ARIEL NINAS, MÚSICO

“En Portugal mantense, aínda se ven cegos a tocar nos mercados”

“En Portugal mantense, aínda se ven cegos a tocar nos mercados”
Ariel Ninas e César Prata [imaxe: aCentral Folque]
Ariel Ninas e César Prata [imaxe: aCentral Folque]  

Ariel Ninas, d’aCentral Folque, xunto co portugués César Prata veñen de presentar o seu primeiro disco xuntos, ‘Cantos de cego da Galiza e Portugal’, que recupera e actualiza 16 temas dun e doutro lado do Miño.


- Vés de presentar en Zona de Zanfona o disco ‘Cantos de Cego de Galiza e Portugal’. Como xurdiu o proxecto?
- O xermen do proxecto foi un encontro de tocadores dun festival en Caminha en 2015, onde dei un curso de zanfona e César Prata dábao de cantos de cego, e aí foi onde nos coñecemos. A partir de aí, houbo moito ‘feeling’ persoal, e a min apetecíame entrar nesa temática desde un punto de vista non arcaizante senón máis lixeiro e máis doado de interpretar. Xurdiu a idea aí e traballando a distancia, enviándonos repertorio, ideas, arranxos… e empezamos a montar os temas. E en febreiro, no Entroido, gravamos todo. Non ten moita produción nin grandes artificios, queremos que soe como o directo. Digamos que é unha primeira aproximación e se estamos cómodos seguiremos adiante para conformar un corpus sobre este tema que sempre estivo aquí pero nunca se lle prestou unha atención temática.

- Supoño que o publicastes con ánimo de recuperación etnográfica, non?
- En parte si, pero tamén de reactualización, sen ningún tipo de pretensión fiel ao que é o contexto onde se xeraban estas músicas, que respondían a necesidades dos cegos de gañar diñeiro en romarías ou feiras no rural, e nas cidades nos mercados e nas rúas principais. E tamén ían de sitio en sitio nas casas daquelas persoas que os acollían. É unha recuperación etnográfica, pero desde un punto de vista de actualización artística, porque para nós tampouco tiña moito sentido facelo desde un punto de vista -digamos- etnomusicolóxico, folclórico ou tradicionalista, senón facelo ao noso xeito, pero si con esa temática arredor dos cantos de cego. Iso si que nos parecía interesante: crear un programa único e especial sobre estas músicas e estes textos, e sobre o que representaban como profesión musical. 

Os cegos zanfonistas en Galiza desaparecen a comezos do século XX

- Bótaste a cantar, ademais. 
- Había que facelo [risas]. É repertorio común, dun lado e doutro do Miño. Obviamente son historias locais que xeran comunidade, que os propios informantes os levaban dun lugar a outro, pero a temática é xenérica a toda a Península Ibérica. Nós facemos Galiza e Portugal e a cuestión é facer a metade dos textos galegos e a outra portugueses, e os daquí tocábame a min cantalos. Eu non son cantor, pero ben… había que atreverse. A ver como o defendemos ao vivo, porque César Prata si que é un cantor da xeración pos Zeca Afonso, canta moi ben. E el ten dous traballos ao respecto sobre cantigas de cego. Xa leva 10-15 anos traballando o tema da recuperación etnográfica e reactualización musical. 

- Hai algunha diferenza entre os cantos de Galiza e Portugal. 
- A verdade é que non. A temática é exactamente a mesma: moitos crimes, moitas historias truculentas, que no fondo era un factor de chamada de atención á audiencia, era o que o pobo quería escoitar, era polo que pagaba. Iso supón a  grande parte da temática destas cantigas, digamos o 60-70%. De feito, os pregos de cordel eran o 80-90% eran eses. Logo había un 5-10% de vidas de santos e outro 10% de historias divertidas: enganos amorosos, parrafeos de namorados, picaresca, etc. Si que na escolla final pode que os galegos sexan máis divertidos e menos criminais, pero iso foi un pouco pola nosa escolla persoal. Nos galegos hai unha historia de orixe sefardí, segundo Dorothé Schubart, que xa cantaba Florencio dos Vilares, con violacións, asasinatos… Hai un texto moi interesante, que é a que canta César, que é o único que está en español, que cantaba a Cega de Covelo, unha señora do Minho que viviu moitos anos en Galiza, non sei se aínda vive, e no seu repertorio tamén tiña textos galegos, algún en español. 

Que pasa en Portugal? Que teñen menos cobertura social que aquí, entón os cegos teñen que seguir en activo profesionalmente. 

