ALBUMS DE AQUÍ E ACOLÁ / MANUEL CAAMAGNO

“Oh Ayatollah son delicados e bailongos á vez”

“Oh Ayatollah son delicados e bailongos á vez”
Á dereita, Manuel Caamagno, nun concerto de Familia Caamagno no festival As Revenidas de Vilaxoán.
Á dereita, Manuel Caamagno, nun concerto de Familia Caamagno no festival As Revenidas de Vilaxoán.  

Familia Caamagno é unha das máis engraxadas maquinarias do rock & roll galego. De rigoroso uniforme -chaqueta americana e camisa- e formación canónica -dúas guitarras, baixo, batería e frontman-, os seus concertos transfórmansen en cerimonias colectivas dedicadas ao baile e ao desafogo. Manuel Caamagno é o seu cantante, saxofonista e escritor.
 


O ritmo e o blues, a tradición musical anglosaxoa dos sesenta -con límite en 1967-, conforman a materia prima sobre a que traballan os Caamagno. E iso cadra á perfección coa escolla internacional de Manuel para os Albums de aquí e de acolá: o Arthur dos ingleses The Kinks. De título completo Arthur ou a decadencia e caída do Imperio Británico, publicado en 1969, é unha desas obras magnas en que Ray Davies -guitarrista e compositor principal da banda- realizou un demoledor exercicio de crítica dos costumes da sociedade inglesa da época.

the kinks - arthur or the decline and fall of the British Empire (cuberta, 1969)

“Todas as cancións deste disco teñen algo”, explica Manuel Caamagno, “do rhythm & blues británico máis sixties dunha canción como Brainwashed, que hoxe chamarían garaxe, á magnífica Shangri-La e ese pop brillante, máis orquestrado”. The Kinks significaron tamén unha terceira vía, idosincrática e progresista, ao debate entre Beatles e Rolling Stones.

 

“Gústame moito a división do disco entre pop e rhythm & blues, éncheme, entre rockeiro trasnoitado e poeta traveso”, engade. Algo de poesía travesa e rock & roll se non trasnoitado si dispoñíbel a trasnoitar hai nos discos de Familia Caamagno. Familia Caamagno (2012), Hai que andar cos tempos! (2014) e Para unha vez que saímos (2016) son tratados de garaxe punk, este último con certos ángulos psicodélicos.

 

Manuel Caamagno atende a Sermos Galiza mentres descarga os instrumentos da banda. Están gravando un novo traballo. En que talvez se sintan ecos do elepé que elixe entre a produción galega: Volve a canción protesta (2018), de Oh! Ayatollah. Con base en compostela, esta banda de pop lixeiramente ruidoso e existencialismo posadolescente é unha das sensacións recentes da escena.

oh! ayatollah - volve a canción protesta (cuberta, 2018)

“Perdoando a The Homens, Oh! Ayatollah fixeron o mellor disco de pop galego. Son delicados e bailongos á vez -como tamén o eran The Homens-”, afirma, “e aínda por riba teñen unha letras... Quen as escribe domina o código perfectamente”. E quen as escribe é Nuno, líder do grupo e autor dunha lírica disconforme e incómoda e simpática.

 

Os propios Familia Caamagno participaron no concerto colectivo que, o pasado febreiro en Compostela, serviu de presentación a Volve a canción protesta. E aínda que esa relación de amizade existe, Manuel bromea: “Namorei antes das cancións ca dos rapaces”.



x