HISTORIA DUN CADRO DE DÍAZ PARDO

Pintar para resistir o fascismo

Pintar para resistir o fascismo
'O discurso', de Isaac Díaz Pardo.
'O discurso', de Isaac Díaz Pardo.  

Nin sequera na máis densa posguerra abandonou Isaac Díaz Pardo (1920-2012) a súa singular idea do compromiso na arte. O cadro O discurso, que -cedido pola Deputación da Coruña- pasou onte a facer parte da exposición permanente do Museo de Belas Artes da cidade, serve de proba de cargo. "Non é senón un mitin", consta no catálogo comentado do patrimonio do organismo provincial, "e é obvio que pintar un mitin na España de 1946 era un tema social".
 


"Meu pai sempre falaba diso, de que este cadro era unha metáfora", explica Xosé Díaz Arias (A Coruña, 1949), quen salienta "a actitude do home á esquerda, que intenta convencer ao auditorio". Auditorio entre o que se atopa, de maneira inaudita, unha muller a aleitar un cativo. "O discurso e Os afogados son os dous primeiros óleos de temática política que pinta Díaz Pardo", engade o seu fillo. Os afogados son, en realidade, os fusilados polo fascismo. Este lenzo pertence, na actualidade, á colección de Abanca.

 

Antes de pintar O discurso no obradoiro que tiña na rúa de Lista, hoxe Ortega y Gasset, de Madrid, Isaac Díaz Pardo dedicábase aos retratos, ás maternidades, ás escenas campesiñas. Pasaran apenas dez anos desde que os franquistas asasinaran seu pai, o pintor e escenógrafo Camilo Díaz Baliño. "Naqueles anos [mediada a década dos 40], Isaac era pintor profesional en Madrid", recorda Xosé Ramón Fandiño, estreito colaborador de Díaz Pardo no Instituto Galego de Información, "que vivía, sobre todo, de encargos da burguesía. E isto anóxao moito".

 

Fandiño fala por boca do propio Isaac, quen lembraba no tramo final da súa vida como aquel vender a alma aos burgueses de Madrid e a oferta que recibiu desde as alturas do réxime para traballar na decoración de Cuelgamuros empurrárono a marchar da cidade. E a deixar a pintura. "Volveu para O Castro, en Sada", sinala. E ao pouco tempo partiu cara á Arxentina, onde reinicia a súa vida ao entrar en contacto con Luís Seoane e o exilio republicano.  

 

Pero foi xustamente unha das últimas exposicións da súa obra en Madrid, no Círculo de Belas Artes en decembro de 1948, a que acolleu por primeira vez en público O discurso. "É por iso que o cadro tivo que ser pintado en 1947 ou 1948. Xa comuniquei na Deputación que deben corrixir a data", afirma Xosé Díaz Arias. No Catálogo do patrimonio artístico da Deputación da Coruña figura 1946.

 

O discurso colga desde onte no Museo de Belas Artes da Coruña. Cedeuno a Deputación da Coruña, a mesma institución á que recorreu o mozo Isaac Díaz Pardo para, a través dunha bolsa, rematar a carreira de Belas Artes no escuro inicio da década dos 40.



x