Ouvirmos publica toda a obra poética de Valente en galego

Ouvirmos publica toda a obra poética de Valente en galego
José Ángel Valente [Foto: Elisa Cabot]
José Ángel Valente [Foto: Elisa Cabot]  

Ouvirmos reúne por primeira vez nunha publicación toda a obra poética realizada en galego polo poeta ourensán, con edición a cargo de Claudio Rodríguez Fer.


José Ángel Valente publicou o seu primeiro poemario en galego no ano 1981 baixo o título de 'Sete cántigas de alén' (Ediciós do Castro). Logo destes versos naceron outras composicións en galego escritas durante os anos oitenta e noventa, que foron reunidas en edicións progresivamente ampliadas co título de 'Cántigas de alén' en 1987, 1989 e 1996. 

A obra que agora publica Ouvirmos contén o ciclo completo de 'Cántigas de alén', incluíndo por primeira vez o poema “Na mar de Vigo” e a dedicatoria aos emigrantes de A Nosa Galiza de Xenebra no poema “Sub nocte”. Unha recompilación, con edición a cargo de Claudio Rodríguez Fer, que por primeira vez reúne toda a obra poética realizada en galego por José Ángel Valente. 

O seu primeiro poema en galego, titulado “Finisterre” e datado en Ourense en 1947, publicouno no diario vespertino 'La Noche' de Santiago de Compostela

José Ángel Valente  (Ourense, 1929 – Xenebra, 2000) comezou a escribir sendo adolescente, en castelán, na Ourense da inmediata posguerra. O seu primeiro poema en galego, titulado “Finisterre” e datado en Ourense en 1947, publicouno no diario vespertino 'La Noche' de Santiago de Compostela, cidade onde daquela estudaba o poeta. Converteuse así nun pioneiro da publicación en galego por parte da mocidade posbélica ou de quen non tiña editado nada neste idioma antes da Guerra Civil. 

Valente instalouse en Madrid antes de cumprir 20 anos e non volveu residir en Galiza. Durante décadas, Galiza e o galego pasaron a ser subtexto da súa obra en castelán, segundo Ouvirmos. Pero o seu posterior afincamento en Xenebra, onde traballaban milleiros de emigrantes galegos, reconectouno coas súas raíces e co idioma. Comprometeuse coa causa da emigración e do exilio, e foi cofundador da sociedade emigrante A Nosa Galiza. Precisamente, unha conferencia pronunciada por Valente en A Nosa Galiza sobre a obra de Afonso X o Sabio no 1980, desencadeou no escritor a inspiración dos poemas que publicaría en 1981 na obra 'Cántigas de alén', ampliada progresivamente nas sucesivas edicións anteriormente citadas. 

O seu posterior afincamento en Xenebra, onde traballaban milleiros de emigrantes galegos, reconectouno coas súas raíces e co idioma. Comprometeuse coa causa da emigración e do exilio.

Así, este volume editado por Ouvirmos ofrece o ciclo completo das 'Cántigas de alén', reunido por primeira vez, incorporando ademais o derradeiro poema en galego de Valente, “Na mar de Vigo”, evocación da primeira vez que viu o mar, cando o seu pai o levou, sendo adolescente, a cruzar en barco a ría entre Vigo e Cangas de Morrazo. Segundo Ouvirmos, "o prestixio e valía da súa gran produción poética contrastan co descoñecemento da sociedade galega cara a un dos seus poetas fundamentais do século XX. Desexamos que esta obra contribúa a resituar e poñer en valor a figura e legado do poeta ourensán". 

Valente foi un dos máis destacados poetas da España do século XX. Integrante da xeración dos 50, foi recoñecido con múltiples premios como o Príncipe de Asturias, o Nacional de Poesía en dúas ocasións, o Reina Sofía de Poesía Iberoamericana ou o Premio da Crítica tamén por partida dobre. En Galiza foi recoñecido como fillo predilecto de Ourense en 2000 e como Doutor Honoris Causa pola USC en 1999. 



x