DO 24 AO 29 DE OUTUBRO

O papel da muller, protagonista do Festival Amal

O papel da muller, protagonista do Festival Amal
A imaxe de AMAL 16 correspóndese a unha fotografía de Muhammed Muheisen, Associated Press, premio Pulitzer en 2005 e 2013.
A imaxe de AMAL 16 correspóndese a unha fotografía de Muhammed Muheisen, Associated Press, premio Pulitzer en 2005 e 2013.  

O Festival Amal 2016 traerá un ano máis a Compostela o cinema euroárabe. Nesta ocasión, os once filmes que se proxectarán do 24 ao 29 de outubro centraranse no papel da muller.


Do 24 ao 29 de outubro, Compostela será o epicentro do cinema euroárabe da man do Festival Amal, que este ano acolle un total de once filmes que serán proxectados no Auditorio de Abanca (Preguntoiro, 23).

Organizado pola Fundación Araguaney, a XIV edición do festival de cinema, que leva por lema “Ama, loita, soña, Amal”, centrarase no papel da muller na sociedade musulmá e na europea. É máis, as once fitas que se reproducirán, das que a metade foron financiadas por proxectos de crowfunding, son dirixidas por mulleres.

Unha das funcións do festival, segundo salientou na presentación Ghaleb Jaber Martínez, director do Amal, pasa por romper os estereotipos do mundo árabe, como os debates arredor do uso do burkini ou os constantes bombardeos a cidades de Oriente. “Con Amal achegamos a voz dos que non poden ser escoitados”, salientou.

Programación

A segunda feira, 24 de outubro, a proxección da fita Ave María, presentada ao Festival de Cannes e nominada para os Óscar a mellor curta, abrirá o festival ás 20.30h. Outros títulos destacábeis da semana son 10 anos e divorciada, unha historia autobiográfica da primeira directora de cine iemení Khadijah Al-Salami; Baraka meets Barakah, primeira comedia romántica de Arabia Saudí; 3.000 noites, una historia de maternidade na máis extrema das circunstancias dirixida pola directora palestina Mai Masri; Nearby Sky, una cinta transgresora que relata o afán dunha muller por participar nas carreiras de camelos; ou Las aventuras do Príncipe Achmed, conto animado alemán de 1926 da directora Lotte Reiniger, a película de animación máis antiga da historia que será musicalizada en directo polo grupo galego Trío Caspervek.

As proxeccións poderán verse ao longo da semana cun primeiro pase ás 20h (custo 2 euros) e outro ás 22h (custo 3 euros), agás a proxección da derradeira xornada, que será ás 12h (de balde), e na que se poderá ver A viaxe de Ghada, un traballo audiovisual de alumnado CEP Ventín de Milladoiro (Ames).