Os mundos arraianos de Ferrín

Os mundos arraianos de Ferrín
Paisaxe arraiana no Barroso, en Portugal. Foto: cedida.
Paisaxe arraiana no Barroso, en Portugal. Foto: cedida.  

Non resulta estraño albiscar a figura de Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938) por territorio arraiano. De maneira figurada -unha dúas súas obras máis emblemáticas son os contos de Arraianos (1992)- ou literal, a pé, levantando acta. Esta última versión é a que recompila Edicións Positivas nun volume que reúne medio cento de artigos sobre as lindes, as fronteiras, as estremas de Galiza: Arraiano entre arraianos.
 


A idea da obra partiu do xornalista Aser Álvarez (Bande, 1976), durante anos animador da revista Arraianos e activista cultural dese particular mundo liminar entre Portugal e o sur da Galiza. Os textos de Ferrín publicáronse antes no Faro de Vigo, xornal co que mantén unha delongada relación. O máis antigo data de 1979. O máis recente, de hai dous meses. “Van de Asturies a Valença do Minho”, explica o editor Paco Macías, de Positivas.

 

Arraiano entre arraianos escapa da orde cronolóxica e fixa os artigos nunha secuencia xeográfica, “do Cantábrico ao Atlántico”. “Percíbese que ten un mundo propio, porque el tamén é arraiano, de Celanova, e mirou sempre para os montes de Portugal”, di Macías, “un mundo que estaba espallado no xornal e neste libro vese todo xunto”.

CAPA - Arraiano entre Arraianos-1

 

Todo xunto e suxeito á definición de Ferrín, exposta de entrada: “Ser arraiano non é o mesmo que ser fronteirizo […] é un estado de apertura conceptual e sentimental do tipo dos que o profesor Maiz asociaría co nacionalismo 'esencialista”. E cuxo núcleo está localizado concretamente nun “triángulo misterioso” entre Celanova, Montealegre e Arcos de Valdevez e corazón no Couto Mixto. A palabra, xentilicio ampliado, reintroduciuna no galego e no portugués, asegura o escritor, o profesor Manuel Rodrigues Lapa.

 

“Aquí está Ferrín en toda a súa dimensión”, sinala Paco Macías, “defendendo Bento da Cruz e Miguel Torga e atacando Pessoa e Saramago”. Ao tempo que elabora unha etnografía provisional e informadísima da cultura material de vida das arraianas e os arraianos. “Por exemplo”, lembra Macías, “explica como o butelo só se come na Raia: Fonsagrada, Viana do Bolo, etcétera. E o oso só anda pola Raia”. Sempre que esta se entenda no sentido amplo en que, finalmente, a entende Arraiano entre arraianos.

 

O libro conta con dous limiares, un a cargo do propio Aser Álvarez e o outro da man de Xosé Benito Reza, enxeñeiro de montes e escritor. Un retrato de Ferrín obra de Manuel Vilariño ocupa a cuberta. Presentarase por primeira vez o vindeiro sábado 16 de decembro no restaurante Paz Nogueira nun Xantar da Cabra inscrito nas xornadas Cultrural, Compostela Capital da Cultura Rural. “Ferrín fala moito das cabras do Xurés, e en Compostela tamén comemos cabra”, conclúe Paco Macías, quen anuncia posteriores actos “por toda a Raia e en Braga. El reivindica a Gallaecia, o País dos Castros, así que temos que ir a Braga”.



x