CONGRESO DA AELG EN PONTEVEDRA

Poesía galega desde o crepúsculo do Réxime

Poesía galega desde o crepúsculo do Réxime
Libros. Foto: cedida
Libros. Foto: cedida  

Nos arredores de 1976 publicáronse varias obras decisivas para a poesía galega contemporánea. Con pólvora e magnolias, Seraogna, Herba aquí e acolá, Mesteres ou E direi-vos eu do mister das cobras reconfiguraron o campo do posíbel e despexaron horizontes. Ese é o ano que a Asociación de Escritores en Lingua Galega escolleu para delimitar o congreso en que máis de 30 autoras e autores reflexionarán sobre o estado do xénero. O Congreso vaise realizar esta fin de semana -sexta feira e sábado- no Pazo da cultura de Pontevedra.
 


"A data de 1976 é significativa, polo novo contexto político e pola mudanza vencellada ao novo escenario", considera a profesora Chus Nogueira (A Estrada, 1968), que se encarga de coordinar o debate sobre a crítica. A irrupción do inédito non foi só estética. Os estudos literarios e a lingua entraron no ensino. A situación mudaba a velocidade elevada. A poesía foise desentendendo de obrigas anteriores e, canda a normalización da autonomía política, normalízáronse usos e maneiras que recibiron diferentes etiquetas: venecianismo, esteticismo, poesía dos 80.

 

Porén, Nós tamén navegar -así se denomina o encontro de dous días que empeza na tarde desta sexta feira en Pontevedra- ofrecerá outras vías de achegamento aos feitos poéticos dos últimos 40 anos. "O elemento máis enriquecedor, que máis ampliou o panorama, que abriu ventás, mesmo cunha intención de provocar, foi a poesía escrita por mulleres", sostén a poeta Marta Dacosta (Vigo, 1966). Responsábel da mesa que abrirá o congreso, sinala que, ademais, as escritoras tiñan vontade "de mudar o rumbo da poesía galega".

 

Seis libros editados entre 1991 e 1992 axudan a Dacosta a argumentar a súa tese: Urania, de Chus Pato, Música reservada, de Luísa Villalta, Metáfora da metáfora, de María Xosé Queizán, Tempo de ría, de Xohana Torres, Tras as portas do rostro, de Marica Campo e Prometo a flor de loto, de Luz Pozo. "Nesa época racharon tamén as barreiras xeracionais e asumimos que non podemos escribir se non o facemos desde o que somos, mulleres e galegas", engade, e cita a hispanista experta en lingua galega Kathleen March (Nova York, 1949): "No tempo actual non hai outra opción ca ler como muller, ca escribir como muller".

 

A poesía feminina, e feminista en non poucos casos, definiu a xeración dos 90 e a ollada crítica sobre a mesma. A achega de novos repertorios, adoito centrados nunha visión á fin liberada do corpo e o sexo, o que Dacosta denomina "o abandono do decoro", o emprego de rexistros lingüísticos antes non explorados, "enriqueceron a poesía galega". Que foi acompañada, entende Chus Nogueira, dun potente aparello crítico. "Se cadra, agárdase algo semellante para a poesía que están a escribir os máis novos. Pero non está sucedendo, e paréceme un erro procurar un réplica do que pasou nos 90", di.  

 

Pero se hai un elemento común ás seis palestras de Nos tamén navegar é a cada vez maior dificultade para estabelecer un relato ríxido e único da historia da poesía galega recente. Carlos Negro (Lalín, 1970) dirixe o debate sobre "innovación poética" e "trans-xénero". A súa intención é pescudar nas fronteiras, nas marxes, nas zonas de sombra, "cando o libro non é o centro da poesía e a palabra é un pouco transxénica". E comprobar que a escolla destas modalidades polas poetas é, tamén, unha certa tradición entre 1976 e 2016.

 

Do Antón Reixa que facturaba vídeos como Ringo Rango (1992) á Xela Arias que ensaiaba nos cruzamentos entre fotografía e verso ou á Chus Pato que "rompe os xéneros desde o núcleo mesmo do poema", a hibridación e o experimento non é convidada de última hora. En paralelo á talvez máis canónica poesía de alta conciencia culturalista, houbo esoutras liñas. "Interésame que falemos de como a poesía galega busca o transfronteirizo", sinala Negro. A videocreación de Celia Parra, Fran Alonso e as súas probas na Rede, Antía Otero a procurar espazos comúns entre poema e música, ou as experiencias co grafismo de Baldo Ramos e Xosé María Álvarez Cáccamo son os exemplos en curso que pon.

 

Pasaron máis cousas na poesía destas catro décadas agora revisitada desde o que parece a fase crepuscular do réxime político derivado do posfranquismo. A tradución aumentou o seu peso e o corpus de obras da literatura mundial en galego é elevado, afirma Ramiro Torres (A Coruña, 1973). "O problema é a publicación", anota Torres, que modera a discusión sobre o particular, "e a ausencia dunha política cultural pública, dunha estratexia de país para traducir e que traduzan a nosa poesía fóra". Con todo, "o voluntarismo de persoas á marxe das institucións" posibilitou algúns fitos, entre os que salienta o Fausto de Goethe en versión de Lois Tobío, A terra baldía de T. S. Eliot por Armando Requeixo e María Fé González, e a Divina Comedia de Dante segundo Darío Xohán Cabana.

 

Máis alá de 2016


Dúas antoloxías, No seu despregar (2016) e 13. Antoloxía da poesía galega próxima (2017) organizaron a percepción xeral de que unha nova camada de poetas petaban ás portas da literatura galega. Aínda que ningún dos escritores e escritoras escolmados participan en Nós tamén navegar -o que provocou algunha polémica nas redes sociais-, o seu eco rebotará nos debates (que, amais dos citados, abranxerán tamén as relacións entre ensino e poesía e "outras formas de comunicación do poético).

 

"Resúltame complicado atopar un nexo común entre eles", explica Carlos Negro, "pero si noto desconfianza na linguaxe, certo escepticismo e a pegada de Chus Pato. De feito, creo que a poesía galega do século XXI empeza con Chus Pato". Aínda que é a paisaxe devastada da gran crise e a precariedade vital como a súa consecuencia máis directa o que, se cadra, comparten autoras tan diversas como Ismael Ramos, Lara Dopazo Ruibal, Antón Blanco, Berta Dávila ou Tamara Andrés.



x