UNHA ESCOLMA DO PAPEL: LUGO É LETRAS. LOIS PEREIRO:

"A poesía é o que se arrinca da morte"

"A poesía é o que se arrinca da morte"

Lois Pereiro naceu, baixo o pseudónimo oficial de Luis Ángel Sánchez Pereiro, o 16 de febreiro de 1958, domingo de Entroido aquel ano, no primeiro piso da casa de dous andares que o avó Manuel construíra a comezos dos anos 50 en Monforte, no solar da estrada a Ourense onde estivera o Stadium do Lemos F.C. Eu levaba xa 17 meses vivindo alí cos nosos pais, Inés e Manuel. Ela, mestra que desde os 18 anos ía dunha a outra escola rural pola provincia, ata que o deixou para criarnos. El, un avogado que non quixo selo e tiña unha pequena industria de cristalería.


Os invernos, os outonos e as primaveras transcorrían en Monforte, a maior parte do día nos Escolapios de Monforte e o que quedaba del xogando cos amigos, no faiado da casa, na horta, na propia rúa, nos solares (o máis apetecible era un, propiedade do avó de Antón Patiño, no que se amoreaban milleiros de pneumáticos, e que hoxe sería declarado de alto risco e precintado por todo tipo de autoridades) e nas obras que se ían erguendo neles. Pero os veraos pasaban nas aldeas do Incio, primeiro na paterna, Reádigos e logo na materna, Santa Cristiña, cando aínda estaban cheas de xente e de nenos.

 

Monforte, aquela cidade agredida pola reconversión ferroviaria, non era aquel burato negro da cultura que era España a mediados dos anos 50, pero case. Máis que sempre, daquela as inquedanzas había que buscalas. Afortunadamente, estaban os libros, os das librerías monfortinas (Xistral, a que rexentaban Manuel María e Saleta; Balado ou Mapa) e os que caían nas de Lugo (había un pacto  familiar: cada visita médica, un libro). Afortunadamente, estaba a música, que chegaba por camiños case clandestinos. E o cine, aínda que había máis referencias lidas que películas que ver, quitados os clásicos que poñían na televisión.

 

Aos 17 anos, quen fora un neno máis ben tí- mido e calado, era un rapaz que recitaba aos simbolistas en francés nas discotecas, compartía a Velvet, Bowie ou King Crimson con aquel novo invento que servía para piratear e partillar música, o cassette, e participaba nos debates dos lectores nas revistas de cine. Posiblemente a eterna néboa que cubre no inverno o Val de Lemos, a ferruxe colonizando os raís e a herba invadindo as travesas de madeira norueguesa foi o que uniu a Lois desde o comezo e para sempre ao que chamaba “a xeada estética centroeuropea” e aos movementos contraculturais.

 

Xosé Manuel. “Aparte de ser o centro do mundo, Monforte non existe, é unha invención dos monfortinos emigrados”, declaraches nun perfil que che fixera Manuel Rivas na última páxina do diario El País, a mediados dos anos 80. Como che influíu Monforte? Como escolliches escribir en galego nun ambiente maioritaria, ou hexemonicamente castelanfalante?

 

Lois. Supoño que esa sempre é unha opción, pero a miña lingua xa estaba moi presente na miña vida desde a infancia: o seu son e a súa cadencia eran algo familiar e coñecido. Ao cabo, un non leva nada máis fondo e permanente que as súas vivencias e recordos practicamente abandonados: a néboa de cinco días, a friaxe da nosa infancia, o aprendido durante a formación da alma. E, máis tarde, un vaise alimentando ademais do lido, as súas viaxes e experiencias persoais, que poden enriquecernos ou perdernos nun real extravío sen raíces, pero que soen filtrar as augas estancadas dunha pobre indiferenza ao que nos é máis próximo.  

 

A miña lingua xa estaba moi presente na miña vida desde a infancia

 

No que respecta ao idioma, eu xa fun moi claro na miña Modesta proposición1 : “E esta terra, esta visión do mundo, do tempo, este «tempo» musical atmosférico, ruíns e submisos, pero sabios escépticos e resistentes, dun pobo ó que considerei sempre a primeira e esencial referencia xeográfica e mental [...] Agora aínda teño liberdade de opción para exiliar o meu espírito no Ártico, en Asia ou no Nepal, e teño permiso para que nada humano me sexa alleo. Por iso podo decidir militar na miña propia lingua, «porque quero, me peta e me dá a gaña...» 

 

XM. “Lois era sempre o que ía diante. Daba a sensación de que manexaba unha radiofonía secreta e que as cousas que pagaban a pena no mundo elixírano a el como depositario, da mesma forma que os tesouros antigos estaban protexidos por un «encanto». Non había que preocuparse polas modas. O que había que facer era seguir os pasos a Lois. Escoitar a súa música. Ler os seus libros. Ver as súas películas. Telo a carón para espantar o frío. Non había nel nada de gurú. Era so un rapaz enxoito e espelido que andaba a zancadas polo lado curioso da vida, con aquel abrigo que parecía herdado de Samuel Beckett”. Escribiuno Manuel Rivas na fermosa elexía que che escribiu en Babelia o 29 de maio de 1996...  

