"MAIS CANTO ESA TERRA CRÍA TODO... TODO É DOS SEÑORES"

Primeiro texto de Rosalía (publicado) en galego

Primeiro texto de Rosalía (publicado) en galego
Extracto da páxina de El Museo Universal que publicou o poema de Rosalía
Extracto da páxina de El Museo Universal que publicou o poema de Rosalía  

Foi un 24 de novembro de 1861, no número 47 de  El museo universal, sen dúbida a revista ilustrada española máis importante do terceiro cuarto do século XIX.


El museo universal: periódico de ciencias, literatura, artes, industria y conocimientos útiles, tal era a denominación completa, é  unha complexa e vasta obra colectiva realizada ao longo de trece anos (1857-1869) por unha extensa nómina de autores que reúne intelectuais e artistas de diversos ámbitos, desde debuxantes, fotógrafos, gravadores até científicos ou diplomáticos, pasando por historiadores, xornalistas, narradores e poetas. Foi un ambicioso proxecto e un produto cultural de primeira orde, supuxo un enorme esforzo por alcanzar cotas de calidade, tanto en contidos literarios como xornalísticos e, moi especialmente, nas ilustracións e na presentación material da publicación. Editouse entre 1857 e 1869, ano en que foi adquirido por Abelardo de Carlos, o propietario de La Ilustración Española y Americana, revista editada até 1921.

¡Adiós qu´e eu voume!

No número 47, correspondente ao 24 de novembro de 1861 publícase o primeiro texto en galego de Rosalía. Sería o poema ¡Adiós qu´e eu voume! e que logo se consagrará como Adiós ríos, adiós fontes. 

O poema publícase por primeira vez solto en El Museo Universal e conservará este título nas dúas edicións  de 1862, tanto na revista Galicia .Revista universal de este reino (15 de agosto de 1862) como en El Álbum de la Caridad (1862). 

Mais nas edicións en libro, a partir de 1863, o título desaparece e o poema pasa a se titular cos primeiros versos do cantar popular que glosa o poema, Adiós ríos, adiós fontes

Todo… todo é dos señores

A edición do poema publicada en El Museo Universal presenta unha estrofa máis que as publicacións posteriores. Tanto a edición de Galicia, como a de Álbum de la Caridad non inclúen unha estrofa que di: 

    Por xiadas, por calores
    desde qu´amañece ó día 
   dou á terra os meus sudores
   mais canto esa terra cría
   todo… todo é dos señores. 

E que ía despois da estrofa que remata co verso “o que naceu desdichado” . 

Adiós, rios, adiós fontes

As edicións en libro do poema engadirían o cantar popular, que non está nas tres edicións soltas

Adiós, rios, adiós fontes,
adiós regatos pequenos, 
adiós vista dos meus ollos 
non sei cando nos veremos.

Nas versións soltas do poema, de 1861 e 1862, aparece este verso: Desd´ a orilliña do mar, forma que é substituída  na edición de 1863, en libro por  Desd´á veiriña do mar

Cal a razón da supresión desta estrofa? Téñense apuntado  varias, mais para Francisco Rodríguez a razón é evidente: "O poema hai que analizalo  poñendo en relación o drama da emigración ultramarina coa problemática da propiedade da terra. A eliminación da estrofa deixa constancia dunha censura imposta á hora de denunciar que a terra é dos señores.”

Cento cincuenta e cinco anos despois na Galiza as previsións apuntan para unha importante perda de poboación,  máis de duascentas mil persoas nos próximos quince anos, e nese proceso de perda de poboación, quer por transvase de persoas do rural para o urbano quer por morte,  a terra está a mudar de propietarios. Xa hoxe os anuncios de venda de propiedades agrícolas se contan por millares. Aldeas completas están en venda. E as multinacionais están atentas para esas compras. ENCE xestiona xa máis de 10.000 hectáreas de terreo. Serán outros os donos da terra, muda a fasquía dos señores, mais aínda ha de ter razón Rosalía:


Por xiadas, por calores
desde qu´amañece ó día 
dou á terra os meus sudores
mais canto esa terra cría
todo… todo é dos señores. 


PS
O corpo deste texto está tirado do Almanaque das Irmandades.