CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Overkill: The Grinding wheel

Overkill: The Grinding wheel

Se 2016 foi, como xa teño comentado algunha vez, un ano bastante frouxo na calidade dos lanzamentos discográficos, agás algunhas excepcións, este 2017 parece decidido a compensalo. Despois do espectacular disco que nos agasallaran Kreator, chega outro dos lanzamentos máis agardados, o novo traballo de Overkill, de cara ao que había moita expectación e que, non decepcionou en absoluto.


Overkill é unha desas bandas que levo toda a vida escoitando pero moi dada a altibaixos. De feito, dende o 2010 que sacaron Ironbound, no volveron a entusiasmarme cos seus traballos, cousa que podía significar que a banda estaba totalmente esgotada e non era quen de facer nada máis que vivir das rendas do pasado e retirarse. Mean, Green, Killing Machine encárgase na apertura do disco que rachar con todas esas ideas preconcibidas. Pura descarga trasher que fusila dende o inicio o noso peito cunha batería e unhas guitarras contundentes durante sete minutos e medio. Goddamn Trouble encárgase de afianzar que o que escoitamos no primeiro tema non foi casualidade, senón que Overkill realmente volveron facendo o que mellor saben facer. A melodía. frenética, mesturada con pasaxes secos e cortantes lévannos aos Overkill dos 90, cando a banda forxou o seu nome na historia do trash. En Our Finest Hour, a sensación de estar envolto nun tema clásico xa escoitado é inmensa. Dende riff inicial até a melodía que contrasta coa agresividade da base revélase como o punto de conexión da banda co seu espírito.

Shine On é un puro divertimento da banda, tanto a nivel harmónico é compósitivo como interpretativo. Con solos preciosistas e un impás atmosférico entre medias, este tema convértese nunha rara avis dentro do álbum. Con unha introdución ao máis puro estilo Iron Maiden, The Long Road é un tema non tan trasher e mais achegado ao power e o groove¸ cunha base impresionante na que o traballo de Verni co baixo é maxistral. Con Let’s Go To Hades pisan o freo e baixan de revolucións para facer esta viaxe infernal con aires do punk dos 80. O tema en si é bastante frouxo e o tratamento das voces non chega a funcionar. Peza curiosa é Come Heavy, cun recendo setenteiro no que a banda amosa a súa devoción por Black Sabbath, alonxándose da súa identidade para renderlles tributo.

Red, White and Blue abre a recta final do traballo. É un tema trasher, brutal e sen concesións que ten todos os números para converterse nun novo himno. Con The Wheel, volven a retomar a mestura de trash con power que tan bos resultados lles deu. Gosto nel especialmente dunhas guitarras particularmente ásperas sobre a batería que mete revolucións ao duplo bombo. O tema que dá título ao disco, The Grinding Wheel, é un tema no que volven os recendos a Iron Maiden cando o baixo toma o protagonismo. Neste tema de máis de 7 minutos a banda trata de crear, badaladas de morte incluídas, unha atmosfera escura e macabra que remata sendo pesada pola excesiva duración do tema. Como peche do plástico, soa Emerald, unha versión do tema de Thin Lizzy. Nun disco cheo de referencias, non podería ter elixido mellor peche, pois a revisión que fan deste clásico é algo máis que unha curiosidade.

Referencias a Judas Priest no título, Iron Maiden, Black Sabbath ou Thin Lizzy aderezando co seu sabor un disco que é puro Overkill. Onde o trash, o power e mailo punk se xuntan para taernos un álbum digno continuador de Ironbound. Agora que Metallica se adica a cantar con Lady Gaga, Overkill chega para darnos esa caña da que tan necesitados estivemos no 2016.

VIDEO: Overkill – Goddamn Trouble https://youtu.be/GSbgxG-jLMU

LISTAXE DE TEMAS

1. Mean Green Killing Machine
2. Goddamn Trouble
3. Our Finest Hour
4. Shine On
5. The Long Road
6. Let's All Go to Hades
7. Come Heavy
8. Red White And Blue
9. The Wheel
10. The Grinding Wheel
11. Emerald

OVERKILL NAS REDES

WEB: http://wreckingcrew.com

Facebook: https://www.facebook.com/OverkillWreckingCrew/

Twitter: @OverkillBand

 



x