 

L. Moi fermosa, paga a pena morrer para merecer un texto así. 

 

XM. (Non andes con coñas que logo a mai le estas cousas e non lle fan graza ningunha). O que quería dicir é que se sempre é difícil escoller referentes culturais: agora hai que remexer entre tanto lixo, pero mediados e finais dos 70, nin siquera había moito lixo no que remexer para atopar cousas.  

 

L. A nosa xeración, a cabalo de cambios simultáneos, e mesmo precipitados, viviu coas portas abertas a todos os mundos que se abrían ante nós nunha perspectiva máis ampla, pero incerta e aínda moi cativa e limitada. Todo o que viamos fronte nosa, aí, a carón, era unha realidade mediocre e censurada, e buscabamos impetuosamente todo o que de novo se abría ante os ollos: o mundo fervía en calquera parte, en inglés, en alemán... Por iso, cando cheguei a estudar a Madrid, a outra metade do día que non a pasaba lendo os libros que atopaba nas librerías ou no Rastro, pasábaa na Filmoteca. Era máis barata que calquera outra cousa. O abono custaba cincuenta pesetas, dez por cada sesión, o mesmo ca unha cerveza Voll-Damn. Vin alí a filmografía completa de Yasuhiro Ozu ou Rainer Maria Fassbinder, fun a encontros en directo con directores como Hans-Jürgen Syberberg, Adolfo Arrieta e Werner Schroeter. Estaban as actividades do Colexio Maior San Juan Evangelista, das embaixadas, e logo os concertos, de Frank Zappa & The Mothers of Invention, en marzo de 1979, The Clash, John Cage, aquel que deu Lou Red en Carabanchel que acabou como as verbenas de antes, desfeito polas forzas e corpos de seguridade...

 

Nunca deixei de pensar, citando a Marguerite Duras que "o que se escribe é algo que se arrebata á morte"

 

X.M Ti eras o prototipo ou mesmo o pioneiro de poeta urbanita. 

 

L. Pioneiro, non. Levo a etiqueta, si. Na biografía que me fixo Iago Martínez di que era “capaz de facer quilómetros e quilómetros a pé sempre que houbese estímulos externos, rebumbio, xentes e cousas para as que ollar. Un urbanita, daba igual que estivese en Madrid ou nunha corredoira no Courel”. E certo que non teño ese “gancho” para o campo que tedes ti e Rivas, he, he, pero non teño esa impaciencia do urbanita, ou mesmo esa fascinación pitoña polo rural que teñen os de cidade. Ademais, ti definíchesme como un dandy rural e non ías desencamiñado.

 

XM. Cando che dedicaron o Día das Letras Galegas, houbo certa polémica sobre se iso era meter a túa obra no establishment, na cultura oficial, de anular o seu sentido crítico e radical.

 

L. O único galardón que me deron en vida foi o Premio Nacional de Poesía de O Facho, en 1982, por “Atrocity Exhibition”, e sempre me sentín moi orgulloso del. Tamén me alegrou moito quedar finalista nos Premios da Crítica de Galicia en 1994 por Poesía última¸ que logo non ganei, o que non me alegrou. Ou sexa que eu de premios e honras non sei moito, pero todo aquel que escribe é para que o recoñezan, ou como dicía o poema de Carver que citaba ao comezo de Poesía última: “ E conseguiches o que/ querías desta vida?/ Conseguino, si./ E que querías?/ Considerarme amado, sentirme/ amado na terra.” Eu tamén podería dicir o mesmo...

 

XM. Escribes un epitafio («cuspide enriba cando pasedes / por diante do lugar onde repouse / enviándome unha húmida mensaxe de vida e furia necesaria») que é un desafío á morte. Noutro intre dislle á morte: ¡Fuck off (fódete!) Durante anos os teus poemas foron lidos como durísimos relatos de agonía, como chanzos abaixo. Agora cobran outro sentido. Rexorden como oracións, como esconxuros.

 

L. Nunca deixei de pensar, citando a Marguerite Duras que «o que se escribe é algo que se arrebata á morte. E a morte resulta mutilada por cada poema escrito, lido, cada libro acabado». Iso é. A poesía é algo que se lle arrinca á morte. É, polo tanto, unha celebración da vida, coas súas luces e as súas sombras, pero da vida.

 

As respostas están extraídas na súa práctica totalidade das obras de Lois Pereiro Unha modesta proposición e Poesía última, así como da entrevista con Manuel Rivas publicada na mesma edición de Unha modesta proposición por Edicións Xerais de Galicia e tamén de Lois Pereiro, vida e obra, de Iago Martínez Durán (Xerais, 2011)

 

1 Modesta proposición para facer renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia. (Revista Luzes de Galiza, 1998, reeditado por Edicións Xerais de Galicia, 2011). Probablemente o título máis longo da historia da literatura galega, se o consideramos como un libro independente, e que contén os de obras de dous dos seus referentes, Jonathan Swift e Jorge Luis Borges).

 

Esta peza apareceu no Sermos Galiza nº 170, publicado a 15 de novembro de 2015. 

 



x