- As vosas fontes son os cancioneiros e informantes actuais. Cando desapareceron os cantos de cego?
- Os cegos zanfonistas en Galiza desaparecen a comezos do século XX, o vello Peretes no ano 15-16 é cando deixa de tocar. Pero os cegos seguiron tocando moito con violín, algún con gaita, logo con concertina, que chegou e arrasou con todo. O último dos cegos sería Florencio, ademais tiña un xeito de tocar moi antigo. E logo quedan informantes que non son cegos pero aprenderon deles. Un dos temas que tocamos sacámolo do libro de cantares de cego de Mini e Mero. Pero en Portugal mantívose e mantense, aínda se ven cegos a tocar nos mercados, e César si que os recolleu na súa zona, na Beira Alta, no sur do río Douro. Case todos os textos portugueses son de recollidas de personaxes vivos e que aínda traballan na rúa. E non hai que irse só ao interior, vas ao mercado do Bolhao, en Porto, e alí hai, aínda que sexa cantando sobre un cassette. O caso máis famoso quizais sexa o de Dona Rosa, lisboeta, figura da ‘world music’. Que pasa en Portugal? Que teñen menos cobertura social que aquí, entón os cegos teñen que seguir en activo profesionalmente. 

- Noutros países continúase tocando?
- Si, é un fenómeno universal. Hai un caso moi famoso, de antes da II Guerra Mundial en Ucrania, onde os cegos eran personaxes moi respectados, medio curandeiros, medio sabios, e no ano 34-35 Stalin convocou un congreso de tocadores cegos para xuntalos a todos en Ucrania e o que fixo foi liquidalos. É un deses exemplos de liquidación brutal dun sector da poboación. Os poucos que había desapareceron e os que quedaron non volveron a tocar cando escoitaron o que pasara. Os últimos morreron nos anos 80. E en culturas africanas segue presente esta figura, e tamén no Tíbet, en Mongolia, en China… É xente que atesoura moitos coñecementos, teñen grande memoria e levan as historias e as novas de vila en vila. E estou seguro de que se nos escapan mil exemplos máis noutros lugares. Desde os tempos de Homero sábese que existen, pero seguramente son moi anteriores. 

No ano 34-35 Stalin convocou un congreso de tocadores cegos para xuntalos a todos en Ucrania e o que fixo foi liquidalos. 

- Levaban as novas dun pobo a outro e tamén tiñan unha produción literaria asociada, a chamada literatura de cordel. 
- Efectivamente, esta literatura, que estudou moitísimo Menéndez Pidal, no fondo é un ‘survival’ do que foron os trovadores medievais, cando a finais do século XIV e XV o fenómeno trovadoresco desaparece, en parte polo cambio social, os xograres xa non tiñan cortes ás que ir, e adáptanse en dous tipos de personaxes. Un, os que son asimilados aos ministriles, que son os músicos profesionais das cortes europeos, e quen non pode entrar aí, pasan a endosar o corpus dos músicos populares, que tocan nas romarías e nas festas. A partir dese momento no século XV ese tipo de música ten menor estima social e a partir do século XIV xa hai citas que falan de que son cegos con instrumentos de corda os que tocan ese tipo de música e ese tipo de historias. Son os ‘revivals’ dos cantares de xesta medievais. E a partir de aí, no século XVII empezan a xuntarse en confrarías, e non deixan de ser un oficio regulado e autoorganizado, como o gremio dos zapateiros ou dos mariñeiros. Había un gremio de músicos ambulantes nas cidades. Hai confrarías de músicos en Barcelona, Valencia, Madrid e Lisboa na Península, e tiñan bastante forza, con privilexios como poder ir aos xuízos en calidade de ouvintes. Entón o que facían era ir ao xuízo, escoitaban a historia e logo reformulábana, inventando os detalles máis escabrosos, e imprimían as historias nas imprentas, que xa empezaban a funcionar, para imprimir as historietas nesa literatura de cordel, que se chamaba así porque levaban os papeis atados nun cordel. E iso era o que vendían, por un pataco ou medio pataco. Canto máis letrada era a sociedade máis interese había. En Portugal máis que aquí, pero aínda se conservan papeis dos anos 70 e 80 do século XIX. E é exactamente o mesmo: papel de imprenta, con textos curtos, papel de cores para chamar a atención e impresos polas dúas caras. Vendíanos para completar o salario do músico. 

- Tedes un espectáculo asociado. A vosa idea é tamén ir polas feiras e polos mercados?
- Polas boas festas, si. Si, faremos un concerto a dúo, e imos estrealo o 11 de setembro na Guarda no festival Espazos Sonoros, e o venres 22 en Castelo Branco en Portugal. 



x