de abril de 1985 aquel meu vello Renault-8 decidiu suicidarse da forma máis brutal e elegante que poidades imaxinar”, comeza Tres pintores, a obra que lle valeu o galardón convocado polo Concello de Lugo. Do xurado fixeron parte a escritora Carmen Conde, o poeta Lois Pérez e o editor Manuel Bragado, quen pendurou o inicio da novela nas redes sociais.

 

Cid Cabido non publica libro desde que, en 2009, afondara nos trapos sucios da burguesía viguesa a través de mecanismos de non ficción en Unha historia que non vou contar. Antes, con Panificadora (1994) Grupo abeliano (1999) puxera en práctica o evidencialismo, “que se propón amosar, nomear, subliñar e remexer aquilo que se mantén oculto, ben sexa na tona ou na cerna das cousas”, segundo a súa propia definición.



x