ESPECIAL SERMOS250 / V ANIVERSARIO

O presente e o futuro da cultura galega, a análise

O presente e o futuro da cultura galega, a análise
O Sermos250, a piques de saír do forno!
O Sermos250, a piques de saír do forno!  

Este 15 de xuño, alén do semanario habitual, as nosas lectoras e lectores poderán ler de vagar un suplemento de 64 páxinas en que debullamos moitos temas. E a cultura non podía faltar, por suposto. Con protagonistas e analistas que comentan o presente e nos nos sinalan os retos que nos trae o futuro. 


Este suplemento V Aniversario recolle 15 entrevistas e 15 pezas analíticas que representan unha radiografía da situación do país e da súa evolución nos últimos cinco anos. E faino da man de 31 persoas representativas de todos os ámbitos. E a cultura é unha peza fundamental neste país e así está tratada neste especial no que contamos con nomes como Ignacio Vilar, Vítor Belho, Manuel Vilar, Mercedes Queixas, Belén Bouzas, Xosé Ramón Ermida ou Carlos Biscaínho. Que nos falan de cinema, música, patrimonio, literatura, historia e teatro. 

miniatura-especial

 

Mercedes Queixas, profesora e escritora, aborda o sistema literario desde a cultura formadora e como motor de investimento económico e ofrécenos unha revisión da literatura no país, con grandes creadoras e creadores, carente do investimento, da visibilización, difusión e internacionalización necesaria por parte da Xunta de Galiza.

 

Con Ignacio Vilar falamos dos seus éxitos pasados e dos seus proxectos de futuro. E confésanos que levar ao cine a biografía de Rosalía é unha das súas maiores ilusións. E sinala o principal reto para o que vén: "Ter claro que temos que contar as nosas historias no noso idioma". 

 

Da man do antropólogo e escritor Manuel Vilar poderemos ler unha análise da situación do patrimonio galego, no que fala de cinco anos perdidos ou de "obscena pasividade" e no que alerta de que "o consumismo entra no campo do patrimonio e enténdeo como un elemento máis da industria cultural". 

 

Pola banda histórica, Xosé Ramón Ermida debulla a negación do Reino de Galiza na historiografía oficial. Tal feito non existe no relato da oficialidade, mantén, porque non pode recoñecer a existencia dunha realidade plurinacional previa.

 

No terreo do teatro, entrevistamos ao profesor da UDC Carlos Biscainho, que nos descobre as dramaturgas do futuro e analiza os últimos cinco anos nos que o teatro galego pelexou por saír da crise e no que abrollaron novos talentos ao abeiro da Escola Superior de Arte Dramática de Vigo. 

 

Tamén Vítor Belho nos conta as súas experiencias froito do seu traballo nos seus máis de 30 anos de experiencia na industria musical. Os erros, os acertos, as posibilidades de internacionalización da nosa música e os retos que nos quedan por abordar.  

 

E, por último, Belén Bouzas -especialista en literaturas lusófonas- ensínanos sobre a literatura de combate e a forza da resistencia cultural no Brasil. E cóntanos sobre as mulleres e os homs que se opuxeron aos diferentes reximes ditatoriais e que abordaron nos seus textos a denuncia das torturas e a represión sufrida. 
 



x