Á procura de "Joselín", pioneiro na narración oral

Á procura de "Joselín", pioneiro na narración oral
Joselín
Joselín  

As xeracións de máis idade, da contorna de Vigo principalmente, aínda teñen na memoria os contos de José Rodríguez de Vicente, Joselín. Da súa man chégannos as primeiras gravacións de teatro galego que aCentral Folque publica nun libro-cd paraa recuperación dunha figura á que tamén contribuirá o espectáculo que prepara e dirixe Quico Cadaval. 


"Os contos de Joselín. Primeiros documentos sonoros do teatro galego (1929-1954)", é o título do libro-CD da Central Folque que se presenta esta semana no marco do Festival Atlántica a sexta feira día 21, no entorno da celebración do Día Internacional da Narración Oral. Con gravacións descubertas e editadas polo investigador Ramón Pinheiro, de aCentral Folque, e un estudo da profesora da Universidade da Coruña, Laura Tato, o proxecto busca recuperar a singular figura dun contador único que chegou a ser popular a través da radio tamén na Arxentina. 

Canda o libro-cd presentarase o espectáculo “Os contos de Joselín” que dirixe Quico Cadaval e no que participan tamén os contadores, Celso Fernández Sanmartín e o zamorano José Luís Gutiérrez, “Guti”, un artista que conta e canta, á maneira de Joselín e que se estreará a partir do 15 de abril. 

A idea de editar os contos de Joselín naceulle a Ramón Pinheiro despois dunha conversa con Alfonso Paz Andrade na que lle confesou que o arquivo de seu pai Valentín contiña moito material documental sobre o contacontos. “Alí atopamos correspondencia con risco ou Cabanillas, fotografías e distintos materiais e a idea comezou a callar. Alfonso púxonos en contacto coa familia Delgado Tapias e no seu domicilia atopamos un segundo lote de material con moitísima máis documentación, desde textos manuscritos ate unha parte importante dos másters. Nesa altura xa vimos que os materiais eran moitos e moi importantes e falamos con Laura Tato para que desenvolvera a investigación”, conta Ramón Pinheiro das orixes do traballo. Alén das gravacións sonoras, recuperouse a súa produción como guionista con Suevia Films e a súa relación con Otero Pedrayo, tema de estudo tamén de Tato. 

Figura contraditoria

Á figura de Joselín, Ramón Pinheiro defínea como “contraditoria, con moitas aristas diferentes”. Por unha banda, mantívose próximo a Risco e a unha querenza pola lingua e a cultura do país, mais tamén foi alcalde con Primo de Ribera e recibiu medallas honoríficas do réxime. En Arxentina foi figura de masas e condutor do primeiro programa de radio galega “La hora gallega” ao tempo que  mostrou a súa vinculación co franquismo sen, por iso, perder a súa relación con galeguistas como Otero. “Digamos que é unha figura moi poliédrica e realmente hai elementos da súa biografía chamativos. Un personaxe difícil de encadrar”, valora Pinheiro. 

En "Os contos de Joselín. Primeiros documentos sonoros do teatro galego (1929-1954)", recóllese os 23 relatos gravados, todos eles en galego. Catro contos máis foron localizados mais non atoparon gravación. “No libro transcríbese toda a obra dramática, ademais da investigación de Laura Tato e a súa biografía e xúntase un CD cos 23 contos gravados no 29, 30 e 31”, explica o editor ao tempo que anota que nos anos cincuenta volvéronse regravar doce dos contos que son os que xa recuperara Valentín Paz Andrade nun vinilo producido por Caixanova en 1976.

“Joselín é esa figura popular, experta, que sempre ten un comentario e que poderíamos comparar hoxe coas viñetas do Carrabouxo. O seu uso da lingua é moi interesante, conserva a fala dos mariñeiros e labregos, con sotaque moi propio. Nalgúns dos contos recrea escenas de cegos e canta, moi ben, por certo”, explica Pinheiro a punto de iniciar as presentacións que teñen como obxectivo divulgar a singular personaxe a quen o propio Castelao tiña en moita consideración de maneira que chegou a desenvolver unha adaptación de “O ollo de vidro” para un artista só que sería o propio Joselín. “Era unha forza comunicativa e non teño dúbida que é a primeira gravación teatral”, apunta  o editor, que atopa en Cadaval ou Celso Sanmartín herdeiros deste pioneiro da narración oral. 

Os primeiros documentos sonoros que se recollen, do 29, proceden dunha sesión conxunta desenvolvida no Teatro de Ourense pola discográfica Regal na que, cando os contos de Joselín, graváronse os sons de Faustino Santalices, o Coro de Ruada, os Gaiteiros de Soutelo e a Banda de Ourense no que sería o primeiro catálogo de produción en galego. “Pasa a ser un produto de masas, eses discos fixéronse populares e non se deixaron de reeditar ate vén pasado o tempo. A xente que ten máis de sesenta anos lembra aínda os contos de Joselín emitidos na radio”, popularidade que medrou aínda máis en Bos Aires, con el ao fronte dun programa de masas e converténdose nun personaxe moi coñecido na colectividade galega. 

Relatos como “Romance de Ciego”, “O retrato”, “O tabeirón” ou “Que listo é o meu fillo” popularizaron a Joselín, unha figura da que agora se rescatan 23 a súa colección de contos en galego.