CINEMA

O cineasta Oliver Laxe, Premio Cidade de Ourense do 21ºOUFF

O cineasta Oliver Laxe, Premio Cidade de Ourense do 21ºOUFF
Oliver Laxe
Oliver Laxe  

O cineasta Oliver Laxe, fillo de emigrantes galegos nado en París en 1982, é o Premio Cidade de Ourense da vixésimo primeira edición do OUFF, un recoñecemento ao seu labor de creación e ao espallamento do cinema galego alén do país.


O Festival de Cine Internacional de Ourense, OUFF, vén de premiar Oliver Laxe co Premio Cidade de Ourense, un galardón que recoñece o labor do cineasta tanto a nivel de creación como a nivel de difusión do cinema galego fóra das fronteiras do país.O premio seralle entregado no festival, que dará comezo o 28 de outubro.

Oliver Laxe estudou cinema e realización da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona e após vivir en Londres realizou as curtas E as chemineas decidiron escapar –en colaboración con Enrique Aguilar-, Soa unha trompeta, agora vexo outra cara e París #1.

Após unha estadía en Tánxer, creou Todos vós sodes capitáns, a súa primeira longa, que lle valeu o premio FIPRESCI da crítica internacional, no marco da Quincena de Realizadores do Festival de Cannes. Aliás, con Mimosas, o seu seguinte filme, conseguiu o gran premio da Semana da Crítica do Festival de Cannes.

Na actualidade, o cineasta traballa na súa próxima longa, Aquilo que arde, un proxecto cunha formulación que se achega ao que se coñece como un falso documental.